Trinta anos non son nada?

A todos os que queremos o galego nos preocupa a situación da nosa lingua, e moi particularmente nas cidades. Por razóns evidentes a moi nobre cidade d’A Coruña colleu a reputación de territorio refractario ó galego. Seguramente a figura do inacabable alcalde Vázquez, que gobernou con maioría absoluta na cidade dende o ano 1983 ó 2006, xogou un papel principal nesa idea. Como mostra de exemplo pódese tomar a carta fundacional d’A Mesa pola Normalización Lingüística. Este documento, do ano 1986, recolle un apartado de “denuncias concretas” que nun dos seus únicos tres puntos di literalmente: “Denunciamos a actitude do Concello da Coruña, personalizada no seu alcalde Francisco Vázquez, polo seu desprezo público e sistemático da cultura e o idioma do país”. De todos é coñecido o longo pulso que botaron A Mesa e o Concello da Coruña nos tribunais, nos medios e na rúa.

Pero, como ben nos conta sempre que pode Xurxo Souto, A Coruña é unha cidade aberta ó mar, republicana, galeguista e popular (de pobo) que mestura ós coruñeses de toda a vida cos inmigrantes galegofalantes que poboaron os barrios no século pasado. O problema é que, a base de repetir clixés fóronse asimilando inercias da Coruña sen galego e algúns decidiron que, efectivamente, a lingua era prescindible. E así, os dous sucesores de Vázquez, os ex-alcaldes Losada e Negreira, fixeron do castelán a lingua de uso único na vida municipal. Calquera pode escoitar a gravación de “o tradicional debate electoral de radio Coruña” que se celebrou este último día das letras galegas no que tras un protocolario “feliz día das letras” todos os participantes menos dous (os candidatos de BNG e Marea Atlántica) falaron sempre en castelán.

Pois ben, chegou o 24 de maio e, como se adoita dicir, as urnas falaron. E se se me permite a licenza, falaron galego porque o candidato gañador, si, o que foi máis votado aínda que logo as impugnacións lle tiraron algúns votos, foi un dos que sempre falou en galego. Xulio Ferreiro, alcalde hoxe da Coruña, un neofalante, dos orgullosos, dos “de Coruña, Coruña”, como di a xornalista Belén Regueira nun coñecido vídeo no que fai bandeira desa condición. Cunha candidatura que fixo toda a súa campaña en galego, que prometeu os seus cargos en galego e que ten un programa en positivo para o galego demostrou que a cidade do mundo na que máis galego se fala non tiña nada contra a lingua dos Vilar Ponte e das Irmandades da Fala.

E así, despois de máis de trinta anos, os coruñeses escoitaron como o seu alcalde lles falaba galego. Parabéns a Xulio e á Marea Atlántica e parabéns á cidade da Coruña porque tamén no lingüístico tiraron dun golpe todos os prexuízos. Se cadra, sobre todo polo simbólico, e porque trinta anos son moitos, bótase en falta que a chegada do vento fresco que trae a Marea ó pazo de María Pita, tamén no lingüístico, non carrexase unha avalancha de felicitacións e saúdos de esperanza polos múltiples axentes sociais e institucionais que pulan polo galego. Porque estou convencido de o que pasou o sábado trece de Xuño, día en que os mozos da Coruña escoitaron o seu alcalde falándolles galego en camisa de cadros e sen gravata, vale máis que mil campañas, porque A Coruña, e a Galicia urbana, será neofalante ou non será e porque, se cadra, chegou tamén o momento de opinar en positivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.