Cada onde carallo imos?

Inmersos nas urxencias cotiás, vivimos coma se non tiveramos pasado nin houbera un mañá. A televisión, a radio e mailo perello das redes sociais, mantéñennos informados de mil cousas e tres mil paxaradas, case en tempo real e sen importar a que distancia. Tanto é así, que igual coñezo antes o que pasou hai unha hora no municipio de South Cadron, en Arkansas, ca o sucedido hai medio día na parroquia lalinesa de Cadrón, coma quen di, aquí ao lado; tanto é así e tanto o apuro na información, que xa teño as miñas dúbidas sobre se o que me contan realmente aconteceu, está a piques de facelo ou aínda vai acontecer mañá. Un día dinche que subiu o PIB, outro dinche que baixou o paro, outro que subiron os impostos, e volta que baixou o PIB, ou que subiu o paro ou que baixaron os impostos; así unha nova tras outra, vivindo nun continuo sobresalto de cousas que soben e baixan, pero sen memoria algunha das baixadas e subidas anteriores. Así as cousas,  por exemplo, pode o PIB ir a ceacú e costa abaixo, que se nese trimestre che din que subiu unhas décimas, e como non lembras as veces que baixou e canto, ti botas bombas de sete estalos confiado en que vas subindo as escaleiras do ceo; a mesma fartura que se che baixan agora os impostos un 5%, pero xa non lembras que hai un tempo chos subiron un 8%.

Pode o PIB ir a ceacú e costa abaixo, que se nese trimestre che din que subiu unhas décimas, e como non lembras as veces que baixou e canto, ti botas bombas de sete estalos confiado en que vas subindo as escaleiras do ceo

As árbores que tes perante o nariz non che deixan ver o bosque, e nunca podes estar seguro de se estás subindo a montaña, baixándoa ou xa camiñas polo val medianeiro. Por iso é bo procurar un petouto, sentar no cume e outear con paciencia e curiosidade os arredores, para saber de onde ves e cara onde vas, que se cadra non é o que pensabas. Aló lonxe de onde ves, no comezo da década dos 80, primeiro Margaret Thatcher en Reino Unido e logo Ronald Reagan nos USA, puxeron en marcha a liberalización da economía en aras da suposta meirande eficiencia dos mercados. Europa, que para daquela estaba inmersa nun período de estancamento e inflación, non tardou en seguir os pasos dos anglosaxóns; iso si, con menos determinación e tratando sempre de non esfandangar o edifico do Estado de Benestar, levantado na posguerra e apuntalado durante os trinta anos de paz keynesiana. Moitos defensores da importancia do sector público na economía pensamos que igual era bo reducir o seu peso en aras dunha economía mais áxil e eficiente. Van aló mais de trinta anos, tempo mais que abondo para facer un receso e botar as contas da feira. Segundo os datos recollidos polo profesor francés Piketty (et al.), a taxa de crecemento da produción por habitante, que acadara o seu máximo no período 1950-1970 tanto en USA coma na Europa Occidental, non deixou de baixar ata data de hoxe. Así pois, primeiro desengano, o movemento liberalizador non fixo mais produtivas as nosas economías (Gráfico I).

Primeiro desengano, o movemento liberalizador non fixo mais produtivas as nosas economías

A teoría económica da filtración afirma que boa parte dos beneficios xerados polo crecemento rematan por filtrarse á toda a sociedade, e que canto mais aumente o patrimonio da clase capitalista mediante exencións fiscais e beneficios tributarios, mais grande e amplo será o filtrado sobre as clases populares en forma de novos postos de traballo e aumentos salariais. Cando falamos da teoría da filtración a case todos nos ven á cabeza a imaxe da pirámide de copas de champán dun casorio, que o camareiro consegue encher todas vertendo o espumoso só na copa do curuto, e cando esta está chea vai rebordando sobre as inmediatas de abaixo, e así unhas sobre as outras ata que se enchen todas. A outra xente igual lle ven á cabeza a imaxe, tamén moi aquelada, do cribo de area que deixa caer no chan a areíña mais fina e conserva no cribo os grans mais grosos. Pois ben, segundo os datos recollidos por Piketty, no período liberalizador (1980-2012), a participación no Ingreso Nacional do 10% mais rico aumentou case 15 puntos porcentuais en USA  e 5 puntos no conxunto de Europa; é dicir, a día de hoxe, o 10% mais rico apodérase de case o 50% do Ingreso Nacional en USA, e do 37% en Europa (Gráfico II). Segundo desengano.

O crecemento medio anual non deixou de minguar dende os 80, polo que o panorama é desacougante e a teoría da filtración non funciona tal e como din

Claro, sempre haberá quen che argumente que non importa que aumente a desigualdade se asemade medra tamén o importe total a repartir; que mais da que os grans que quedan no cribo sexan cada vez mais grosos se o po fino que cae é tamén moito mais! Xa, sería un consolo, pero xa vimos mais arriba que o crecemento medio anual non deixou de minguar dende os 80, polo que o panorama é desacougante e a teoría da filtración non funciona tal e como din. Dá por sentado que a acumulación de capital ten un límite superior que unha vez traspasado, o capital bota por fóra e esparexe o sobrante; pero se cadra é mais certo pensar que as copas non teñen fondo e podes esperar sentado que o champán reborde e pingue cara abaixo. Xa Marx falaba hai mais de 150 anos da tendencia do capital a medrar indefinidamente e que o sistema capitalista ía morrer dunha enchente de capital.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.