A loita onde debemos atoparnos

O primeiro de maio foi historicamente un día de conmemoración e loita das persoas traballadoras ao longo e ancho do planeta: conmemoración do valor con que os chamados Mártires de Chicago reivindicaron a xornada laboral de oito horas e do terrible prezo que pagaron por ela, da loita polos dereitos desa mesma clase obreira, sempre ameazada polos poderes económicos e os intereses do capital que, nos últimos anos, intensificou as agresións a eses dereitos ata poñer en xaque a dignidade mesma da clase traballadora.

Dende que no ano 2008 estalase a mal chamada crise económica, a resposta dos sucesivos gobernos de PSOE e PP seguiu unha única dirección: o recorte nos dereitos e liberdades conquistados, xustificándose sempre nunha abstracta necesidade de "gañar competitividade" ou nun basto insulto ao conxunto de traballadoras e traballadores, tal coma o "vivimos por enriba das nosas posibilidades", un mantra que calou nunha cidadanía en estado de shock que só recentemente comezou a decatarse de que foi sometida a un fastoso engano, a un xogo de trileiros entre dúas caras da mesma moeda e no que uns poucos gañaron moito a costa do saqueo e desangre da maioría. Non sorprenden, neste sentido, os "lapsus" da señora Cospedal.

A posterior reforma do PP, xa no ano 2012, supuxo a finalización do camiño emprendido polo anterior goberno do PSOE no recorte dos dereitos laborais

Sirvan como exemplo as reformas laborais impulsadas polos Partidos do Réxime: a do PSOE en 2010, que abriu a porta con medidas como o despedimento con 33 días de indemnización fronte aos 45 da normativa anterior, cargou ao FOGASA unha parte do custo dos despedimentos (nun vergonzoso exercicio de mentalidade curtopracista) ou abriu a porta á intermediación das empresas de traballo temporal (ETTs) ata na contratación pública. Esta reforma foi contestada cunha folga xeral, en xuño do mesmo ano, á que o Goberno fixo oídos xordos. A posterior reforma do PP, xa no ano 2012, supuxo a finalización do camiño emprendido polo anterior goberno do PSOE no recorte dos dereitos laborais: abaratou o despedimento improcedente, ampliou os supostos do despedimento obxectivo, eliminou a autorización administrativa para Elos, impulsou unha nova modalidade de contrato en condicións de semiescravitude e consagrou a primacía dos convenios de empresa sobre os colectivos, por citar só algúns dos seus apartados máis prexudiciais. Novamente, os traballadores e traballadoras foron á folga, esta vez en dúas ocasións, e novamente foron ignorados, cando non criminalizados.

 

Chegou a hora de dicir basta

É o momento de unirse, de deixar atrás as pequenas diferenzas que nos separan e centrarnos na acción conxunta, a única que verdadeiramente temen os que se cren donos e señores dos nosos destinos

É o momento de plantar cara ao poder do capital, ese que se cre dono e señor de todos e cada un de nós, de saír á rúa e berrar alto e forte que non imos quedar cruzados de brazos mentres os poderes financeiros xogan co noso futuro e sacrifícannos como peóns nunha macabra partida de xadrez. É a hora de dicir que queremos traballar menos para que poidamos traballar todos e que iso non nos converte en seres preguiceiros, senón en seres solidarios. É o momento de unirse, de deixar atrás as pequenas diferenzas que nos separan e centrarnos na acción conxunta, a única que verdadeiramente temen os que se cren donos e señores dos nosos destinos. Teñen que entender, dunha forma ou doutra, que ningún traballador ou traballadora están sós, que todos e todas formamos parte do mesmo colectivo e que se tocan a un ou a unha tócannos a todos e todas. Que nos terán sempre en fronte para opoñernos á súa parasita ambición, porque as vidas e dignidades das persoas están, malia que lles pese a algúns, por enriba dos seus beneficios.

É o momento tamén de que a loita polos dereitos laborais se estenda máis aló da fábrica ou da cadea de montaxe: debemos incorporar a reivindicación de que non é tolerable que exista unha nova clase social, o precariado, condenada para sempre a traballos mal pagos e con escasas ou nulas perspectivas de futuro, unha forma de traballo que acerna de raíz os proxectos vitais de moitos dos nosos mozos e das nosas mozas, que se ven forzadas ao exilio como única alternativa laboral máis ou menos digna.

É o momento tamén de que a loita polos dereitos laborais se estenda máis aló da fábrica ou da cadea de montaxe: debemos incorporar a reivindicación de que non é tolerable que exista unha nova clase social, o precariado

E é tamén, como non, o momento de reclamar a fin da discriminación salarial da muller, que xa dura demasiadas décadas, do recoñecemento de sectores coma o do traballo doméstico ou de coidados, xeralmente desempeñados por elas e invisibilizado e infravalorado constantemente porque -seica- non xera valor engadido; de achegarnos aos autónomos e pequenos empresarios, eses que sofren o indicible para chegar á fin do mes e, en ocasións, choran cando se ven abocados a despedir persoas que levan anos traballando nas súas empresas porque ninguén entra pola porta a comprar ou porque non hai pedidos. É o momento, en fin, de entender que as regras do xogo mutaron e que non se poden aplicar vellos remedios a novas agresións, que debemos transcender as receitas esgotadas da organización post fordista e prepararnos para enfrontar unha nova etapa na que os poderes económicos, os de arriba, serán máis agresivos que nunca á hora de defender esa parcela que consideran súa por dereito.

E aí, nesa loita, é onde todos e todas debemos atoparnos

E aí, nesa loita, é onde todos e todas debemos atoparnos. Polo pasado que nos trouxo ata aquí, polo presente que temos que moldear e polo futuro que, entre todos e todas, habemos construír.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.