É a ecoloxía, estúpido

E a climatoloxía, a xeografía, a bioxeografía, a agronomía, a economía, etc. En definitiva, é o coñecemento.

Na prensa seria de Francia, Reino Unido e outros países con máis amor pola ciencia falábase do jet stream e a posibilidade de longos períodos coa atmosfera detida

E curiosamente nun país con 3 universidades non andamos moi sobrados. Lembran cando nos medios de comunicación galegos hai 2 ou 3 veráns comezaron a rirse de meteorólogos franceses que, ao parecer, auguraban un ano sen verán? Logo houbo verán, claro. De ter ido as fontes orixinais veríamos que na prensa seria de Francia, Reino Unido e outros países con máis amor pola ciencia falábase do jet stream e a posibilidade de longos períodos coa atmosfera detida o que abría a posibilidade, efectivamente, a anos sen verán, invernos interminables, secas prolongadas, etc. todo iso consecuencia dos efectos do cambio climático sobre a corrente de chorro (o jet stream). Algo do que xa saben moito en sitios tan dispares como Paquistán, California ou Sao Paulo (secas e vagas de calor extremo). Así que non é unha cuestión menor sumar á variabilidade climática actual a incerteza polo fenómeno do que estou a falar.

Todo isto ven a conto de que levamos unha primavera moi seca e pode que este tempo se prolongue varios meses. Ou non, podería poñerse a chover mañá. Quere isto dicir que, de non cambiar, este verán vai arder medio país

Todo isto ven a conto de que levamos unha primavera moi seca e pode que este tempo se prolongue varios meses. Ou non, podería poñerse a chover mañá. Quere isto dicir que, de non cambiar, este verán vai arder medio país.

E xusto agora que comeza a arder, sen que xuño remate, agroman as explicacións peregrinas como todos os anos nos que o vento do nordés se mantén durante días. Que si hai herbas e mato, que se no se “limpa” ou non se roza... e o peor de todo, cando non se entende nada recórrese ás teorías da conspiración (mafia, trama, boicot, a maligna oposición...) ou óptase polo discurso simplista que semella ser tendencia: “a culpa é do que prende o lume”. Vamos, que a culpa é dos malos. Moi pueril incluso para funcionar nunha escola infantil.

No noroeste da península Ibérica con ventos do nordés en verán, que é a circulación atmosférica común cando vai bo tempo, o risco de incendio é enorme e, o que é máis grave, as posibilidades de apagalo son moito máis cativas. Quere isto dicir que a climatoloxía xoga un papel básico e que, xustamente, a partir de aí deberían ter sido deseñadas as diferentes políticas que afectan ao territorio, fundamentalmente a forestal, a agrícola e a gandeira. Pero non, non se teñen en conta e cultívanse dende hai 60 anos especies pirófitas (piñeiros e eucaliptos), plántanse de xeito continuado (non hai paisaxe en mosaico), elimínanse as especies autóctonas e suprímese a gandería. E ollo aquí, non é o mesmo ter 100 vacas estabuladas para leite comendo solla ou millo transxénicos que unha ducia de ovellas pastando no territorio.

No noroeste da península Ibérica con ventos do nordés en verán, que é a circulación atmosférica común cando vai bo tempo, o risco de incendio é enorme e, o que é máis grave, as posibilidades de apagalo son moito máis cativas

En definitiva, o que trato de explicar, creo que sen éxito, é que levamos máis de medio século deseñando o territorio con políticas específicas para que arda o monte. Tratar logo de centrar o problema nunha simple cuestión de orde pública é ridículo. Tratar de solucionar todo con policía e desbrozadoras, inútil. Cunha importante poboación humana dispersa haberá sempre pequenas cuestións que se nos escapen e que inicien o lume. E nesas pequenas cuestións inclúo dende os descoidos e a casualidade á saúde mental da poboación.

O coñecemento, que non necesariamente está en relación coa información, pode axudar a entender procesos e a crear intelixencia colectiva. Do mesmo modo que a fachada atlántica arde co nordés, a autoestrada A8 péchase con néboa, coa mesma circulación atmosférica; alguén debeulla explicar aos que idearon esa autoestrada xunto co concepto de efecto foehn: coincidirán moitos días con grandes lumes na fachada atlántica e néboa impenetrable na A8.

Antes que nada, necesitamos quebrar o discurso dominante, precisamos instalar un novo software de análise do territorio en Galicia. O actual discurso está feito á medida dos colectivos que se veñen lucrando coa situación actual. E imprescindible rachar a súa lóxica perversa e construír unha nova narración dos feitos se queremos que a realidade mude.

A lóxica actual é a do que se ven en chamar mafia forestal. Mafia quizais soe a estancia ateigada de fume, luces tenues e voces apagadas. Lobbi sería máis oportuno. Aqueles que se lucran facendo crer a poboación que plantar piñeiros e eucalipto

A lóxica actual é a do que se ven en chamar mafia forestal. Mafia quizais soe a estancia ateigada de fume, luces tenues e voces apagadas. Lobbi sería máis oportuno. Aqueles que se lucran facendo crer a poboación que plantar piñeiros e eucaliptos está ben. Logo se non arden: moi ben, materias primas baratas para a industria chatarra, se arden moi ben tamén porque así contrátannos o apagado, a vixilancia e a posterior repoboación: un perfecto bombeo de cartos públicos a petos privados, un círculo vicioso de titanio. E o lobbi basicamente está en determinadas empresas, grandes e pequenas, globais ou locais, nun importante colectivo de funcionarios e lexitimado dende instancias universitarias. O seu éxito radica na ignorancia dos demais amplificada por unha prensa superficial e políticos ignorantes.

Feijoo e conselleira do rural enfróntanse, posiblemente, a un verán quente sen saber que son vítimas, tamén, de decisións políticas dos últimos 60 anos, basicamente as que aplicou o seu partido

Feijoo e conselleira do rural enfróntanse, posiblemente, a un verán quente sen saber que son vítimas, tamén, de decisións políticas dos últimos 60 anos, basicamente as que aplicou o seu partido. Moitos pedirán a súas dimisións; lexítimo pero inútil se non se explica publicamente como chegaron a este verán.

É a ecoloxía, é o coñecemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.