Por un paso adiante do pobo traballador compostelán

A historia xoga, case sempre, un xogo cruel. Tamén é certo que a crueldade se sinte, inevitabelmente, dunha maneira diferente se che toca enriba, abaixo ou se te agarima de perfil. O pasado 13 de xuño, como unha especie remanso, concretábase en moitos territorios un proceso de cambio que foi tamén un proceso de recuperación sen precedentes dende o Grande Colapso da esquerda, logo da queda do Muro de Berlín. Non é posíbel concebir este proceso illado do seu carácter transnacional e propoñer agora visións reducionistas que separen o que se está a vivir en Galiza doutros agromos de esperanza que acontecen, poñamos por caso, en Madrid, Grecia ou Turquía (noemadamente no Kurdistán).

Tampouco é posíbel apagar, cegados e cegadas polo éxito, que é de todas, as poucas candeas do pensamento que nos restan, logo de séculos dunha dura batalla das traballadoras e traballadores pola sobrevivencia e despois dunha devastadora contraofensiva económica e ideolóxica do Capital. Asumir con displicencia o discurso e as prácticas agora hexemónicos no corazón da esquerda, cando sempre estivemos a estricar con esforzo a nosa intelixencia podería levarnos a inobservar que en todos estes procesos existe unha "ilusión" colectiva de "superación" das prácticas e pensamento do movemento obreiro cun argumentario profundamente cuestionábel e que segue sen resultar de todo real.

Se esquecemos que a sociedade segue a estar dividida en clases sociais, todas e todos moi felices, e todo moi ben. Mais, dende a profunda convicción de que o "noso" sistema funciona respondendo a certas lóxicas e razóns que non son nin as da mera casualidade nin as dunha loita simplista entre os darriba e os de abaixo, senón máis ben a unha contenda a ceo aberto entre a clase traballadora (ou proletaria) e a clase propietaria (ou a burguesía), a nosa obriga é poñer a funcionar a máquina de raios X para tirar unha radiografía completa das interrelacións, os conflitos de intereses e os intereses coincidentes das diferentes clases sociais. Por non falarmos de activar outro tipo de aparellos que nos permitan irradiar o xogo doutras dominacións como a patriarcal das que, obviamente, lles corresponde falar ás miñas compañeiras e non a min.

E nesa placa, un clásico: a clase media. Só as e os voceiros da clase media poden ter interese en negar ou ben a súa situación dominante no seo da esquerda actual, ou mesmo a propia existencia da clase media como composto heteróclito ou irregular. Padezo, como calquera outro activista, de certa simpatía e atracción polos discursos producidos pola súa intelligentsia e, sen embargo, a miña sensibilidade como fillo da clase traballadora, e tamén como activista sindical, segue un camiño ben diverxente desa confianza desbocada nun proxecto, feito sen dúbida con dedicación e coidado como é o de Compostela Aberta, que é, en resumo, sobre o que quero tratar.

Dende hai ben tempo trato de dilucidar, someténdome unha e outra vez ás miñas propias contradicións, medos, filias ou fobias, e someténdome a contradición con outros compañeiros e compañeiras de diferentes proxectos, tamén de CA (recoñezo que toda esta actividade de contraste é dura psicoloxicamente e que me causa certo pavor), en que grao poden coincidir e ata que punto se poden interrelacionar, nunha engranaxe de transformación radical do poder municipal, unha iniciativa política que nace no corazón desa clase medial e o, polo de agora distante, movemento obreiro da cidade, ou se quixermos, esa clase traballadora que segue maioritariamente sen ter acceso (material por recursos, tempo e condicións laborais, psicolóxico ou mesmo cultural) aos centros de decisión e de produción da política municipal.

Ao meu ver, os dous maiores erros nos que podería caer o movemento obreiro, como único movemento político que agrupa a importantes sectores da clase obreira nos seus ámbitos de participación, sería tanto afastarse das proposicións e do discurso do cambio que se produce nas instancias municipais, abranzando o resistencialismo e unha certa pulsión moi viva na esquerda de pecharse sobre si no territorio do marxinal (que en realidade non é senón unha sublimada teima de control por parte das direccións sobre a súa pequena pero xeitosa, seica, parceliña de poder) avivando así o lume co que a dereita e as súas forzas vivas alampean; como tamén debruzarse nunha especie de confianza plena, acrítica e condescendente coas novas corporacións municipais, o que pola súa vez tería moito de fraude e de desobediencia irreverente a un imperativo que viaxou ao longo dos anos na letra da nosa Internacional: "non hai salvador supremo / nin rei, nin tribuno, nin Deus, / temos que salvarnos nós mesmos / o pobo traballador".

Parto pois dunha idea que me obsesiona, e non a min só. O éxito electoral de Compostela Aberta certifica a apertura dunha condición de posibilidade descoñecida nunha cidade cuxos gobernos abalaron entre o posfranquismo e o transicionismo. Obviamente, e dende esta óptica, non resulta tan atractiva a mudanza de goberno en si, con todo o seu potencial simbólico, como que se veña a encetar un proceso de cambio o suficientemente xeneroso (e isto fala da calidade de moitos e moitas das membros de Compostela Aberta e en concreto de M. Noriega, en quen recoñezo un proxecto sólido de cidade) como, para en contacto e en contradición con outras apostas, rematar por se converter nun proceso de transformación.

Non chegamos ata aquí para xestionar as institucións pautadas, limitadas e as soberanías expropiadas polo Capital. Con todo o fermoso que alampea este cambio tallado xa para sempre na memoria compostelá, o certo é que non nos conformamos cunha xestión municipal e de servizos impecábel, porque levamos séculos a pelexar dende o movemento obreiro contra as marxes que nos contraen a todas e todos nós, contra o propio concepto de xestión. A batalla é contra a propia lóxica de fondo. O programa é claro: reapropiación. Unha cidade prioritariamente ao servizo dos obreiros e obreiras, é dicir, da maioría, e da súa expresión. Un poder municipal situado no xusto medio de moitas galaxias de poder e de autonomía obreiras, de moitos proxectos de ocupación e recuperación do perdido que restan por nacer. Estou convencido que que esta construción é posíbel, mais que só é posíbel dende os principios do traballo político duro, da confianza mutua e da loita conxunta de toda a esquerda progresista contra o asalto institucional da dereita compostelá. Cómpre, mesmo urxe, un programa que, de a poucos, vaia limando a distancia de responsabilidades políticas entre a clase traballadora da cidade e a súa clase media, sobrerrepresentada, distancia que leva anos concretándose nunha aguda separación.

A pedra angular da separación entre o novo goberno e o espazo que a min me interesa, (que é o da política producida polas traballadoras e os traballadores da cidade, prácticas que se levan producindo, case sempre en silencio ou ben silenciadas, no centro de diversas iniciativas, principalmente as sindicais por moito que non teñan polo dagora un correlato institucional) non é unha cuestión que se lle poida atribuír á vontade, ao coidado, á ilusión ou á intención deste novo goberno municipal, que semella, polo que intúo, abonda. Quizais si a unha fría e antiga distancia baseada nas diferentes condicións materiais da clase media respecto ao pobo traballador, dunha barreira psicolóxica e cultural, creadas á calor da malchamada transición e do estado de benestar, que separa aos e ás compoñentes de CA da maioría das traballadoras e traballadores da cidade, o que impediría unha representación política axeitada se impugnamos os vellos parámetros de representación. Esta xente, obreira, traballadora, nin son os que consumen a cultura producida pola intelligentsia compostelá, nin os que abarrotan as asembleas ou os centros sociais; malia moitos deles e delas ter apoiado decididamente, ao paraugas dun sorriso, a candidatura de Compostela Aberta nas eleccións municipais.

Pola miña banda téñoo claro, as compañeiras explotadas no Burger King ou no Galipizza, os desempregados decepcionados e desafectos, as nais de familia unha e outra vez maltatadas e que se quedan sen teito pero arrastran inxentes cargas familiares, os inmigrantes que venden Cds ou as inmigrantes que se ocupan de fogares alleos reiteradamente hostís, as catro de cada dez familias que non se poden permitir un gasto extraordinario a fin de mes, as hipotecadas e as que sacan de onde non teñen para pagar o arrendamento, a auga, o gas ou a luz, os que conducen os autobuses que cosen a cidade, as que ocupan as vivendas sociais, os que se esnafran unha e outra vez coas súas eternas xornadas de traballo asalariado, as mozas chuleadas nos plans de emprego municipais e en mil e un contratos en prácticas... elas e eles son, para min, o indicador. A súa incorporación e o seu protagonismo pleno na política municipal é a única garantía de que non haxa ningún entrega, ningunha concesión. E isto require, necesariamente, e ao primeiro respecto, alento, información, participación e formación. Despois, un reflexionado e motivado paso atrás da clase media, mais sobre todo, un contundente e decido paso adiante do pobo traballador, farto xa de pedir permiso e, sobre todo, de pedir perdón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.