As mensaxes das urnas

As análises sobre a cita electoral municipal do pasado día 24 deben ter presente a coñecida singularidade que caracteriza a estes comicios. A diferenza do que ocorre nas autonómicas, nas xerais ou nas europeas, o perfil e a credibilidade das persoas que encabezan as candidaturas teñen unha importancia indiscutíbel por mais que as siglas –sobre todo nos ámbitos mais urbanos- manteñen aínda unha relevancia notábel. Por iso ten sentido facer unha distinción entre as sete principais cidades galegas e o resto dos concellos. Non se trata de establecer prioridades artificiais na avaliación dos resultados nin se pode descoñecer as semellanzas nos comportamentos electorais que se rexistran en moitas vilas e concellos a pesar do seu menor nivel de poboación. Mais non se pode agachar a evidencia de que os cambios nas dinámicas electorais teñen como escenario destacado os universos humanos que se ubican nas sete cidades.

Se miramos ao conxunto do País e contabilizamos o número de votos, concellerías e alcaldías, observamos unha continuidade na hexemonía relativa das forzas (PPdG,PSdG e BNG) que encabezaban as preferencia do electorado no ano 2011. Porén, as tres padecen –en graos diferentes- un desgaste que se fai moito mais visíbel nas áreas mais urbanas. O partido de Feijóo só pode aspirar a gobernar –e sen maioría absoluta- o Concello Ourense e sofre unha baixada tan forte que provoca a perda das deputacións de Pontevedra (circunstancia inédita na historia do actual sistema democrático) e da Coruña. O Partido Socialista fica desprazado á terceira posición en 5 das 7 cidades e o triunfo espectacular de Caballero hai que catalogalo como unha circunstancia derivada da súa condición de caudillo localista e non atribuílo ás virtudes da propia marca. O Bloque foi superado –en todas as cidades agás Pontevedra- polas mareas e plataformas que concorreron a estes comicios, coa circunstancia agravante de que nas tres primeiras cidades por número de habitantes (Vigo, A Coruña e Ourense, cun total de case 700.000 persoas) só obtén un concelleiro. Para atopar algo semellante habería que retroceder ao remate da década dos oitenta do pasado século.

O fenómeno mais destacado deste 24-M é, sen dúbida, o triunfo da Marea Atlántica e de Compostela Aberta. Acadar o primeiro posto no ránking non figuraba nos prognósticos demoscópicos mais optimistas. A pesar dos graves problemas  de corrupción que afectaron os gobernos de Negreira, Conde Roa e Ángel Currás, non era doado imaxinar a magnitude da simpatía que conseguiron canalizar as candidaturas encabezadas por Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. A converxencia de sensibilidades e correntes foi premiada por un amplo sector de votantes que querían saír do dilema tradicional (PP-PSOE) e buscaban novas fórmulas de goberno municipal.

Se Galiza formara parte da Gran Bretaña, teriamos visto e oído, na noite electoral, diversas dimisións de responsábeis políticos. Debemos abandonar toda esperanza de que florezan novas prácticas nas organizacións políticas? Teremos que asistir a unha nova escenificación da vella máxima lampedusiana :mudar algo para que todo siga igual? Veremos se as mensaxes críticas emitidas nas urnas son asumidas, sen retóricas nin ritualismos, polos dirixentes políticos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.