Encontros no 1972

No ano 72, tres anos antes da morte do ditador, un toleirán desafío e a tensión febril atravesando os corpos, estala nos miolos e no sexo da clase obreira. Prodúcese unha unión electrizante, unha corrente fraternal, e grandes folgas que serán o maior éxito do proletariado galego.

No ano 72, tres anos antes da morte do ditador, un toleirán desafío e a tensión febril atravesando os corpos, estala nos miolos e no sexo da clase obreira

O 1º Encontro será coa morte, en Ferrol, nunha mañá de marzo en que o crime ía tinguir de negro a historia, cando malditos nunca abondo maldicidos, disparan brutas balas, furando o corazón de Amador Rei e atravesando a cabeza de Daniel Niebla, dous guindastres elevando a condición humana, obreiros de Bazán en manifestación.

2º Encontro, setembro, preto de Zamáns en Vigo, xuntanza masiva, Organización obreira entre piñeiros, estoupa a gran folga viguesa que unirá uns 16.000 operarios das fábricas viguesas, metal, téxtil, peixe, porcelana…Centos de detencións. Mobilización policial. Desprazamento de policía especial, gardas civís, máis de 30 jeeps. Estado de excepción. Vigo en pé de guerra inzado de oitavillas, para saír á rúa enarborando a ira nos alzados puños.

Estado de excepción. Vigo en pé de guerra inzado de oitavillas, para saír á rúa enarborando a ira nos alzados puños

Ignora seguramente a mocidade actual, afeita á globalización, á información instantánea, cos móbiles e internet, como se facían as convocatorias de folgas. Noites sen durmir da persoa encargada da maquiniña, da vietnamita, dándolle á manivela, cortando folios, facendo oitavas partes, oitavillas, para difundir de madrugada nas fábricas, nos barrios, na cidade, convocatorias de manifestacións dunha resaca de rabia reprimida, a opresión dunha ditadura fascista que duraba demasiado.

Foron momentos de angustia para moita xente, moitas mulleres ao pé da comisaría, O MDM, avogados como Randulfe, Elvira Landín ou Álvarez Gándara, pendentes dos detidos, acompañándoos á cadea na rúa do príncipe, informando do que dixeran para avisar a compañeiros. Un non vivir.

O MDM, avogados como Randulfe, Elvira Landín ou Álvarez Gándara, pendentes dos detidos, acompañándoos á cadea na rúa do príncipe, informando do que dixeran para avisar a compañeiros

3º Encontro. Estación de Vigo. Chea de policías. Non veñen a cargar, veñen a escoltar. Podían levar foguetes en lugar de fusís. Casual encontro fascista, ignorado pola clase obreira. Mágoa. Era o momento de que feroces homes metálicos e mulleres con profundos sucos nos rostros asañados, foran recibir con ira matinal os personaxes da cidade agardando as autoridades que chegaban no tren de Madrid. Alí estaba o alcalde Portanet e a esposa con desexos de ver o seu fillo; o primoxénito de Carrero Blanco que realizaba un curso de submarinos en Galiza ( ignorante de que o destino do seu pai sería, pola contra, voar polos aires no seu coche) estaba impaciente por ver á noiva, que viña de visita, debidamente autorizada polo pai, o ministro Oriol e Urquijo. Festivo despregamento policial! O director do Faro de Vigo, e escritor, Álvaro Cunqueiro, a quen lle agradaría ser o obxectivo daquel séquito de seguranza, agardaba polo respectivo fillo que chegaba coa súa muller negra, e traían a presentar ao avó o neto negriño, que non se chamaba Panchito.

Chegaba no mesmo tren o irmán dun meu amigo que me contou este último encontro do ano 1972. Cousas da vida, diría Castelao.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.