ENCE quere fumigar Pontevedra (e o resto de Galicia)

Cando o presidente de ENCE, Juan Luis Arregui, afirmaba na Xunta Xeral de Accionistas de abril que a empresa "no va a defraudar a Pontevedra" implantando proxectos “que permitirán garantir la excelencia medioambiental" e “sellar un nuevo pacto con Pontevedra y su comarca”, ninguén podiamos pensar que estaba a aludir á fumigación masiva de milleiros de hectáreas de plantacións afectadas polo gurgullo do eucalipto, que afecta a todos os distritos forestais da provincia de Pontevedra.

Coa mediación da Xunta, o Ministerio de Agricultura cedeu aos intereses de ENCE concedéndolle un permiso excepcional dende o 9 de abril ao 6 de agosto para unha nova fumigación do monte galego con tau-fluvalinato

Era este o esforzo que demandaba a ENCE o Partido Popular desde a Xunta a Deputación provincial e o Concello de Pontevedra para xustificar o pelotazo de prorrogar 50 anos unha concesión pública conseguida a prezo de saldo?

Coa mediación da Xunta, o Ministerio de Agricultura, alimentación e medio ambiente, cedeu aos intereses de ENCE concedéndolle un permiso excepcional dende o 9 de abril ao 6 de agosto para unha nova fumigación do monte galego con tau-fluvalinato (veleno nocivo non específico para o gurgullo, irritante, bioacumulativo, altamente tóxico para a vida acuática e considerado letal para as abellas nalgúns estudos), e xustifica a “excepcionalidade” en base a existencia de "circunstancias especiais" cualificando ao gurgullo como un "perigo imprevisíbel" que non se pode controlar por outros medios “razoábeis". Como pode considerarse “excepcional” e "imprevisíbel" a praga do gurgullo, que leva décadas afectando aos monocultivos de eucalipto e esquecer outros métodos alternativos efectivos?

Temos denunciado en moitas ocasións que ENCE é responsábel da introdución do goníptero nos montes galegos, do monocultivo do eucalipto e do plan de fumigación aérea de 2012 cun biocida hoxe ilegal

Dende a APDR temos denunciado en moitas ocasións que ENCE é responsábel da introdución do goníptero nos montes galegos, do monocultivo do eucalipto e do plan de fumigación aérea de 2012 cun biocida hoxe ilegal no ámbito europeo (Flufenoxurón), como é responsábel do “experimento” desenvolvido no 2014 no que fumigaron parcelas escollidas no sur da provincia de Pontevedra (e noutras zonas de Galicia) co principio activo tau-fluvalinato. E todos estes comportamentos poñen en evidencia, máis unha vez, a fraudulenta concesión do certificado de xestión forestal sostíbel FSC a ENCE-NORFOR denunciada pola APDR a través da Federación Ecoloxista Galega.

Esta "solución final" do Ministerio supón un apoio aos intereses a curto prazo de ENCE de ampliar o seu negocio de monocultivo do eucalipto coa biomasa, sen ter en conta as consecuencias sobre o medio e as persoas.

Para a APDR, a defensa do medio e a saúde da poboación deben estar por enriba dos intereses da  industria  madeireira  e  do  papel

Para a APDR, a defensa do medio e a saúde da poboación deben estar por enriba dos intereses da  industria  madeireira  e  do  papel, e a  solución  ao problema do gurgullo non  pode  vir da man do uso de  biocidas prexudiciais  para o  ecosistema,  a  saúde  das  persoas,  os  sectores  produtivos  como  a  apicultura  e  a agricultura e a destrución do emprego e da actividade económica local. As solucións pasarían máis ben por apoiar a loita biolóxica coa avespa parasitaria Anaphes nitens, insecto clave na loita biolóxica contra o  goníptero (e que tamén está en  perigo  polas fumigacións), e por limitar uns monocultivos que son están ao interese da industria pasteira, recuperando a biodiversidade dos nosos montes.

Neste sentido, reafirmámonos na chamada de alerta de 2012 aos concellos, comunidades de montes, propietarios/as forestais, apicultores/as, labregos/as, asi como á veciñanza en xeral que desenvolve a súa actividade ou mora preto de grandes masas de eucaliptos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.