Penitencia eterna

Dende cando os cidadáns atrapallan o paso? Que porcentaxe do PIB da UE se precisa para tornarse un atranco? Terá algunha eficacia simbólica que Grecia teña sido berce da filosofía e a democracia como receitas contra a hýbris, a desmesura? Que teñamos que preguntarnos estas cousas é síntoma de que se está a “refabricar” unha Europa do capital segregada.

A escenificación da razón democrática fronte o problema economicamente insolúbel mas politicamente viábel de Grecia é o vieiro con que o cínico Juncker e a parasitaria troika non contaban, afeitos que están a impor decisións. Un acordo que é posíbel antes e despois do referendo, mas que só deixa espazo para as elites políticas e económicas. Para que serve logo o diálogo se este vén imposibilitado pola imposición do virtual sobre o real?

Que Tsipras convocara aos gregos a un referendo é de grande interese porque ademais de deixar en evidencia a desmesura dos gobernantes europeos, serve para facermos memoria (a Papandreu obrigárono a dimitir cando quixo facer o seu referendo) e para pór de relevo que sen lexitimización (desenvolvendo valores compartidos) só fican relacións de forza (homo homini lupus). Tsipras quere preguntarlle á cidadanía para decidir o que quere e derivar desa lexitimación un instrumento de negociación, malia o fraco valor que pode ter a decisión saída dun referendo na Europa da troika, xa que esa interpelación -o test de liderado ao que se autosubmete - pode pór fora da circulación ao presidente grego sen que a troika precise tirar de máis hipocrisía para apealo. Acontece que Europa chegou a un punto onde precisa ser lembrada  do que é relevante e do que é  “ben común”, da lexitimidade dun país de reaccionar fronte a indecencia do capitalismo financeiro, sobre todo en períodos de emerxencia social.

Thomas Piketty dicía hai pouco no Financial Times que “Europa escolleu o vieiro da  penitencia eterna”. Acontece que esa penitencia ou aumento da heteronomía colectiva, non é nin foi igual para todos. Nomeadamente despois da Segunda Guerra Mundial, cando se cancelou grande parte da débeda logo da desfeita nazi. Con certeza, algo máis grave do que a impericia das estruturas económicas e sociais gregas para reaxir. Porén, a curta penitencia alemá serviulle para abrazar o camiño liberal capitalista até o punto  que agora  unha quitanza da débeda  dun país con menos do 2% do PIB europeo pesa menos do que os intereses dos inversores financeiros .

Os intereses dos inversores son unha forma de apartheid despolitizado. Velaí o sentido das declaracións do  sempre arrogante Donald Tusk, presidente do Consello Europeo (cofundador e líder do proxermánico partido polaco Plataforma Cívica) cando suxeriu que a poboación grega  logo dunha eventual saída de Grecia contaría con axuda humanitaria. O filósofo esloveno Slavoj Zizek  lembraba no libro Demanding the Imposible que os “estándares básicos [de Europa] están en queda libre”. “Entre a xente real que traballa e consume e a circulación virtual do capital hai unha fenda” xa que “todo pode estar en ruína e un experto en finanzas vén e di que a economía está en boas condicións”. 

A Grecia estáselle a pedir producir máis do que recibe (pois non é outra a relación de crédito que o crear o deber a débeda con interese) e con ela pídesenos a todos e a todas que sexamos indefinidamente solventes até a autoexplotación. Eis a compulsión transgresora do noso tempo, o da lóxica financeira.  Fronte a miseria social inducida polas políticas de austeridade, os gregos escolleron a Syriza. Esta escolla está a servir para visualizarmos o devalo político da UE, xa que estamos a debater o que xa non debería ser debatido.

 

P.S.

Tiña enviado o texto ao Praza cando leo no Financial Times unha carta dirixida á Comisión Europea, o FMI e o BCE  onde Tsipras daría conformidade á práctica totalidade da proposta plantexada a finais de xuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.