0 Gardados para despois

Fernando Rei Maio

Sinfonía electoral desafinada

Cando un realiza unha análise de calquera obra musical, aconséllase comezar desde as partes máis amplas (sonoridade, movementos, seccións …) para pasar despois ao mais concreto (frases e motivos melódicos, células rítmicas, acordes …) Pois ben. Se analizamos a sinfonía electoral composta para Compostela vemos que presenta moitas curiosidades. O primeiro que chama a atención é que está formada por seis movementos (os seis partidos políticos que teñen posibilidades reais de acadar representación en Raxoi -BNG, CA, CxG, C's, PP e PSOE-), algo xa de por si curioso debido ao elevado número de movementos para unha sinfonía clásica, máis isto non ten porque ser algo desfavorable ou daniño para a música. 

Mais se procedemos a realizar a análise do concreto, procedendo a analizar as candidaturas e os programas electorais de cada movemento-partido vemos que a sinfonía presenta uns graves defectos musicais que a levan a converterse nunha sinfonía desafinada e mal composta. Dos seis partidos políticos mencionados anteriormente, só dous (BNG e CxG) levan a músicos nas súas listas electorais. O BNG a tres persoas e CxG a unha. Do cal xa se pode facer unha primeira valoración negativa da obra. Non é que estea composta nun modo menor, é que non ten harmonía. Se nos imos agora ao programa electoral e aos primeiros discursos de campaña, vemos como non se fai referencia directa á vida musical de Compostela no tocante as súas institucións nin á importancia da música no eido social e cultural da Cidade -só os típicos parágrafos que enchen follas dun programa electoral-. 

No debate celebrado no club financeiro de Compostela, un único candidato fixo mención a un aspecto musical concreto: aos catro anos perdidos para lograr a necesaria ampliación do Conservatorio Profesional de Música, así como decidida e claramente, hai outros dous grupos que reflicten no seu programa a necesidade e a importancia da música para a Cidade. Os demais nada de nada. 

Así pois, visto como se ignora a música por parte da meirande parte dos movementos-partidos, vexamos como representan á cultura, en liñas xerais, dentro das candidaturas. BNG: seis persoas, CA: seis, CxG: tres, PP: dúas, PSOE: unha e C's: unha. Co cal, xa temos a análise musical-cultural rematada, e non pode facerse unha valoración positiva da mesma. O real é dicir que na política a música, resto de artes escénicas, e a cultura en xeral, só interesa para vendernos fume e para encher liñas nun papel. O desprezo que a maioría dos partidos mostra cara as artes é motivo dabondo para cualificalos de incultos e pouco serios, pois descoñecen a importancia da música e da cultura en xeral na cidade. 

Non teñen en conta que Compostela é unha cidade patrimonio da Humanidade, que foi cidade Europea cultural no 2000, primeiro itinerario cultural Europeo, .. e así poderiamos seguir moitas máis liñas, tantas liñas como moitos destes candidatos, e os seus partidos, colocan nos respectivos programas electorais cheos de desidia cara a música, outras artes escénicas e da cultura en xeral.

Acerca de Fernando Rei Maio