Algo pasa coas bandeiras

O asasinato a tiros de nove cidadáns negros nunha igrexa de Charleston (Carolina do Sur, EEUU) levado a cabo por un home branco de 21 anos, reabriu a polémica en torno á bandeira confederada dos Estados secesionistas que se enfrontaron aos unionistas na Guerra Civil americana (1861-65). Dylan Roof, acusado da masacre, aparece en varias fotografías en Internet coa bandeira confederada.

Unha bandeira (aspa azul con estrelas brancas sobre fondo vermello) que para uns representa a escravitude previa á Guerra Civil e a lacra do racismo aínda non de todo erradicado, nin moito menos. Para outros non é mais que un emblema asociado á forma de vida rural e conservadora do sur, un legado histórico independente da súa connotación racial.

En Madrid, no escenario do acto de proclamación de Pedro Sánchez como candidato do PSOE ás eleccións xerais luciu unha enorme bandeira constitucional de España ao principio e ao final do seu discurso. E a polémica a modo de primeira "serpe de verán" estivo servida. Moitos militantes e simpatizantes socialistas consideraron a posta en escena dende rancia e excesiva ata un insulto á tradición republicana do PSOE e a tantas e tantos socialistas que deron a vida pola defensa da legalidade republicana, é dicir pola bandeira tricolor, na Guerra Civil posterior ao Golpe de Estado do 36. Outros, unha minoría quizais, aínda considerando á República a forma de Estado máis democrática, tendo como guía os principios republicanos, pensando que o "bandeirazo" perseguía quizais un efecto curtopracista-neutralizador das ridículas acusacións do PP a Sánchez de "radical extremista" por pactar con Podemos e crendo que o tamaño e a posta en escena foi excesiva, non vemos por que o PSOE ten que deixar que a dereita se apropie dos símbolos constitucionais do Estado. Lembrouse bastante eses días que o primeiro acto do PCE tras ser legalizado, foi o de Carrillo asumindo a bandeira bicolor como propia. E que se é ben certo que a bandeira só modificou o escudo con respecto á dos 40 anos de franquismo e etapas anteriores, tamén o é que baixo este símbolo constitucional implantáronse a sanidade e a educación universais, aprobáronse as Leis de avances en dereitos e liberdades e a Lei de Memoria Histórica e desenvolveuse o Estado das Autonomías, un dos máis descentralizados do mundo.

Se cadra, agardemos que con bastante menos pomposidade e con postas en escena non tan "abafantes", o Partido Socialista Obreiro Español vai iniciar un lavado de faciana á tan rexeitada, por un amplo sector da esquerda, bandeira bicolor e demais símbolos do Estado, nesa difícil navegación dos dirixentes do PSOE entre o seu republicanismo histórico e a defensa da actual monarquía constitucional como forma de estado.

A polémica en torno ás bandeiras asomou tamén tralo izado masivo nos concellos da bandeira "arco iris" pola celebración do Dia do Orgullo LGTBI. Afortunadamente, a sensación é de que a aceptación pola cidadanía foi moi positiva en xeral pero non faltaron nin polémicos artigos de opinión nin actitudes homófobas.

Roberto Blanco Valdés criticaba na Voz de Galicia a decisión de moitos alcaldes e alcaldesas de izar a bandeira LGTBI e a comparaba cun suposto izado da bandeira da falanxe por un suposto alcalde falanxista, comparación que se cualifica por si mesma. A modo de anécdota, durante o acto de colocación da bandeira LGTBI no Pazo de Raxoi en Compostela, un compañeiro presenciou como un cidadán que pasaba polo Obradoiro achegábase a outro e facía o patético comentario de "vin 50 euros no chan pero non me atrevo a collelos non vaia a ser...". Penoso exemplo da importancia de que un símbolo de respecto, diversidade e igualdade ondee uns días na casa de todos. E en Santiago fronte a un dos símbolos centrais de peregrinación da fe católica.

Poño fin a esta espiñenta teima coas bandeiras citando a Federico García Lorca: "En la bandera de la libertad bordé el amor más grande de mi vida". Cando vexamos ondear unha bandeira, pensemos en García Lorca. E esixamos o seu enterro digno envolto na tricolor. E o de tantas e tantos outros cidadáns asasinados cuxa permanencia nas cunetas do País nos enche de vergoña. Pero esta xa é outra teima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.