Polo grupo parlamentar galego no Congreso

O resultado das eleicións municipais deste 24 de maio evidenciou a perda da supremacía polas forzas políticas que governaron no Estado español desde a caída da Ditadura franquista. En Galiza a maioría relativa do PPG está en claro declinio e a dimensión da baixada do PSdeG-PSOE indica que pode ser superado por forzas alternativas.  O conseguido por Compromiso por Galicia, as distintas Mareas (con EU, Anova e outros componentes) e o BNG-Asembleas Abertas, con presenza eleitoral na esmagadora maioría dos municipios e con representación directa en máis de 200, permite pensar na hexemonía democrática das posicións nacionalistas e da esquerda. 

Así, pasados os comicios municipais e perante a proximidade das eleicións estatais, cumpre o estabelecimento de acordos que leven a obter un Grupo Parlamentar no Congreso, como tamén no Senado, en prol dos intereses da sociedade e da personalidade  nacional de Galiza, sen perxuizo, como sempre se pensou, do ben de todos os povos peninsulares e para alén.

Isto é preciso máis non será doado. É necesario superar as tópicas posicións descridas sobre  a consciencia nacional da sociedade galega. Coñécense as posturas que tenden a subordinar as aspiracións ao autogoverno e  ao progreso económico e social de Galiza a unha hipotética reforma previa da Constituición, sen ver que nada decisivo será conseguido se antes non se impón desde a sociedade galega. E chegan propósitos que parecen subordinar todo avance ao triunfo da multitude mundial, desbordando ao proprio e sensato Toni Negri. Para gañar nesta batalla non está demais lembrar que, ademais das recorrentes reivindicacións sociais, culturais e institucionais protagonizadas pola sociedade galega e frente ás visións madrileñas sobre a realidade do país, o nacionalismo democrático e de esquerdas chegou a alcanzar o 25% dos votos nas eleicións galegas e o 23% nas europeas con unha candidatura propria; tamén a alcaldía de tres das sete grandes cidades, partillando o governo na maior parte das outras, e tres escanos no Congreso, non ficando lonxe de facerse con seis.

E, frente ás posicións que pretenden separar os problemas da sociedade galega dos referentes á cuestión nacional, sen compreenderen que todo o gañado nas últimas décadas foi debido ao esforzo dunha sociedade empeñada en superar a marxinación que lle foi imposta, hai que insistir en que os problemas do autogoverno e os económicos e sociais sempre foron da man. Recórdese que sendo Galiza no principio da Idade Contemporánea o país mais populoso da Península, tiña  unha povoación (13,55% do total) que multiplicaba por catro á povoación do territorio provincial de Madrid, que o seu peso demogrático era dúas veces maior que o de Cataluña e que todas e cada unha das provincias galegas, menos Ourense e por pouco, superaba en povoación á da Sevilla favorecida no comercio con América. Para estar afincado na realidade actual, especialmente no concernente ao pleno autogoverno, hai que evidenciar que, dispondo a sociedade galega de singulares condicións para compartillar a Revolución Industrial da época, foi a  política do Estado español a que provocou en Galiza unha perda demográfica dramática.

Non é preciso relatar todo o acontecido nos últimos dous séculos.  Sí ter en conta, porque afecta ás  nacións sen Estado e particularmente ao que facer desde Galiza, que coa crise provocada polo capitalismo depredador e ante a posta en causa do bipartidismo e a batalla política que se anunciaba, os poderes institucionais, financeiros e mediáticos madrileños procuraron artificialmente a substituición do sistema de dous partidos dominantes por outro de catro, dous tomados como emerxentes, e ignoraron por completo e irresponsabelmente a existencia das outras realidades nacionais, tan fortes como determinantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.