Arquitectura

A arquitectura está mergullada nunha considerable melancolía. Nun momento histórico de potentes transformacións que ameazan con esluír a nosa cultura, está tamén en cuestión o futuro do milenario oficio da arquitectura.

O paro e o traballo precario son actualmente a realidade de 3 de cada 4 novos arquitectos titulados no país galego

Viñeron tempos de crueza laboral. Lonxe da innovación, semella triunfar un modelo regresivo apoiado no escravismo para maior beneficio da oligarquía financeira que logrou establecer unha sorte de feudo global, no que grande parte da sociedade convive coa dificultade e a pobreza. Os arquitectos afixémonos a ver descender aos infernos a moitos compañeiros de oficio e, de forma xeneralizada, a vivir ao día e traballar a deshora.

O paro e o traballo precario son actualmente a realidade de 3 de cada 4 novos arquitectos titulados no país galego. Familias de autónomos que comen da caridade e profesionais transformados en esmolantes  ou pillando o pan ás agachadas, son as curiosidades que atopamos na prensa a diario, nese afán de personalizar a desgraza nos máis desafortunados. Ás veces trátase de individualizar a crise estigmatizando ao débil para non recoñecer o fracaso global da nosa sociedade.

Unha nova crise disciplinaria caracterizada pola invasión de competencias edificatorias por parte doutros colexios profesionais cunha formación moito menos humanística

Coma colectivo, os arquitectos sufrimos en paralelo á crise económica unha nova crise disciplinaria caracterizada pola invasión de competencias edificatorias por parte doutros colexios profesionais cunha formación moito menos humanística. Lonxe fica o recoñecemento á nosa formación específica, que é central na cultura do habitar, na exploración sensorial da espacialidade, do significado da edificación, da beleza das construcións e da súa harmonía coa paisaxe.

A sociedade galega esqueceu a relevancia da arquitectura na configuración do noso espazo vital, do noso habitar. Pola contra, padecemos a irrelevancia social do noso traballo e da nosa formación disciplinaria

A sociedade esqueceu o vencello existencial do ser humano co espazo. O espazo é todo o que non é o ser en si mesmo, a percepción e manipulación dos obxectos, o universo que se abre ante nós e nos posibilita comprender a realidade material do mundo desde que damos os nosos primeiros pasos. A sociedade galega esqueceu a relevancia da arquitectura na configuración do noso espazo vital, do noso habitar. Pola contra, padecemos a irrelevancia social do noso traballo e da nosa formación disciplinaria. As decisións que afectan á planificación urbana e edilicia estanse tomando en base ao beneficio inmediato, desprezando a historia, a tradición construtiva e os tecidos existentes, tanto urbanos coma rurais.

E cada vez con máis forza existe o convencemento de que para crear ese novo hábitat os arquitectos sobran. Grande erro. Peor é que as arquitectas e arquitectos galegos parecemos vivir resignados a esta melancolía, a este lento esmorecer.

Porén, nas últimas datas producíronse na cidade da Coruña uns poucos acontecementos que veñen revitalizar a presenza social da arquitectura galega contemporánea. Nos primeiros meses do ano a figura de Manuel Gallego foi enxalzada cunha pequena mostra dos seus planos orixinais no Colexio de Arquitectos (COAG) - na que se podían ver suculentos debuxos trazados a man da praza e museo da Colexiata de Sta María do Campo - tamén coa presentación na libraría Formatos dunha nova monografía que recolle a súa obra recente, e co premio honorífico á súa traxectoria dentro da edición anual dos premios COAG.

Á exposición de Gallego no Colexio de Arquitectos sucedeulle outra adicada a Andrés Fernández-Albalat.  Unha mostra con orixinais dos proxectos de vivendas para mariñeiros en Fontán (Sada), a Fábrica de Sargadelos e a Igrexa de San Fernando. Precisamente Albalat é, xunto con Bar Boo, un dos máximos protagonistas do libro que acaba de publicar, tamén en datas recentes o profesor Antonio Vázquez Río sobre a arquitectura feita na Galiza durante a década dos sesenta. Ao tempo, un ciclo de conferencias xuntou na Seoane a arquitectos novos con outros maiores, coma a enorme loitadora  Myriam Goluboff divulgando as obras arxentinas do desaparecido e ben querido Mario Soto. Configurando eternas utopías.

Unha suma de pequenos acontecementos que semellan lembrarnos que a arquitectura segue a ser a substancia da cidade, que quere ocupar de novo o lugar que lle pertence no debate urbano, recuperar o prestixio de outrora perdido e ser relevante na creación do noso hábitat futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.