0 Gardados para despois

Eva Solla

Pola túa saúde. Non ao TTIP e TISA

Os problemas de saúde son algo polo que todo ser humano pasamos algunha vez na vida. Que todas e todos imos precisar dos servizos sanitarios sábeno tamén os grandes poderes económicos, e que os visualizan dende a súa concepción neoliberal como potenciais negocios altamente rendibles.

A mercantilización dos servizos públicos leva na axenda do capitalismo internacional dende os anos 80. O debate abriuse en 1986 en Punta del Este, pola Organización Mundial do Comercio (OMC) na coñecida coma "Rolda de Uruguai". As negociacións prolongáronse ata os 90 e entre outras cousas propiciaron a aprobación en 1994 do Acordo Xeral do Comercio de Servizos (AGCS) que esixía aos Estados o establecemento dun ámbito de competencia entre empresa pública e privada e que supuxo a base dos tratados actuais.

Complementariamente estableceuse o debate para o Acordo Multilateral sobre Inversións (AMI) entre OMC e OCDE que promulgaba dereitos ilimitados para as multinacionais fronte aos Estados. Afortunadamente, a protesta social obrigou a retirar tal acordo en 1998.

En Europa tras a aprobación do Tratado de Maastrich (1992), a directriz neoliberal da axenda de Lisboa (ano 2000) plasmouse na Directiva Bolkestein, que abría a espita á privatización clara dos servizos públicos no marco da Unión. Foi novamente a loita social a que excluíu Sanidade e Sistemas de Protección Social.

O TTIP ten dous obxectivos claros: rebaixar ou anular os dereitos en material laboral, social e ambiental para facilitar a implantación das multinacionais nos Estados europeos e facerse cos servizos públicos dos mesmos

En 2013 comezaron as negociacións entre a Comisión Europea e os EUA de cara a acadar un Acordo Trasatlántico sobre Comercio e Inversión (ACTI, máis coñecido polas siglas inglesas TTIP). O devandito tratado ten dous obxectivos claros: rebaixar ou anular os dereitos en materia laboral, social e ambiental para facilitar a implantación das multinacionais nos Estados europeos e facerse cos servizos públicos dos mesmos. Por suposto, as negociacións transcorren na máis absoluta opacidade e os datos que ata o de agora se coñecen saíron á luz só despois de seren filtrados.

A desregulación no ámbito da seguridade alimentaria, tal e coma se propón no TTIP, abriría a porta ao uso de organismos xeneticamente modificados, tratamento da carne con hormonas ou clorado de polos e pavos, elementos hoxe prohibidos ou limitados na UE. A desregulación en materia farmacéutica aumentaría a capacidade extorsionadora da industria para vender as súas medicacións a prezos desorbitados, imposibilitando a negociación, a existencia dunha industria pública ou a produción de xenéricos.

A desregulación en materia farmacéutica aumentaría a capacidade extorsionadora da industria para vender as súas medicacións a prezos desorbitados

Co TTIP temos tamén sobre a mesa, unha vez máis a privatización dos servizos públicos. Coa súa entrada non só se cursaría a perda dos servizos en si, se non que sería practicamente imposible volver nacionalizalos. Isto é así, porque nos Tratados de Libre Comercio operan os chamados Tribunais Arbitrais Internacionais. Unha especie de "xulgados" dispostos para a defensa dos intereses das multinacionais, sen ningún tipo de seguridade xurídica e onde os intereses de estas empresas priman sobre a lexislación e competencias dos Estados. Diversos países que xa contan con tratados de Libre comercio cos EUA enfróntanse a indemnizacións multimillonarias por mor de esta pseudolegalidade capitalista.

A escasa información filtrada desatou unha nova alarma que ten chegado mesmo ao Parlamento Europeo, que en decembro de 2014 emitía un Proxecto de Opinión da Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria onde advertía dos enormes prexuízos que comportaría a aprobación do TTIP e se manifestaba en contra do mecanismo de solución de litixios baixo o risco de "socavar substancialmente os dereitos soberanos da UE, Estados membros e autoridades locais e rexionais".

As protestas sociais iniciadas teñen feito modificar o discurso da Comisión Europea, que traslada agora que os servizos públicos non van ser privatizados co TTIP. Non sabemos a día de hoxe que vai ser acontecer, pero, por suposto, os poderes económicos teñen xa o seu Plan B.

Ademais do TTIP, o TISA pretende a liberalización total do comercio de servizos e nel están implicados 50 Estados

Ademais do TTIP, existen outros Tratados en vías de diálogo. O máis importante é o Acordo sobre o Comercio de Servizos (TISA, polas siglas en inglés). Este, ao igual que o TTIP parte da "Rolda de Doha" da OMC (2001) e pretende poñer en marcha os mesmos principios do fallido Tratado de Libre Comercio para as Américas (ALCA): a liberalización total do comercio de servizos (sanidade,educación...). Nel, están implicados 50 Estados da UE, EUA, Australia, Xapón e México.

A súa finalidade en materia sanitaria é facerse con todo aquilo que sexa rendible, tal e coma sabemos polas filtracións a través de Wikilieaks. De aprobarse, o noso sistema sanitario estaría en grave perigo, cooptado polas multinacionais e sen posibilidade legal de volver atrás os procesos de privatización. O aseguramento sería o principal foco, xa que as grandes aseguradoras cobizan dende fai moito tempo facerse con este "negocio", eliminando a Seguridade Social coma tal. Non en van, os seguros sanitarios moven un mercado que segundo algúns expertos pode roldar os 6 trillóns de dólares.

Nas nosas mans está loitar contra a aprobación de estes Tratados tal e coma xa se fixo noutras ocasións. Se non o facemos así, o dereito á protección da saúde estará firmemente comprometido. O traballo é tan sinxelo coma asinar contra as negociacións, espallar a información e acudir e participar de todas cantas mobilizacións contra TTIP e TISA teñamos alcance.

A globalización non se formulou para dar acceso a todos os seres humanos aos mesmos servizos, se non para globalizar o espolio ás riquezas e dereitos dos pobos. Pola túa saúde, pola soberanía dos pobos, érguete e di non ao TTIP e TISA!

Acerca de Eva Solla

Eva Solla (Vigo, 1984), diplomouse en Enfermaría e traballou como tal no Servizo Galego de Saúde. Deputada de AGE no Parlamento galego dende 2012 e responsable da Secretaría de Organización de Esquerda Unida na Comarca de Vigo. Dende outubro de 2014 é secretaria xeral do PCG, cargo que por vez primeira ocupa unha muller.