Indigno

Unha cousa é mentir, xa que se trata dunha característica inherente ás persoas, unha acción consciente ou inconsciente da condición humana. Pero outra cousa é “contalas calladas”. Iso si que reborda maldade, un pouso de malicia intencionada que nunca favorece a quen a practica.

En Xove, nos debates plenarios que se deron nesta lexislatura que vai rematar, desde o grupo municipal nacionalista do que eu son portavoz, participamos sempre con iniciativas construtivas sen esquecer nunca a nosa obriga de fiscalización da acción de goberno. Aínda que neste último punto tivemos pouco traballo debido á parálise gobernamental. Así a todo, no outro, no de aportar ideas, non podo permitir que un político profesional (moi ben pagado por certo) me trate de folgazán a sabendas da súa falsidade. Só me podo defender destas acusacións asegurándolles que a mesma dedicación que practico na miña profesión diaria, véñoa aplicando á miña labor política sen cobrar un peso. Teñan en conta que a meirande parte dos que estamos nisto é por convicción. Do mesmo xeito que se coida a un familiar durante unha convalecencia por amor ou se continúa a traballar no negocio propio até horas intempestivas por servizo ao cliente e non por rendibilidade económica.

Tampouco é certo que non o teña chamado por teléfono e que non fora nunca falar con el ao seu despacho. Máis ben ao contrario. El nunca me chamou a min e sempre fun eu quen se interesou polos problemas dos veciños. A última vez que o chamei foi debido ás pedras que caeron encima das casas do Cruceiro tras unha voadura con barrenos nas obras da VAC. So pretendía interesarme polos veciños, algo que seguramente nunca lles trasladou. Pero o máis interesante é que, hai dous anos, nunha visita ao seu despacho (ese que di que nunca pisei), incluso me anunciou “medidas” a tomar respecto ao anterior tenente de alcalde, José Manuel, cando eu lle facilitei unha información que alguén me fixo chegar de forma anónima e da que lle deixei sacar unha copia. Eu quedei co documento orixinal. Curiosamente, quince días despois desa reunión, José Manuel presentou a súa dimisión “por motivos laborais”.

Nunha entrevista publicada a semana pasada, o candidato do PP puido quedar coma un señor. Pero a elegancia non vai con el. E agora o noso prezado alcalde quedou coma o que é. E todo isto tendo en conta que os datos oficiais din que desde o grupo municipal nacionalista presentamos 61 iniciativas, fronte ás 5 do PP. Nós saímos a 30,5 propostas por concelleiro. Eles saen a 0,62 propostas por cada edil/a. Polo tanto, só me queda dicir que un mandatario que non recoñece o traballo do rival político só pode ser cualificado dun xeito: indigno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.