0 Gardados para despois

Daniel Beiras

30 nomes

Cada mañá a iso das once, Ra baixaba as esqueiras da casa e alancaba cara a estafeta de correos. Co seu andar característico, rexo e decidido, tal como era o seu andar pola vida, dunha radical firmeza. E tal era a ilusión con que bulía á oficina de correos, auténtica prolongación da súa máquina de escribir. Levaba sempre un feixe de cartas, en sobres pechados, cubertos os nomes. Alí ían as cartas do día, as que escribía por iniciativa propia e as que retrucaba contestando puntualmente as recibidas na xornada anterior.

Ese fato de nomes que levaba debaixo do brazo era a súa conexión co universo

Ese fato de nomes que levaba debaixo do brazo era a súa conexión co universo, a súa rede internacional de difusión da semente intelectual polo mundo enteiro. As súas cartas actuaban coma pombas mensaxeiras que non sabían de fronteiras.

Aldara, Helena, Antón, Xoán, Carlos, Paulo, Icía, Xoana, Luísa, Alberte, …

Non había correo electrónico nin internet, estamos a falar dos comezos dos anos oitenta. Había dúas canles de televisión: a primeira e a segunda. Cando comezou a emitir a Televisión Galega desprazou ás outras, e na casa de Ra converteuse na canle de referencia, emitía os fogos, as uvas de fin de ano desde a Berenguela, o telexornal, as novas do parlamento de Fonseca, a visita do Papa, o retorno dos restos de Castelao, calquera acontecemento senlleiro que acontecese no país galego. Curiosidades da vida labrega e mariñeira. Fíxate tu que cousa! –adoitaba marabillarse.

Cando comezou a emitir a Televisión Galega, na casa de Ra converteuse na canle de referencia. Para un home que vivía enteiro en galego, era coma un milagre poder ter tamén a televisión en galego, despois de tanta escuridade para o idioma propio

Para un home que vivía enteiro en galego, era coma un milagre poder ter tamén a televisión en galego, despois de tanta escuridade para o idioma propio.  Ademais Ra (como lle chamaba a súa compañeira)  apoiara activamente a creación deste ente de comunicación que tiña coma base a función normalizadora da lingua. Polo que a celebración era dobre, coma cidadán e como promotor desa potente iniciativa.

En cuestión de meses normalizouse o uso de palabras esvaecidas ou deturpadas no ámbito coloquial: desenvolver, reis, afastar … e galeguizábanse os nomes dos lugares e das xentes. Mesmo se galeguizaron as propias xentes.

… Uxía, Xoel, Aleixo, Carolina, Sabela, Valente, Xabier, Xián, Ánxela, Grial, …

Hoxe, cando cada mañá prendo a Radio Galega, penso que a situación vai á inversa. O que era un medio para normalizar a nosa lingua converteuse no templo da diglosia. Poñen o nome de Galicia no título de cada programa mais non lle aplican o conto. Conectan cun correspondente que ao parecer non se chama Alberte Rivero, falan de deportistas que non se chaman Xoán Domínguez nin Alexandre Bergantiños, dá o tempo un señor que non se chama Xoán Taboada. Tampouco usan os nomes galegos dos ouvintes. Nin o teatro Xofre de Ferrol recuperou a súa sonoridade. Fan entrevistas nas que o presentador fala en galego e o entrevistado en castelán coma se fosen dúas partes do mesmo sistema lingüístico, variantes dialectais.

O que era un medio para normalizar a nosa lingua converteuse no templo da diglosia. Poñen o nome de Galicia no título de cada programa mais non lle aplican o conto

E mellor non falar da programación televisiva ou radiofónica do serán, sementada de opinantes  que maiormente barruntan nun castrapo mal falado. É incríbel tanta decadencia desde aquel intenso pulo inicial que se deu hai 30 anos.

… Martiño, Aldán, Mariña, Carme, Roi, Alba, Natalia, Navia, Rosalía, Alexandre.

No ano 1985, cando comezou emitir a tele galega eu era un rapaz de instituto. Unha tarde subín as esqueiras da casa de Ra para documentarme sobre a guerra civil. Contoume escenas impresionantes. Aínda así, se cadra fixei máis a atención no momento do golpe de estado, previo á guerra. Ra vivía entón na cidade amurallada e ao saber do alzamento dirixírase ao edificio do goberno civil con vontade de informarse ben e organizarse xunto aos demais partidarios da democracia. Mais cando estaba no despacho do máximo mandatario civil irromperon gardas sublevados  e levaron preso ao gobernador. Ra tivo o sangue frío de erguerse da mesa mentres entraban no despacho, facerse transparente e saír pola porta de atrás. A través dun corredor chegou ata o arquivo e retirou as listaxes de militantes de partidos e sindicatos que podían ser utilizadas para perseguir aos seus compañeiros.

Do que ninguén se decatou é que debaixo do brazo levaba un bo fato de nomes. Nomes coma o seu propio: Ramón, que con orgullo van gravar un destes días os composteláns na fachada da casa na que morou

Envoltos nuns grandes sobres, meteu cantos papeis puido debaixo do brazo e baixou as escadas do edificio co seu andar característico, rexo e decidido. Na porta cruzouse cun home que o recoñeceu pero se contentou con lanzarlle unha reprimenda co seu ollar e adicarlle un valioso silencio. Saíu de alí ás alancadas, esaxerando o seu costume.

Do que ninguén se decatou é que debaixo do brazo levaba un bo fato de nomes. Nomes para a vida e para a historia. Nomes para reconstruír sobre as ruínas unha cultura propia e dotarnos coma pobo de actualidade e logo de futuro. Nomes coma o seu propio: Ramón, que con orgullo van gravar un destes días os composteláns na fachada da casa na que morou.

Acerca de Daniel Beiras

Daniel Beiras García-Sabell é arquitecto e urbanista. Desenvolve a súa actividade profesional na OFICINA GALEGA xunto co arquitecto David Estany Garea. Especializado en arquitectura ecolóxica, proxectos de rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico. Doutor arquitecto pola UDC.