A Compostela do zapato

Velaí que cousas pasan, as veces, na capital da Galiza, a verdade e que son ben chuscas, dan ganas de rir... Xa hai algúns anos que centos de persoas participan nun chamado "acto social"que consiste na entrega dun zapato; un grupo de persoas, escollido por outro grupo, recibe un zapato de agasallo por seren os que visten con máis elegancia na cidade, o premio só recoñece a elegancia na súa vestimenta, claro... E así están alí reunid@s xentes da política, da universidade, de centros de investigación, de distintas actividades e profesións, e un longo etcétera. Iso si, todos e todas vestidos moi elegantes para o evento do zapato.

Coido que se aínda vivisen Berlanga ou Buñuel terían o argumento dun filme xa feito, mais seguramente a xente do cinema galego xa estará cavilando nesta mesma idea... Pois si, é certo, feitos así ocorren en Santiago, capital cultural europea e patrimonio da humanidade.

Mágoa que xa non estean Castelao ou Borobó para poder rir a cachón cos seus debuxos e crónicas desta Compostela, de verdade tan chusca

Ben certo é que tamén ocorren moitas outras cousas; por exemplo, nestas semanas tivo lugar a estrea dunha composición musical dun fillo da cidade e músico xa universal, Abe Rabade e o seu trío, que tocaron en concerto coa Real Filarmonía de Galiza nunha actuación espléndida, co aforo cheo e a presenza de moita nenez e mocidade, da pouca que aínda pode vivir na Galiza; tamén no Barrio de S. Pedro a AA.VV. fixo a festa da primavera, con moita auga e sen electricidade, por decisión do goberno municipal, mais a veciñanza resolveu esta prohibición e a festa aledou os corazóns e mesmo, durante un anaco, o tempo.

Mágoa que xa non estean Castelao ou Borobó para poder rir a cachón cos seus debuxos e crónicas desta Compostela, de verdade tan chusca. Ó mellor El Roto, que si estivo en Santiago algunha vez mostrando a súa obra, anímase e fai un debuxo sobor da Compostela do zapato... haberá que agardar....

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.