Mea culpa

Fotograma da película de Jaione Camborda 'O Corno', protagonizada por Janet Novás © Elastica Films

Hemeroteca

Cando alguén me leva a contraria, a vida ensinoume a pensar que seguramente ten razón, non me fío un pelo das miñas propias opinións e todas as malas críticas que recibín foron merecidas. Hai uns días Marilar Aleixandre criticaba un artigo meu sobre a resposta na prensa á Cuncha de Ouro outorgada ao filme “O corno” neste mesmo medio e, de entrada, dei por suposto que ela tiña razón e eu me trabucara. É un mecanismo automático, a prudencia ou a inseguridade infalíbel de quen revisa o que escribíu ou dixo hai tempo e pensa que o cambiaría todo, onde tiña a cabeza? E aínda así seguimos porque, como escribira Torga nos seus diarios, se non para o mar, por que hei parar eu?

Ao ler os erros que se nos atribúen é recomendábel prestar atención e procurar ser humildes, mesmo se non os percibimos. Un é o menos indicado para xulgarse a si mesmo e ao mellor explicouse mal, colocou unha coma en mal sitio, non plasmou axeitadamente o ton irónico dun comentario, etc. A razón é, ao noso ver, patrimonio dos outros. Mesmo se a nosa intuición ou entendemento nos di o contrario.

No artigo non fago unha análise pormenorizada de como foi acollida a noticia na prensa española. Falo dunha reseña concreta de El País e menciono que El Mundo, La Razón e Abc obviaron o dato de que a película fose en lingua galega. Critico a quen critico, dou nomes

Ten toda a razón Marilar Aleixandre cando no primeiro parágrafo e contra o remate afirma: 

“Aclaro, en primeiro lugar que eu si vin O corno, tiven a fortuna de asistir a un dos pases previos. Se non o vira, agardaría a velo para escribir sobre el... Hai distintas formas de escribir sobre un libro ou un filme, mais na miña opinión unha certa prudencia faría desexábel ver a película antes de falar dela”. 

Impecábel. O que pasa é que, se non é paranoia, suxírese que eu si o fago, como crítica non é pouca cousa. Porén, non creo ter feito comentario ningún sobre a película, máis alá de parabenizar o equipo e expresar o meu desexo de que se estrease para ir vela no cinema, dado que non tiven a fortuna de asistir a pases previos. O meu artigo pretendía ser unha análise case filolóxica de como a ideoloxía, a naturalización interesada dun discurso construído (neste caso o nacionalismo español), se infiltra na linguaxe aparentemente máis informativa e transparente. A resposta dun xornal español ao importante galardón dun produto cultural galego parecíame un reactivo axeitado para examinar ese proceso.

Explica Marilar Aleixandre que lle parece inxusto xeneralizar: “Outra cousa sería se a crítica fose dirixida a un só xornal e un só autor, e non se dese a entender que “non nos entenden, non”. Totalmente de acordo, as xeneralizacións son sempre inxustas e, en alguén que se dedique á escrita e a análise da realidade, menos disculpabeis. Dado que o seu artigo fai referencia ao meu, enténdese que eu fago o que ela critica, pode que sexa así. Eu, na miña cegueira, entendía que o meu artigo era un comentario á noticia asinada por Gregorio Belinchón no diario El País, que cito textualmente en múltiples ocasións ao longo do meu artigo. Diario que, por certo, Marilar non considera o “máis representativo e cunha idea máis aberta e progresista da cultura e as artes, especificamente das culturas distintas da hexemónica castelá”. Non sei como interpreta Marilar o meu “seica”. Os chistes, ao explicalos, perden a gracia. 

Refire Marilar Aleixandre con detalle todas as recensións que recollen con respecto, rigor e xenerosidade a noticia do premio a O corno e engade: “O meu argumento é que a recensión criticada por Borrazás non é “representativa” dos xornais progresistas”. Síntoo pero, outra vez de acordo. Cando critico a Arturo Pérez-Reverte ou a Juan Manuel de Prada non critico tamén a Sánchez Ferlosio ou a Antonio Gamoneda, por moito que todos sexan autores da literatura española. No artigo non fago unha análise pormenorizada de como foi acollida a noticia na prensa española. Falo dunha reseña concreta de El País e menciono que El Mundo, La Razón e Abc obviaron o dato de que a película fose en lingua galega. Critico a quen critico, dou nomes.

A cerna da crítica de Marilar, ao meu ver, está no parágrafo que comeza “Aínda estamos celebrándoo cando, seguindo unha tradición de parte da cultura e da política galegas, asistimos a episodios de autoflaxelación”. Outra vez a miña cegueira. Auto-que? O que eu tiña vaidosamete por pensamento crítico era autoflaxelación, de súpeto pasei a formar parte do que Fraga Iribarne chamaba “os do non”

A cerna da crítica de Marilar, ao meu ver, está no parágrafo que comeza “Aínda estamos celebrándoo cando, seguindo unha tradición de parte da cultura e da política galegas, asistimos a episodios de autoflaxelación”. Outra vez a miña cegueira. Auto-que? O que eu tiña vaidosamete por pensamento crítico era autoflaxelación, de súpeto pasei a formar parte do que Fraga Iribarne chamaba “os do non”. Con todo o que temos que celebrar, por exemplo “que é posíbel por vez primeira falar en galego no congreso –e as primeiras palabras noutra lingua distinta do castelán foron en galego”. Que máis queremos? Imos permitir que os estudos socio-lingüísticos que descreben o devalar constante de falantes, especialmente entre a xente nova e nas cidades e vilas, nos depriman? Por que non nos alegramos do que temos, como recomendaba Pangloss, o personaxe de Voltaire, e nos conformamos con atender a nosa hortiña despreocupados do resto? Por que non asubiamos coma os personaxes na última escena da Vida de Brian, mentres cantan crucificados “Mira sempre o lado fermoso da vida”? Por que Noam Chomsky, ou Naomi Klein, non paran de a matraquear en solitario co negativo, igual que o feminismo, o movemento LGTBQ+, o ecoloxismo, o antiracismo, o anticapitalismo, o movemento obreiro? Con todo o que melloramos. Non ven que se envelenan e perden de gozar das marabillas que nos ofrece a vida? Calquera día mesmo nos van atender en galego en Facenda, no banco, o call-center ou a notaría, a hostia. En realidade, o meu caso é máis desesperado. Debo confesar que as miñas pulsións privadas, contra o que se poida pensar, non discorren pola vía da autoflaxelación, de modo que... nin iso. 

Ah! Xa vin a película. Non son crítico de cinema pero concordo co que dela opina Marilar Aleixandre. Gustoume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.