Europa afoga na súa miseria

Esta vez a magnitude da traxedia foi tal que os mesmos ministros de Interior que se xuntaron en Barcelona hai uns días para falar tamén de inmigración -pero só falaron de yihadismo- correron a retratarse como os mandatarios sensibles e preocupados que non son. Os mesmos medios que apenas tocaron a súa programación para informar sobre os 400 mortos da semana pasada despregáronse con gran aparello para contarnos o indignante e terrible dun drama que, co verán enriba e a guerra á alza, non só non irá a mellor senón que vai empeorar.

As mafias que trafican con eles son culpables. Pero nós non somos inocentes

Muros, valos, barcos de guerra, policías, controis. Todo tan caro como inútil para deter unha marea humana que foxe da miseria, a fame e a violencia. As mafias que trafican con eles son culpables. Pero nós non somos inocentes.

Mentres en Europa sigamos pensando que a nosa riqueza e o noso benestar deben protexerse nun búnker que debe ser defendido ante asaltantes estranxeiros que veñen para quedar co que é noso, continuaremos recollendo cadáveres con cada marea. Mentres sigamos pensando que un bo dispositivo de salvamento produce un efecto chamada entre millóns de inmigrantes, xamais deixaremos de afogar na nosa propia miseria.

O Mediterráneo é Europa. Non unha fronteira. Nós deberiamos ser os primeiros interesados en promover a democracia e unha maior redistribución da riqueza en África

O Mediterráneo é Europa. Non unha fronteira. Nós deberiamos ser os primeiros interesados en promover a democracia e unha maior redistribución da riqueza en África porque esa falta de liberdade e oportunidades áchase na raíz da desesperación que empurra a xente ao mar. Fai falla ser moi miope para non entender que Europa debe compartir a súa riqueza para que os países do norte de África se convertan en socios e aliados, e a área mediterránea nun mercado cheo de oportunidades para o crecemento económico e a expansión do benestar.

O norte de África parécese moito ao sur de Europa que emerxeu pobre, violento e inestable tras as ditaduras de Franco, Salazar ou os militares gregos

Xa coñecemos o modelo para facelo, sabemos como facelo e sabemos que é o único que funciona. O norte de África parécese moito ao sur de Europa que emerxeu pobre, violento e inestable tras as ditaduras de Franco, Salazar ou os militares gregos. Tamén lembra moito á Europa do Leste que sobreviviu a décadas de ditadura comunista e moitos afirmaban que non estaba preparada para a liberdade. A democracia é o único remedio efectivo para a desesperación dos pobos.

Durante décadas apoiamos e amparamos réximes corruptos para apropiarnos da riqueza natural de África ao menor custo posible. É hora de empezar a pagar as nosas débedas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.