Os concellos que veñen, IV. (Corolario)

“Se penso isto e olho, para ver se a realidade me mata a sede, vejo casas inexpressivas, caras inexpressivas, gestos inexpressivos. Pedras, corpos, idéias — está tudo morto.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Todos os cidadáns, vivan onde vivan, teñen dereito a gozar de servizos básicos universais e de calidade. E os que viven en Galicia, tamén. O feito de termos unha lingua e unha cultura propias, e unha economía produtiva e un asentamento territorial diferenciados, non debería minguar a capacidade obxectiva dos concellos galegos para prestarlle á súa veciñanza servizos públicos municipais semellantes aos que reciben as persoas empadroadas noutras partes do Estado español. Alomenos, iso é o que nos contan.

Mais a realidade é moi teimuda e as cousas nunca acontecen tal e como reza o catecismo oficial, editado na capital de España. Ese dereito, aparentemente irrefutable, coxea máis da conta ao compararmos territorialmente os recursos económicos que aporta o Estado para cofinanciar os gastos municipais. Os concellos galegos reciben menos recursos, a pesar de que a prestación dos servizos é máis cara. Verbi gratia, subministrarlle auga potable en condicións equitativas aos residentes nas Quimbambas custa máis ca facelo no resto do Estado. E non é porque unha boa parte da súa veciñanza –sen transporte público e con mal acceso a Internet- non pague os tributos locais, ou por non acudir á procesión o día da patroa. É porque os de acolá ignoran adrede a realidade desta esquina do mapa.

Así que, iso que os refinados centralistas de sempre -e os modernos recentralizadores de agora- denominan “solidariedade territorial”, posiblemente sexa un simple descoido de mala educación, propio dos que pretenden que se lle entenda, a pesar de falar coa boca chea.

Outro galo cantaría se as persoas que nos representen nos concellos galegos, despois do 24 de maio, tomasen conciencia do sentido de pertenza e obrasen en consecuencia, reivindicando a competencia de Galicia en materia de administración local, para así poder definirmos a nosa estrutura territorial e conformar institucións propias nun País diferente.

Xa de postos, tampouco estaría mal pórse de acordo na demanda dun novo modelo de reparto dos cartos do Estado para as entidades locais, no que a poboación deixe de ser o factor determinante. O asentamento territorial, o envellecemento da poboación e a taxa de fecundidade tamén deberían pesar á hora de distribuír a bolsa da participación dos concellos nos tributos estatais. Tributos que nós, os galegos e as galegas, tamén pagamos. Va que si?

Ah! O meu tío Lisardo alucina cando, despois de constatar a paixón unánime dos partidos políticos galegos a favor destas propostas, aqueles cuxos xefes viven máis alá de Villacastín non teñen reparo en deixalas morrer afogadas na madrileña fonte de Neptuno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.