Évos moita hora!

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden

Son tempos para os bos e, sobre todo, os xenerosos, porque veñen tempos onde calquera personalismo, calquera xenreira persoal, calquera agravio pasado, debe ficar fóra antes de entrar a onde se procure artellar esa unión que a patria necesita

Son tempos para os bos e, sobre todo, os xenerosos, porque veñen tempos onde calquera personalismo, calquera xenreira persoal, calquera agravio pasado, debe ficar fóra antes de entrar a onde se procure artellar esa unión que a patria necesita. É o tempo d@s patriotas, daqueles homes e mulleres que son quen de erguer a ollada máis aló dos seus propios pés e pousala no destino que temos que lle ofrecer á Nación.

Tómese todo o anterior como exergo, como eco dunha voz que a moitos lles soará antiga, mesmo xa pasada ou, non o descarto, resesa. Así que abandono ese ton e deixareino só como a referencia que se fai no comezo do discurso que se pretende deitar sobre o papel.

Así as cousas debo dicir que é o momento dun novo camiño para acadar para Galicia un novo tempo de significancia histórica. Cando xa todos as sendas vellas están choídas polo fracaso e atrancados polos cadáveres, hai que abrir novos vieiros por lugares por onde nunca se camiñara e botar a andalos con pés novos.

Necesitamos a unión e necesitamos a renovación das persoas que van diante abrindo o camiño. A historia cuspirá sobre a memoria dos que permitan que esta última oportunidade se malogre, os seus nomes, ás súas exemplares traxectorias vitais haberán ficar lixadas por seren protagonistas doutra frustración.

Haberán entrar a falaren espidos de vellos agravios e dispostos a acadar esa unión que esiximos. Deben convencerse que saír sen lograr esa unión é unha labazada na face da Nación

Para isto tres cousas ben simples son necesarias. A primeira é que partidos e movementos cívicos, quer nacionalistas quer galeguistas deberán sentar a construír unha unión necesaria, de emerxencia nacional que leve ás próximas eleccións xerais unha candidatura de persoas limpas que porten as arelas de que esta Nación que nos acolle, estea xustamente representada nun próximo parlamento español que haberá de deseñar a nova forma organizativa do estado.

A segunda é que se presenten no caso sabendo ler a vontade das galegas e galegos que, un día si e outro tamén, reclamamos esa unión e que todos os días sentimos a frustración da desunión, da fragmentación e da redución do noso poder de acción. Haberán de se presentar limpos de condicións previas, calquea condicionante posto antes d sentar só revela falta de vontade. Haberán entrar a falaren espidos de vellos agravios e dispostos a acadar esa unión que esiximos. Deben convencerse que saír sen lograr esa unión é unha labazada na face da Nación.

É ás persoas que haberán de vivir a Galicia dos anos corenta e cincuenta deste século ás que lles corresponde dar o pulo necesario para que esta unión se produza

A terceira é a da remuda. É ás persoas que haberán de vivir a Galicia dos anos corenta e cincuenta deste século ás que lles corresponde dar o pulo necesario para que esta unión se produza. É tempo de tomaren o leme, porque os que acabamos de coller a folla amarela que traían os librillos de papel de fumar e que anunciaba que xa só quedaban cinco papeis máis, haberemos de nos arredar do medio do camiño. É absurdo que, os que pouco nos queda, teñamos a arrogancia de querer protagonizar o futuro aa Galicia na que van vivir os nosos fillos e os nosos netos.  A elas e eles lles corresponde este labor de construír a unión de galegas e galegos nun proxecto de supervivencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.