Queiruga, terra libre de caciques, modelo para o cambio político

Na novela O porco de pé, ambientada a principios do século XX, Vicente Risco satiriza a sociedade galega da época, caracterizada pola hipocrisía e o caciquismo. O protagonista, Don Celidonio Latas Tinajero, vai ascendendo na escala social ata chegar a converterse no alcalde da vila. Representa un tipo de home materialista que se acomoda ao grupo político que máis lle convén en cada momento, movido só polo diñeiro. É o cacique.

Existen parroquias onde os veciños e veciñas non están sometidos ao poder dos caciques porque non os necesitan

Así era a Galicia da época e tamén o segue sendo hoxe en día nalgunhas zonas. Digo nalgunhas porque, aínda que moitos pensen que na Galicia rural o caciquismo é a única forma de artellamento social e político, non é así. Existen parroquias onde os veciños e veciñas non están sometidos ao poder dos caciques porque non os necesitan. É xente que artellou a súa propia forma de organización veciñal e, sen sabelo, conseguiron adiantarse ao seu tempo e realizar iniciativas das que se oe falar moito ultimamente grazas a proxectos políticos como Podemos, que naceron do 15 M, do drama da crise, da corrupción e do abandono dos poderes públicos e das institucións e da auto-organización cidadá.

Cando eu tiña 22 anos, e pese a estar rematando a carreira, inxenuamente pensaba que non existían estes personaxes tan escuros —máis alá de Baltar que era o gran arquetipo de “cacique amigo”—. Ata que fun facer enquisas a pé de urna, nas eleccións xerais do 2004, a unha parroquia de Laxe chamada Serantes. Esa xornada vin actuar a un destes escuros personaxes e fun testemuña dos sentimentos de complicidade que amosaban parte dos veciños ante a súa figura e, tamén, dos sentimentos de medo que amosaban outros no momento de exercer o seu dereito a voto. Vin a súa autoridade coercitiva en silencio. Sentín un profundo impacto. Nunca vira un cacique.

Eu medrei en Queiruga acostumada a ver á miña familia e aos veciños auto-organizarse para solucionar os seus problemas: limpar o monte comunal, abrir e arranxar camiños...

Para explicar este descoñecemento teño que remitirme ao lugar onde nacín, unha fermosa parroquia mariñeira chamada Queiruga, na comarca do Barbanza. Eu medrei en Queiruga acostumada a ver á miña familia e aos veciños auto-organizarse para solucionar os seus problemas: limpar o monte comunal, abrir e arranxar camiños, construír pozos de regadío, organizar as festas do verán, e un longo etcétera de actividades.

 

A xestión da auga

A iniciativa dos veciños de Queiruga comezou no ano 1968 cando decidiron tomar as rendas da xestión da auga ante a inactividade na provisión deste servizo básico por parte do Concello de Porto do Son. Decidiron comezar a traballar no abastecemento da auga cunha achega inicial de 35.000 pesetas por familia para a construción da arqueta, pagar os impostos e dereitos da auga, o sistema de abastecemento, etc. Seguiron xestionando e mellorando este e outros servizos a través da creación da Asociación de Veciños de Queiruga. E así ata o día de hoxe, cunha xestión de gran eficiencia e calidade; arranxando as avarías en tempo récord, pagando entre todos as melloras, a ampliación da arqueta orixinal, a organización da limpeza desta dúas veces ao ano, etc. O máis chamativo é que todo isto se financia pagando unha cota de 15 euros por familia ao ano. Si, ledes ben, só 15 euros ao ano para gozar dunha agua de mellor calidade e un mellor servizo que en Vigo.

Distintos alcaldes tiveron en axenda a intención pouco ética de apropiarse da xestión da auga de Queiruga para poder facer negocio. Non tiveron ningún éxito ante a unión dos veciños

De feito, ante tal xoia, distintos alcaldes tiveron en axenda a intención pouco ética de apropiarse da xestión da auga de Queiruga para poder facer negocio. Non tiveron ningún éxito ante a unión duns veciños que non van permitir que lles expropien algo tan prezado e tan seu, que naceu da súa unión, da súa achega económica en tempos moi difíciles e do seu traballo. A agua de Queiruga é nosa.

Queiruga, ó igual que moitas parroquias da comarca, non necesita ter cacique. Os veciños teñen un singular nivel de implicación entre todos, non só para este tipo de planificacións ordenadas, se non tamén para situacións de urxencia, onde son capaces de auto-organizarse e apagar os continuos incendios forestais que asolaron o monte comunal durante décadas. Qué é o máis importante desta forma de sociedade ademais de conseguir auto-organizarse e axudarse? Que a xente de Queiruga exerce seu dereito a voto con liberdade.

Queiruga, ó igual que moitas parroquias da comarca, non necesita ter cacique

Isto amosa que outra forma de organización política e social en Galicia é posible, que esta xa existe, e se nos esforzamos porque esta sabedoría popular sexa coñecida noutras partes do rural galego, perderemos o medo e a dependencia ás habituais figuras caciquís que crean unha política tóxica baseada nun sistema de favores totalmente inxusto. Os cidadáns sabemos o que precisamos e os políticos deben ser un instrumento ao servizo da xente.

Non é unha utopía nin unha ilusión. A xente da nosa terra é traballadora e honrada. Somos supervivintes natos e temos coraxe. Xuntos e unidas, da man das persoas que representan a nova política —ás que temos que darlles a oportunidade de chegar ás institucións democráticas—, viviremos cun gran benestar e cunha liberdade real na nosa marabillosa Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.