Discurso breve do candidato panciverde

Albendín é un lugar cordobés do municipio de Baena, famoso pola súa vizosa horta e por unhas oliveiras que seica dan o mellor aceite do mundo. Os albendinenses todos -ou panciverdes, que tamén se lles chama- son arredor duns mil cincocentos; para facérmonos unha idea, algo así coma todos os nosos rabadenses ou caldelaos. Nas vindeiras eleccións municipais de maio, o Partido Popular presenta como candidato nese lugar a Juan Antonio Malagón, un mozo de pelo escaso e pobre, pero valente e afoutado, comprometido ata as orellas coa causa azul libertaria e disposto a esfolar o pelello na misión imposible de guindar abaixo a sempiterna bandeira vermella da pedanía.

Juan Antonio leu e releu os folletos do programa electoral. Pero el non é un candidato calquera, é ambicioso e quere facer carreira na política; así que, collendo cousas de aquí, outras de alá e outras que lle viñeron á cabeza, escribiu un discurso co que se presentaría un día destes perante a veciñanza. Un discurso breve, que sabe que non son tempos de predicar no deserto nin gastar palabras en balde. Despois de varios intentos, este foi o resultado: “Mi nombre es Juan Antonio Malagón, ya me concoceis, quiero decir que soy el candidato por el Partido Popular para la representación en Albendín. Quiero que sepais que mi único objetivo es crear empleo, más para las mujeres que para los hombres, más empleo directo para las mujeres y más empleo indirecto para los hombres. Empleo directo en Albendín! Empleo directo en Albendín, que no se nos olvide. En esta legislatura tengo muchísimo, muchísimo que ofrecer sin pedir nada a cambio .. Espero que entendais lo que os quiero decir y espero vuestro voto en las próximas elecciones municpales del 25 de Mayo”.

Abofé que conseguiu unha peza mestra da oratoria política contemporánea, sen nada que envexarlle aos  meirandes primores de Cospedal ou Floriano. Hai brevidade, por suposto, apenas seis liñas de prédica;  pero en tan poucas palabras aínda lle caben un par de obviedades, coma cando di como se chama aínda que xa todos o coñecen, ou cando recalca que é o candidato do Partido Popular aínda que é de supor está a pensar nun mitin dese Partido e diante dos propios simpatizantes. Do obvio pasa directamente á súa “idea forza” de campaña: Emprego directo en Albendín.

É unha boa idea e moi aquelada, si señor. Fortemente demandada, abondo abstracta e sen competencias para pórlle remedio. O emprego é unha demanda social urxente e a súa solución non depende da vontade política do candidato; así, se despois mellora a situación do emprego, apúntase o mérito aínda que sexa de xeito indirecto, e se non mellora, bótalle directamente as culpas a quen si ten as competencias. Por último, abondo abstracta, xa que non se especifican cantos postos de traballo nin cales. A distinción que fai de seguido o candidato entre emprego directo e indirecto, e a súa repartición entre mulleres e homes, xa son exquisiteces de alta política económica á que eu non chego, nin tempo teño xa de chegar.

Da creación de emprego pasa Juan Antonio, sen solución de continuidade, a algo que ben pode ser unha promesa mesiánica ou ben unha mensaxe encriptada. O candidato confesa que ten moitísimo, moitísimo que ofrecer e sen pedir nada a cambio. Moitísimo moitísimo non sei canto é, pero pouco non parece. Que pode ter el en tan grande cantidade? Non sei, guapo, guapo non é, pero sabe Deus se agocha tesouros inabarcables. E sen pedir nada a cambio? Dende os tempos de Xesús de Galilea nunca tal cousa se vira! Ben, sexa cal sexa a mensaxe, como os que a van escoitar e logo votar son os seus propios veciños, é de supor que saiban do que fala e promete o candidato. “Espero que entendais lo que os quiero decir...”, di o profeta.

Se o discurso xa era unha obra mestra, a súa mise en place aínda o agranda de categoría: Juan Antonio grávase en vídeo co teléfono, pronunciando o discurso namentres conducía o seu coche en dirección ao posto de traballo. “Muy buenos días ... voy camino al trabajo y voy aprovechar para grabar este vídeo, ya que soy nuevo y me da un poquito menos de verguenza ... pues bueno ...”, confesa antes de comezar a arenga política. Logo, xa no traballo e coa autoestima empoleirada, sobe o vídeo ás redes sociais. O feito de facer pública a súa gravación puxo en evidencia un incumprimento do Código de Circulación -ir falando polo móbil asemade conducía- e da Lei Electoral -pedir o voto aínda coa campaña sen comezar-. Pillado coas verzas na man, Juan Antonio nega que leve nada nas mans e menos aínda verzas: que se ía no coche avariado enriba da grúa remolcadora, que se a estrada estaba cortada ao tráfico, que se a súa intención non era pedir o voto senón demostrar como se pode manipular a xente e mailos medios de comunicación, ... etc. En fin, o candidato panciverde semella todo un paradigma do discurso político que nos tocou vivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.