Cociña a lume lento, non 'fast food'

Entre as cousas que máis me chamaron a atención a respecto das enquisas publicadas estes días sobre a intención de voto das próximas eleccións municipais galegas está o feito de que se lle dea tanto peso a unha forza como Ciudadanos. Digo que me chama a atención, pois nuns comicios que acostuman centrarse tanto en proxectos concretos e na proximidade das persoas que se presentan, resulta estraño que se lle dea posibilidade de representación a unha forza sen implantación no noso país e cuxas listas foron presentadas no último minuto sen que houbese tempo para coñecer quen son os seus membros.

Entre as cousas que máis me chamaron a atención a respecto das enquisas publicadas estes días sobre a intención de voto das próximas eleccións municipais galegas está o feito de que se lle dea tanto peso a unha forza como Ciudadanos

Con todo, isto non é o que máis me preocupa, pois independentemente do que digan as sondaxes, o que realmente ten valor é o voto da cidadanía. O alarmante é que poida chegar a ter relevancia unha forza que defende medidas tan antisociais como a eliminación da prestación por desemprego, a suba do IVE (mesmo do superreducido) en detrimento do IRPF ou o tratamento d@s inmigrantes pouco menos que como se fosen escrav@s. Por se non abondase, leva tamén propostas tan graves como relegar a lingua galega a un ámbito residual, unha brutal contracción do Estado autonómico e reducir os investimentos en infraestruturas galegas ata unha cantidade puramente simbólica.

Nunca me fiei das cousas que medran moi rapidamente a golpe de artificio e sempre fun máis partidario das cousas ben feitas, son de cociña feita a lume lento máis que de fast food

Loxicamente esta fenomenal campaña propagandística, que fixo en poucos meses que un pequeno partido catalán se expandise de xeito tan desmesurado, ten que ter un sustento económico de grupos ben poderosos que fican oculto, o cal non deixa de ser outro motivo de preocupación.

Semella claro que o electorado vai castigar fortemente o PP e o PSOE pola súa responsabilidade no deterioro das nosas institucións, pero a alternativa non pode pasar por forzas que presentan un programa con demasiados puntos en común con partidos de extrema dereita que, por desgraza, están asentados en países como Francia, Italia ou Holanda. Nunca me fiei das cousas que medran moi rapidamente a golpe de artificio e sempre fun máis partidario das cousas ben feitas, son de cociña feita a lume lento máis que de fast food.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.