0 Gardados para despois

Emilio M. Martínez Rivas

Os inmutables efémeros

Estou pronto a rematar o libro que me ten ocupado os últimos días, Civilización. Occidente e o resto, de Niall Ferguson, a quen xa lle lera anteriormente outro volume dedicado ao imperio inglés. O libro, aínda que posiblemente algunhas das teorías que expón precisasen maior desenvolvemento e respaldo de datos obxectivos, é moi recomendable para calquera que guste da Historia e valore o xeito en que nesta podemos atopar explicacións válidas para comprender o presente.

Cando remate teño que decidirme pola miña próxima lectura, tal vez Imperios de Jane Burkank e Frederich Cooper ou a obra clásica da que hai uns días saíu publicada unha nova tradución: Historia de la decadencia y caída del Imperio Romano, de Edward Gibbon, cuxa primeira edición se publicou entre 1776 e 1789.

Aínda que os temas sobre os que versan estas tres obras son diferentes, e diferentes os tempos en que foron escritas, existe unha liña común. As tres abordan distintos momentos históricos sobre os cales, quen neles viviron, terían afirmado que a situación á que se chegara sería perdurable ata a fin dos tempos. O imperio romano aquí, o chinés alá, os califatos árabes, o imperio español logo,  competindo co otomán, seguido do inglés…

Cantas veces nos teñen repetido que as cousas non poden mudar, que o que coñecemos é o único que hai, que o porvir será igual que o presente, que tentar cambiar o estado das cousas só é unha forma de se frustrar…? É a máxima do pensamento conservador: nada pode cambiar, as cousas sempre foron así, sempre serán así… repítennolo desde cativos, mentres medramos…

A Historia dinos que as sociedades mudan, unhas veces para mellor, non poucas veces para peor, pero nada é inmutable

A Historia demóstranos o contrario. A Historia dinos que as sociedades mudan, unhas veces para mellor, non poucas veces para peor, pero nada é inmutable. Os libros que citei falan de imperios, falan de períodos de centos de anos, de evolución continua… pero non cómpre ir tan lonxe para vermos exemplos de que todo muda, de que “nada é para sempre”.

A comezos de 1982, dificilmente unha persoa que non fose militante do BN-PG (a alianza entre a UPG e a AN-PG) podería afirmar, sen arrubiarse, que no prazo de quince anos a forza que sairía da Asemblea de Riazor chegaría a superar o PSOE en Galicia.

O devir do nacionalismo de esquerdas foi froito do traballo de moitos centos de persoas, sobre todo persoas anónimas para os medios de comunicación

O devir do nacionalismo de esquerdas foi froito do traballo de moitos centos de persoas, sobre todo persoas anónimas para os medios de comunicación. Foi froito dunha actuación estratéxica impecable e tamén, como todos sabemos, do desgaste do PSOE. O devir do nacionalismo galego tería sido, con toda probabilidade, moi diferente se o BNG non decidise, xusto despois da elección de Xosé Manuel Beiras como único parlamentario autonómico, acatar a Constitución. E talvez deberiamos lembrar que a decisión se tomou por unha marxe de votos que dificilmente se podería cualificar de contundente, e deberiamos lembrar o proceso que seguiron algúns dos que apostaban criar unha alternativa á marxe das institucións: a escisión da UPG que deu lugar ao PCLN, a súa saída logo do BNG e a creación da FPG, e doutras cousas...

Os que hoxe apoiamos a creación dunha nova forza política no nacionalismo galego escoitamos a miúdo as máximas conservadoras de que nada vai cambiar, de que fóra do BNG saído da Asemblea de Amio non existe nin esperanza nin futuro, de que o único que se conseguirá será fraccionar o voto nacionalista e de esquerdas e agasallar uns boletos gañadores ao próximo candidato do PP a presidir a Xunta de Galicia.

Os que hoxe apoiamos a creación dunha nova forza política no nacionalismo galego escoitamos a miúdo as máximas conservadoras de que nada vai cambiar, de que fóra do BNG saído da Asemblea de Amio non existe nin esperanza nin futuro

Uns e outros esquecen que, en canto ao xogo de partidos, podemos atopar moitos exemplos de como este varía das formas máis inesperadas e inesperables. Hai un par de décadas, o Partido Nacionalista Escocés (SNP) apenas era unha forza residual. Hai un par de décadas, o mesmo que hoxe se di dos que deixamos de considerar o BNG como a casa común, dicíase sobre o Bloco de Esquerdas en Portugal. Cantos daban un peso pola supervivencia da Esquerda (Die Linke) na Alemaña unificada? Ou máis doméstico: cantos apostarían hai uns anos pola consolidación de Compromís? O futuro dunha forza política non depende da historia das siglas, depende do acaído das súas políticas, das tácticas e das estratexias, da calidade dos seus líderes, da resposta que lle dean ás necesidades da cidadanía e da capacidade de se achegar a ela…

Hoxe, en realidade, o futuro do nacionalismo, e en boa medida o futuro de Galicia, pasa pola consolidación deste novo proxecto, que sexa capaz de ilusionar á sociedade e ilusionar aos centos de persoas que ficaron desencantadas

Hoxe, en realidade, o futuro do nacionalismo, e en boa medida o futuro de Galicia, pasa pola consolidación deste novo proxecto, que sexa capaz de ilusionar á sociedade e ilusionar os centos de persoas que ficaron desencantadas respecto a un fondo e unhas formas profundamente conservadoras no seo do BNG. O futuro de Galicia, a posibilidade real de volver a derrotar electoralmente ao Partido Popular, pasa por saber chegar ás contornas do nacionalismo e da esquerda organizada, chegar ás persoas e aos colectivos aos que sempre se marxinou por non ter encaixe dentro dos ríxidos moldes impostos polos aparatos. 

O futuro do nacionalismo pasa por aprender a relacionarse coa nosa sociedade sen complexos, nin de superioridade, tan propios de quen se cren posuidores da verdade absoluta

O futuro do nacionalismo pasa por aprender a relacionarse coa nosa sociedade sen complexos, nin de superioridade, tan propios de quen se cren posuidores da verdade absoluta, nin de inferioridade, tan propios de quen se ven só como convidados en casa allea.

O futuro non é a repetición do pasado, o futuro será segundo o que fagamos no noso presente.

Acerca de Emilio M. Martínez Rivas

Emilio M. Martínez Rivas. Economista, presidente da Coordinadora Galega de ONGD entre o ano 1998 e 2005.