Mercar a humillación: unha reflexión ética sobre prostitución

A propósito das intencións do líder de Ciudadanos, Albert Rivera, de incluír no seu programa electoral a legalización da prostitución, recordo esta mañá o conxunto de impresións que sentín fai anos en Bruxelas, atravesando o norte da cidade nun tren.  

Que é o que a prostitución vende exactamente? Unha cona? Un ano? Unha boca? Ou todo iso reunido  nun combo no que tamén se suma o pérfido e invisible pracer da dominación económica?

Así como no Barrio Vermello de Ámsterdam, epicentro da prostitución e outras actividades controvertidas en Holanda, nalgúns barrios do norte da capital europea existen casas provistas de altas vitrinas tralas cales posan semi-núas mulleres, intentando captar a atención de potenciais clientes. Desde o meu vagón puiden velas. Pegaban os seos e o cu ao cristal do escaparate, bailaban rozando os seus xenitais contra o respaldo dunha cadeira, sacaban a lingua e desfilaban dando voltas dentro daqueles cubículos, subidas nos seus tacóns imposibles. Aquí en España eu non vira nada igual nunca. O más cerca que estivera de ver a prostitución en vivo fora no meu paso fugaz en bicicleta por unha rúa do Raval barcelonés na que non convén parar nin á luz do día, sobre todo se es muller, e non queres que te atraquen.  A miña sensación ao ver ás mozas naqueles escaparates foi de tristeza e de agravio como ser humano,  e non como moitos e moitas poderían pensar, de repugnancia pola súa sexualidade.

Aquel foi un anticipo curto do que vería despois no Barrio Vermello de Ámsterdam. Nunca me molestou ver a una muller espida e bailando sedutoramente, moitas persoas vemos a outras espidas e facendo un numerito na intimidade. O que me molestou, o que me indignou, o que me entristeceu  foi o cariz ridículo e humillante de todo aquelo; tangas ridículos, bailes ridículos, e homes desde a rúa, grupos de estranxeiros, ulindo a carne desde a outra beira do canal, emitindo gruñidos, con présas e aspaventos, gargalladas violentas e suando alcol.

Pero... por que identificar como humillante a prostitución e non reducilo a unha simple transacción económica, como a compra-venda de caramelos ou o traballo nunha xestoría? Analicemos pois, en términos mercantís, de que produto e de que forza de traballo falamos.
 
Que é o que a prostitución vende exactamente? Unha cona? Un ano? Unha boca? O esforzo dunha señora para xirarse, poñerse de costas, ou colocarse enriba dun señor? Ou todo iso reunido nun combo no que tamén se suma o pérfido e invisible pracer da dominación económica?

Así que se a lei xa non obriga á muller a servir ao marido na súa vontade de dispoñer co seu corpo o que lle saia de dentro, moitos homes recorren á compra de corpos cuxa vontade se anula por hora

Cantos deses clientes están casados ou teñen parella e realizan o coito, sexo anal e sexo oral con elas? Hoxe en día xa non vivimos na sociedade puritana dos nosos avós e avoas e a xente goza do sexo máis libremente que antes. Tal vez ocorra que non poida ser sempre que eles queren ou coas condicións que eles desexen. Así que se a lei xa non obriga á muller a servir ao marido na súa vontade de dispoñer co seu corpo o que lle saia de dentro, moitos homes recorren á compra de corpos cuxa vontade se anula por hora. Á mesma práctica recorren os solteiros que non se molestan en socializar para lograr unha parella sexual e recorren ao tradicional privilexio masculino de pasar polo harén e deixar unha esmola. Mercar prostitución é mercar a humillación á que non podes someter a unha muller libre, e o pracer non é aí máis que un derivado desa humillación.

Considerar ocioso ir de prostitutas é un acto egoísta de dominación masculina

Considerar ocioso ir de prostitutas é un acto egoísta de dominación masculina. É por tanto obvio e humano que aquelas señoras das vitrinas non puidesen sentirse cómodas nesa tesitura, nesa publicación da súa intimidade, nese ofrecemento do seu corpo, de si mesmas a calquera, sempre por unha miseria de diñeiro en comparación co valor inestimable que deberíamos atribuírlle na sociedade a cada un dos seres humanos.  Proba diso é que, cando quixen retratar coa cámara o que vían os meus ollos, as mulleres empezaron a golpear os escaparates como posesas e tiven que gardala para non meterme nun lío.

A escusa da mellora das condicións sociais das prostitutas é unha tapadeira ben gorda á descarada intención

A escusa da mellora das condicións sociais das prostitutas é unha tapadeira ben gorda á descarada intención, que xa nin se disimula, de utilizar o capital que xera esta actividade denigrante para engrosar as arcas do estado, un estado que a día de hoxe sigue sen pertencernos ás e aos cidadáns e si  ás elites do capitalismo e á súa xerarquía de títeres de turno, que se benefician dos mellores salarios públicos. Para min queda claro que non é ético financiar as autoestradas nin a sanidade a costa das vidas desgraciadas de miles de mulleres, e outros tantos gais e transexuais, sexan ou non vítimas de trata, que para comer deciden, máis que "voluntariamente", sempre "circunstancialmente" escoller esta vía, tan pouco recomendable para a integridade psíquica, tan pouco realizante, tan empobrecedora do espírito, ao contrario que a sexualidade establecida con outro tipo de fins.

A prostitución non é un traballo digno, polo impacto psicolóxico e as implicacións fisiolóxicas do sexo sobre o ser humano, uns efectos dos que non podemos escapar, pois non somos máquinas

A prostitución non é un traballo digno, polo impacto psicolóxico e as implicacións fisiolóxicas do sexo sobre o ser humano, uns efectos dos que non podemos escapar, pois non somos máquinas. O estado ha de financiarse con traballos dignos que contribuían ao benestar, á felicidade e á saúde das e dos cidadáns, e non coa prostitución. Hai que lexislar sobre elo cara unha abolición, que non unha prohibición, pero non legalizar, para non normalizar o que non é ético. Imaxinádesvos un futuro no que vos cheguen ao mail propostas de páxinas estilo infojobs nas que vos suxiren un emprego de prostituta, ou de prostituto? Agradaríavos? Pensémolo sen frivolizar. Nin estado proxeneta, nin país de chulos, nin paisaxe de vitrinas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.