0 Gardados para despois

Fernando Rei Maio

Escola de música ou conservatorio? Chegou o debate

Chegou o debate!, dirán uns. Por fin ábrese o debate!, dirán outros. Bendito debate!, dirán aqueloutros. Sexa cal sexa a expresión que cada quen empregue, o certo é que definitivamente abriuse o mesmo.

Que é mellor para un neno/a que quere comezar a súa andaina musical, matricularse no conservatorio ou facelo nunha escola de música?

En primeiro lugar, quero aclarar que cando falo neste artigo de conservatorio refírome exclusivamente á primeira etapa educativa. É dicir, só ao grao elemental, non á totalidade dos estudos musicais. Pois ben. Unha vez feita a aclaración imos logo co asunto, o cal xa vai con atraso, debido a que se a estas alturas, aínda non se abriu a discusión sobor da necesidade de excluír o grao elemental dos conservatorios, é polo pouco interese que hai cara a educación artística.

Que é mellor para un neno/a que quere comezar a súa andaina musical, matricularse no conservatorio ou facelo nunha escola de música? Se eu son pai/nai e un fillo/a meu quere, ou eu mesmo quero animalo, a iniciarse na música, teño que ter en conta o seguinte. Se este pequeno/a non ten seguro que instrumento quere aprender a tocar ou non mostra unha decidida vontade de estudar música, co cal, nós como pais/nais probamos a introducilo nese mundo, non teña a menor dúbida que nestes casos concretos o conservatorio (sen chegar a xeneralizar) vai asegurarlle, nunha alta porcentaxe, de que o seu pequeno/a acabe aborrecendo, e non querendo saber nada máis da música por unha boa tempada. Co cal, non só perdeu vostede a posibilidade de que o seu fillo/a estude esta arte, senón que tamén isto vai afectar ao conxunto da sociedade e da vida cultural en si mesma, a cal vai perder un posible asistente ás salas de concerto.

Saiba que os conservatorios de música poden ser os lugares máis fascinantes e marabillosos do planeta, máis tamén poden converterse no maior pesadelo. Por que? Pois por algo coñecido como “inflexibilidade”

Saiba que os conservatorios de música poden ser os lugares máis fascinantes e marabillosos do planeta, máis tamén poden converterse no maior pesadelo. Por que? Pois por algo coñecido como “inflexibilidade”. E sobre todo por algo coñecido como “convocatorias”, que obrigan a rematar os catro anos que abrangue o grao elemental, en cinco oportunidades. Co cal, non se pode un permitir o luxo da elasticidade ou da flexibilidade que mencionaba anteriormente. Como o seu fillo/a sufra calquera alteración no transcurso normal da súa vida diaria (exemplo: o mais común para os que tocan calquera instrumento de vento-metal como a trompeta, trompa, trombón ou tuba, é a implantación do corrector bucal), vaia esquecéndose de cumprir co programa e vaia dándolle a benvida á inquedanza mais a presión que supón ter enriba do neno/a, e das nais/pais, a lousa das convocatorias.

O mellor para comezar en calquera disciplina artística é a posibilidade de poder facelo desde ben pequenos sen ningún límite de idade. Facelo de xeito ameno onde o neno/a aprenda sen decatarse. É dicir, que aprenda xogando, divertíndose sen férreos e estritos métodos e/ou currículos de estudo. Onde se poda ser moi flexible sen ter prefixado un período de anos para rematar ningún tipo de etapa. Onde non existan as presas. Onde os nenos/as teñan a oportunidade de que pasen polas súas mans todos os instrumentos antes de tomar a decisión de decantarse por un ou por outro. Onde as avaliacións só se utilicen para informar aos titores da evolución e desenrolo dos nenos/as. E así outras moitas cuestións que poderiamos reflectir aquí. Se logramos isto, a mellora será para todos e todas, por obvias razóns pedagóxicas, culturais, sociais, económicas,... que creo, xa son sobradamente coñecidas pola sociedade. Nisto, as escolas de música, xogan un papel esencial, pois os conservatorios están sometidos a unha dura, excesiva e inmobilista disciplina, tanto administrativa coma pedagóxica.

Uns dos maiores atrancos para poder desenrolar este tema, vén da parte correspondente aos concellos, pois o incremento de alumnado faría, en moitos casos, inviable poder acollelos a todos/as. Inviable poder asumir o custo das nóminas, e/ou veríanse obrigados a fixar uns prezos prohibitivos para moitas familias. Máis isto ten doada solución se existe vontade política. Moito profesorado xa está contratado pola administración pública. Chámanse empregados públicos de ensinanzas artísticas. Se as administracións colaboran entre elas, aprobando convenios para trasladar tan só ao profesorado de conservatorio estritamente necesario, que voluntariamente decidan trocar de centro cara as pequenas escolas de música que non teñen posibilidade de asumir o custe dos salarios de novo profesorado, xa temos a solución ao problema. E isto non debera asustar aos traballadores actuais das escolas de música (nin aos futuros) que non accederon á función pública a través dunha oposición, pois a demanda de traballo, coa potenciación das escolas, sería tal, que ía incrementarse notablemente (internamente sería confuso compaxinar dous traballadores con nóminas desiguais, máis non debería ter maior problema se cada un asume as súas responsabilidades, e respecta a parte do outro).

Todo isto que acabo de expoñer non necesita de ser creado. Xa existe, xa é realidade. Chámanse escolas de música, e cunha mellora a nivel lexislativo, regulador, de condicións laborais, planificación, etc. os seus resultados

Todo isto que acabo de expoñer non necesita de ser creado. Xa existe, xa é realidade. Chámanse escolas de música, e cunha mellora a nivel lexislativo, regulador, de condicións laborais, planificación, etc. os seus resultados, no tocante á mellora educativa e social, veriámolos en poucos anos. Máis, só se precisa de algo tan sinxelo como un mínimo coñecemento do que aquí se trata, e do xa mencionado anteriormente, que non é máis ca unha dose superior de vontade. Vontade que vén a reforzar o artigo publicado neste mesmo xornal o pasado sábado, 16 de maio, onde se intúe que non acadaremos unha mellora no eido cultural mentres os artistas non deamos o paso para acceder a postos de responsabilidade de goberno nas institucións públicas e políticas.

Acerca de Fernando Rei Maio