O desgaste dos partidos, as mareas e o nacionalismo: cadrar o círculo

Desde o 1 de marzo de 2009, cando o Partido Popular arrebatou o poder ao bipartito por medio dunha maioría absoluta (a única maneira que teñen de conseguilo), as forzas da oposición, nomeadamente PSdeG e BNG sufriron unha implosión interna e o mapa político galego mudou. Está por publicar a tese doutoral sobre a situación destes dous partidos entre 2009 e 2015.

Xunto con esta saída do que puido ser o único goberno progresista do tempo da autonomía, comezou unha crise económica, que xa pasa a depresión, e os antigos métodos de representación política esgazaron de tal xeito que só a innovación democrática e a participación cidadá serán quen de establecer novas canles cos partidos.

Os antigos métodos de representación política esgazaron de tal xeito que só a innovación democrática e a participación cidadá serán quen de establecer novas canles cos partidos

Pero volvamos aos socialistas e aos nacionalistas. Por parte do PSdeG, pese a que non sufriu ningunha escisión partidaria, comezou unha guerra interna de baróns, líderes provinciais, líderes de cidades e demais, que deixaron ao partido tocado, sen liderado, programa e organización.

Pola súa banda, o nacionalismo galego si que experimentou un cambio importante. En caras, en siglas, en proxectos e en estratexias. Negalo sería o absurdo. Uns anos de tensión interna (2009-2012) remataron coa hexemonía da marca G (en referencia á defensa de Galiza), en palabras do analista político Anxo Luxilde, debido á saída do Encontro Irmandiño e +Galiza da organización frontista. O BNG perdera o monopolio de representación do nacionalismo no sistema político galego. Tampouco levaba a batuta das posibles coalicións e do devir da política galega stricto sensu. O verán de 2012, co nacemento do Novo proxecto común e os pactos fallidos dos de fóra do BNG, deixou un escenario, cando menos, innovador ao xuntar a dúas forzas de culturas políticas distintas: por unha banda o novo suxeito Anova, formado por irmandiños e demais forzas minoritarias no panorama galego (MpB, FPG, FOGA, e outros) e Esquerda Unida, con escasa presenza no territorio galego.

Esa alianza converteuse na Alternativa Galega de Esquerdas e semellaba condenada ao fracaso pola falta de claridade nas súas propostas, e a, sempre difícil de xestionar, dicotomía entre nacionalismo e federalismo. Esquerda Unida foi quen de impoñer o vector esquerda, nunha época de crise de réxime, e Anova de defender a plurinacionalidade do Estado debaixo dese paraugas. Pola súa banda, os dirixentes do BNG pensaron que o capital posto en 30 anos de historia sería suficiente para revalidar uns resultados que, a medida que pasan comicios, van minguando. Non foi así: o adianto electoral de Núñez Feijóo para outubro de 2012 tivo como resultado que AGE pasase ao BNG e, por primeira vez dende 1993, habería máis de 3 forzas no Parlamento galego.

A creación das mareas de unidade popular no verán de 2014 fixo que o rol dos partidos minguase aínda máis

Os anos 2013 e 2014 modificaron aínda máis o mapa galego, xa que, coa implosión do 15M en 2011, fóronse sucedendo unha serie de cambios na política española que afectaron á política galega. O nacemento de novas formacións e a irrupción das mesmas nas eleccións de maio de 2014 ao parlamento europeo (Podemos) e a creación no verán de 2014 de plataformas de unidade popular, sobre todo nas grandes cidades, fixeron que o rol dos partidos minguase aínda máis, ata o punto de semellar conservadores nas súas posicións e responsables de non ceder ápice á entrada de novos actores no panorama político.

Anova aprobou na primavera de 2015 fundirse nas chamadas Mareas, e o BNG inventou o proxecto das Asembleas Abertas co cal pretendía recoller os intereses e demandas da cidadanía baixo o paraugas nacionalista. Pola súa banda, Compromiso por Galicia decidiu dar vía libre ás súas agrupacións locais para pactar e/ou participar en plataformas amplas alí onde decidisen. Ningún dos tres proxectos foi suficiente. Cal foi a consecuencia de todo isto? Os resultados electorais nas municipais de 2015 deixan dous escenarios: nas vilas medias e pequenas, o BNG resiste e mesmo onde goberna saca mellores resultados, e a través de pactos consegue, incluso, máis alcaldías que en 2011. Pola súa banda, as Mareas trunfan en ámbitos urbanos, onde vive case o 70% da poboación galega, e onde reside o potencial votante do nacionalismo nos 90.

Xa que logo, a reflexión que nos ven a moitos á cabeza é: cal é o papel do nacionalismo? As mareas, algunhas máis que outras, utilizan o galego nas súas comunicacións e pretenden poñer a Galiza no mapa dun cambio de réxime a nivel español. O BNG pretende dar voz aos galegos e galegas con presenza nacionalista no Congreso dos Deputados, nunhas eleccións que semellan á volta do verán. E CxG non pon trabas a aliarse con ninguén cun programa común.

Cal é o papel do nacionalismo? As mareas pretenden poñer a Galiza no mapa dun cambio de réxime a nivel español e o BNG darlle voz aos galegos e galegas con presenza nacionalista no Congreso

A campaña xa empezou e polarizar nunca lle serviu á esquerda, sexa partidaria sexa social, para acadar os mellores resultados electorais. Ante esta reflexión o lóxico sería unir forzas. Pero para que e para quen? O movemento cidadán parece imparable, polo tanto os partidos xa non son quen de mobilizar esas demandas como o facían anteriormente. A coordinación electoral que tivo a sigla BNG durante os anos 90 parece esgotada. Polo tanto, a idea principal que debe xurdir do nacionalismo é a de utilizar a base social, as ideas e a mobilización a prol dun obxectivo común. Esa alianza necesaria que asuman polas dúas bandas: a nacionalista debe ser quen de poñer o seu capital político para darlle voz a unha Galiza que por si soa non vai estar no Parlamento español, polo seu peso demográfico e económico, os problemas galegos non estarán enriba da mesa xa que non está o territorio en disputa entre as dúas forzas hexemónicas da democracia (PP e PSOE), e polo tanto ten que ter presenza unha forza propiamente galega que defenda os intereses galegos. E por outro lado ten que estar a parte das mareas e os novos movementos que, para lograr unha verdadeira representación popular, deben asumir que este país existe e que ten motivos e razóns para estar no Parlamento con voz propia.

O movemento cidadán parece imparable, os partidos xa non son quen de mobilizar esas demandas como o facían anteriormente

Hoxe en día, hai máis nacionalismo ca nunca, máis nacionalistas espallados polo país ca nunca, máis presenza nos medios de comunicación, e unha Galiza máis viva e dinámica que hai 40 anos. Ollo, isto non quere dicir que sexa maioritario, mais o problema da falta de representación non nos debe cegar e levarnos a pensar que vivimos no peor dos mundos posibles. Se cadra non estamos á altura doutras latitudes, pero tamén noutros países estiveron peor hai uns anos e conseguiron a través da reunificación de forzas ser hoxe un actor principal no escenario europeo, estoume a referir a Escocia.

Para lograr unha verdadeira representación popular, as mareas deben asumir que este país existe e que ten motivos para estar no Parlamento con voz propia

A nosa aposta é clara, o BNG debe falar con todas as forzas, expoñerlle o seu programa, sen deixar de lado un patrimonio de 50 anos de loita apoiando sempre aos máis desfavorecidos e as causas xustas. É fundamental poñer esta experiencia ao lado de aqueles que, sen compartir o obxectivo estratéxico, están dispostos a unirse para dar cabida ás demandas da sociedade galega do século XXI. O nacionalismo político non pode ficar fóra dos debates que se están a dar na sociedade. E non pode cometer o erro de illarse dunha cidadanía que pide participar máis ca nunca. A presenza do nacionalismo é importantísima para que Galiza exista, mais tamén para que os propios partidos sexan quen de ser actor catalizador das demandas cidadás.

O nacionalismo político non pode ficar fóra dos debates que se están a dar na sociedade e non pode cometer o erro de illarse dunha cidadanía que pide participar máis ca nunca

Por iso, o nacionalismo debe participar en todas as xuntanzas abertas e espallar as ideas do nacionalismo de esquerda. Non ten que facer pedagoxía porque as galegas e os galegos xa saben quen é o BNG e que quere o BNG. Debe seducir con esas ideas e intentar chegar a acordos de mínimos con outras forzas que partillen unha arela clara: unha sociedade máis xusta onde Galiza exista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.