A cultura do novo municipalismo

Calquera análise rigorosa da relación da xestión pública coa cultura nos últimos anos remata por acreditar idénticos síntomas: estado de abandono; política centrada en grandes eventos; escasa ou nula diversificación; o límite económico como escusa para a paralización de conxuntos inxentes de actividades e/ou propostas; erradicación de calquera criterio orientado á formación ou procesos de traballo en réxime de autocracia. 

Hoxe, a chegada de mutacións políticas, un cambio de paradigma que atenta contra certa e confortable preguiza establecida, unido á aparición de xeracións de competentes profesionais, xestores, programadores, mediadores e artistas, contribúe a establecer un novo marco, propicia novas metodoloxías e regras, un campo de batalla onde o inmutable devén en cuestionamento permanente. Alén de que resulta obvio o crepúsculo alcanzado por algúns, nesta antesala dos comicios municipais en Galicia xorden propostas de unidade ou confluencia como Marea Atlántica ou Compostela Aberta, onde a cultura aparece como un dos núcleos, un compoñente transformador, irrenunciable, elemento clave na construción da cidade e na configuración dunha política do ben común, lonxe das fórmulas estandarizadas do mero entretemento. A cultura considerada dereito, inclusiva, participada e sincrética, allea a sectarismos, pasividade ou intereses particulares.

Xorden propostas de unidade ou confluencia como Marea Atlántica ou Compostela Aberta, onde a cultura aparece como un dos núcleos, un compoñente transformador, irrenunciable, elemento clave na construción da cidade

As demandas e prácticas históricas, adscritas de maneira cuase exclusiva aos movementos sociais e asociacións cívicas e culturais inquietas, de repente pasan a formar parte –de xeito modesto, menos elevado, próximo como nunca á realidade- dun ideario político realizable. Semellan posibles. Se a transición política española, o cacarexado réxime do 78, de inconcluso, farsaico e feble, treme, emerxen ao tempo novidosas percepcións e gozosas formas de unidade popular.

 

Esbozo e construción dun modelo

O uso da cultura (neste caso do PP) convértese en pasto da propaganda, culto á ascensión profesional, emblema do curtopracismo, circunstancias que confabulan en detrimento do servizo público

Entre a solvencia organizativa, a síntese da sabedoría adquirida e os distintos graos de información dos que interveñen, aqueles que axudamos no día a día a elaborar estes procesos, confrontámonos con radicalidade a unha concepción cultural no que respecta ao ámbito municipal –é extensible a outros- tan indesexable como arraigada, entre a tutelaxe garrula e o elitismo teledirixido, a privatización de recursos e a consolidación da precariedade, o culto á especialización suma de ego e autoridade e a carencia de respostas na administración de recursos. O uso da cultura (neste caso do PP) convértese en pasto da propaganda, culto á ascensión profesional, emblema do curtopracismo, circunstancias que confabulan en detrimento do servizo público. 

E a consagración da cultura con óptica turística -un elemento que desde o desarrollismo franquista, xunto á vivenda, devén vector central na economía da sociedade española- non deixa de crecer en torno a unha perspectiva insistente, obsesiva, onde lucro, desnaturalización, estragos ou banalización da identidade –entendida como construción de elementos distintivos-,  consumo, rexistro de audiencias e técnicas de mercado, imperan. Se tratamos de desmitificar a idea da cidadanía pasiva e consumidora fronte a xentes activas e implicadas, o turista e o cidadán representan figuras no seu sentido estrito moderno, para o caso o outorgado pola xestión pública, contrapostas.         

Vai ser un itinerario complexo, revestido de liñas firmes, froito dun duro traballo iniciado polo grupo aberto da Marea da Cultura en setembro de 2014 

Un pode preguntarse cales son as armas de combate ou que peculiaridades gardan estes procesos. Na Marea Atlántica existe preocupación por conceptos de emprego abusivo que poden derivar en tópicos, pero que na vida cultural e institucional de A Coruña agora mesmo figuran desaparecidos: termos como participación, transparencia, transversalidade, horizontalidade, creación colectiva, pluralidade, descentralización ou legado procuran plasmación, concreción. Vai ser un itinerario complexo, revestido de liñas firmes, froito dun duro traballo iniciado polo grupo aberto da Marea da Cultura en setembro de 2014. Así, o desenvolvemento dunha pedagoxía crítica e o apoio á creación, innovación e investigación foxen do existente. Os axentes socioculturais van intervir e implicarse na programación da cidade, un lugar con equipamentos e infraestruturas notables, suficientes e persoal da administración no que non houbo confianza algunha, favorecendo a operación de externalización de recursos e a magnificación de metodoloxías de emprego a todas luces deficientes.   

Cremos no coñecemento, ao tempo que estamos fartos de ler ampulosos ensaios que desprezan á cidadanía e as súas modalidades de participación e aproximación ao feito cultural

Cremos no coñecemento, ao tempo que estamos fartos de ler ampulosos ensaios que desprezan á cidadanía e as súas modalidades de participación e aproximación ao feito cultural. O impulso da multiplicidade creativa; a orientación social da cultura; a ruptura coa política de privatización de recursos; a difusión e fortalecemento dos creadores locais; a relación con outras institucións, concellos e propostas; a extensión, pluralidade e descentralización das accións ou o aumento dos vínculos coa educación explican os proxectos, medidas e importantes retos propostos pola Marea Atlántica no seu programa de acción de goberno: Universidade Popular; Observatorio/ Laboratorio; Caixa da Memoria; a recuperación da cultura científica ou a elaboración dun Plan Municipal de Bibliotecas, que incluiría un Plan de Lectura. A tradición e a vangarda coexisten; o patrimonio, material ou non, e o idioma integran con carácter esencial o programa. O 2016 terá a efeméride das Irmandades da Fala, con especial atención á figura da muller, outra das insuficiencias na diagnose da cultura contemporánea. Quedan unhas horas para ver referendado todo este esforzo. Convén saber que non hai alternativa: o imperio da corrupción e a ignorancia interesada pretenden ter na cultura outro dos seus dominios. Un obxectivo coherente, ben enmarcado na súa estratexia común contra a xente. Cómpre elixir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.