Pan! Pan!

Alimento onomatopéico de panadeiras metidas a cowboys con revolver. Un pan feito de fariña toleirán, desmitificadora é o que dan na obra dramática que puiden ver un día destes en Vigo.

Ábrese o pano- non hai tal- e na escena aparecen tres mulleres de bo ano, con martelo, case unha ferraría, como a cousa máis natural do mundo, con vaqueiros, camisetas e botíns.  Velaí, a única escenografía, elas mesmas.

O singular obxecto co que xogan é unha bandeira dos EEUU. Cando a vin, pensei, xa empezamos, agárdame un roio politiqueiro fácil, o de botarlle a culpa de todo o malo aos ianquis.  Máis adiante disimúlase a tacha ao comprobar que fan unha parodia das vacaradas, o cine épico ianqui.

Á bandeira logo se lle acaba a propia función. Fai de pano de labrega, de saia, de sela de cabalo, de mandil… Nunca se lle sacou tanto partido a unha bandeira. Dicimos que, bah! é un farrapo pero cando nos interesa simbolizamos o tal farrapo. Aquí témolo desmitificado.

Areta Bolado, Noelia Fernández, Ailén Kendelman comezan a xogar- jouer: interpretar en francés- coma nenas. Desfilan, fan a marcha instrumental coa boca, coas mans.

Lembro a Balán, o home orquestra, que percorría os bares de Vigo amenizando o ambiente coas súas cancións. Soia atopar unha parede de madeira, unha barra, e aproveitala  para a percusión. Estas mozas non coñeceron a Balán, nin teñen máis elementos para a música que os seus propios corpos.

Corpos áxiles, fortes, imparables. Estereotipo do corpo desmitificado. Tamén o traballo. Non se nota o esforzo. Todo ordenado, cada xesto, cada movemento, o mesmo que as ideas aspiran a quedar diluídas no riso do público. Corpos de mulleres, fóra do común, ideas de mulleres, fóra do común. Todo elaborado por elas. Autosuficiencia. Unha Festa de Teatro silenciado.

Imos pasando etapas, con peche televisivo, e entrando sen determinación no tema. O vaqueiro, que esaxera o estilo macho, se laia do rapto da súa muller, unha muller descrita con atributos rudos e feos, impropios da beleza esixida. Remíteme ao meu poema dunha amante que ten dentes postizos, pelos nas pernas, graos no nariz, e remata dicindo: De non seres perfecta, como te amarían? Pois este vaqueiro ama ese tipo de muller. E vai tras dela, mesmo se ten que atravesar o deserto- velaí o simbolismo!- montando nun cabalo que simula a compañeira á perfección.

O raptor da súa amada é un indio, amigo íntimo seu. Cando por fin o atopa, o indio descobre os atributos postizos de muller cos que seduciu ao seu querido vaqueiro. A muller que o macho vaqueiro amaba era o indio, que estaba perdidamente namorado del. A desmitificación final ten final feliz. A alegría mestúrase co asombro e, sen textos ideolóxicos, revélase que os órganos sexuais son indiferentes á sexualidade. As persoas estamos por riba de todo.

Gran lección e grandísima actuación, amigas panadeiras? Esa é a única desmitificación da que non gusto. Nin polo pan de Porriño merecedes ese nome. Non facedes pan; facedes o pandemonio, o pandorco, o lerchán, o lúcido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.