Arte viva e crítica. Biennale di Venezia

Venecia é arte en si mesma. Deambular polos rueiros medievais que rematan en canais coas góndolas rasando os edificios como arroaces negros, observar os gondoleiros fachendosos como mastros, conducindo as brillantes embarcacións, agachando a cabeza no intre mesmo de salvala da contusión contra un dos centos de pequenas pontes, asomarse nelas para contemplar pazos e máis pazos, saír das angosturas aos Campos, prazas con cadanseu cumprido e elegante pozo no medio, porque en Venecia só hai unha praza que mereza tal nome, a de San Marco, unha xoia arquitectónica mundial. Tomar un spritz no Florian, café de renome onde os haxa, ou nunha rústica cadeira abeirada ao Gran Canal onde a Ponte de Rialto, á tardiña, é un pracer, un máis nunha cidade feita para o goce.

Venecia é arte en si mesma. Se ademais coincide a Bienal nº 56, o acontecemento artístico máis importante do mundo, a ledicia se multiplica

Se ademais coincide a Bienal nº 56, o acontecemento artístico máis importante do mundo, a ledicia se multiplica. Entrar nunha zona vedada da cidade, o Arsenal, as enormes construcións do que foi un emporio veneciano, os estaleiros,  abertos ao público só nas bienais, xa é importante. Isto e os Giardini, concibidos por Napoleón, son de por si un espectáculo. Alí máis de 90 países teñen os seus pavillóns onde expor ou mostrar as súas instalacións.

Todas as lecturas do mundo. Comezando pola do Capital, en inglés, mentres Marx canta Mackie Messer, Mack o navalla, a canción de Kurt Weill para a Opera de tres centavos de Bertolt Brecht. Escóitanse os cantos dunha prisión de Angola, terror na negritude, a poesía de Pasolini e Pavese, os sons das linguas amerindias, as cancións de traballo da Revolución Industrial, excelentes voces cantando a ópera de Polonia,  representada no medio dunha aldea de Haití, con cabra incluída, os problemas planetarios interpretados por Umberto Ecco, ou a manipulación informativa a través das entrevistas e vídeos de Dalí, no pavillón español. A palabra, a tradición oral, a vila global de Chomsky, teñen un lugar privilexiado nesta mostra.

As mulleres presiden os pavillóns ruso, australiano, ianqui, británico, francés, danés, (a través dunha artista vietnamita) e moitas máis. A relevante presenza feminina nótase

Centos de artistas modifican materias diversas, ou usan as fotos e o vídeo para ofrecernos a súa concepción da vida. Neste aspecto foi unha Biennal feminina. As mulleres presiden os pavillóns ruso, australiano, ianqui, británico, francés, danés, (a través dunha artista vietnamita) e moitas máis. A relevante presenza feminina nótase. As fotos de concentracións de mulleres, asociadas ou socialmente agrupadas, en gran número, desde principios do s.XIX, en USA ou algúns países europeos, fanos pensar no atraso da nosa sociedade, onde as mulleres só pisaban o ambiente público para traballar. Sigue sendo así. Comenta Amelia Valcárcel que as mulleres entran en todas partes cunha fregona. Velaí o salvoconduto. 

Tamén destaca a contribución africana e de Oriente Medio na mostra. O comisario xeral esta vez foi o crítico nixeriano Okwui Enwezor, que optou por redescubrir a Marx, a tradición oral e o compromiso político

Tamén destaca a contribución africana e de Oriente Medio na mostra. O comisario xeral esta vez foi o crítico nixeriano Okwui Enwezor, que optou por redescubrir a Marx, a tradición oral e o compromiso político. Arte crítica. Unha Biennal, de acordo coa actualidade e politicamente agresiva. O reto é interpretar as diferentes formas, sons e estéticas da agresión.

Noutros museos da cidade tamén hai novidades. Cy Twombly en Ca’Pesaro ou no indispensable Peggy Guggenheim, a mellor terraza sobre o Gran Canal, descubrir a impresionante obra de Charles Pollock, o irmán do querido Jackson.

Hai que desprenderse de Venecia como duns brazos amantes.

 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.