M de Marea

En Galicia o M (con maiúsculas) xa non pertence a Don Manuel Fraga. Cando o dinosauro marchou durmir o sono eterno, xurdiron as Mareas Municipalistas. Gañáronlle a batalla na evolución do ecosistema político. Galicia, que foi o laboratorio electoral de Podemos, éo tamén das plataformas de unión popular. Estas xestáronse en tres fases, que proporcionan outros tantos elementos cos que deberían contar quen apostan por esta fórmula desde a esquerda social e transformadora.

O partido de P. Iglesias catalizou voto alá onde non había suficiente tecido social mobilizado, nin representantes da sociedade civil capaces de catalizar o voto indignado coa forza dos líderes de Podemos

Unha lectura desapaixonada e en detalle dos resultados electorais do 24 de marzo dálles a razón aos dous modelos en liza. Ou máis, en concreto, a unha lista de confluencia que non renuncie ao nome de Podemos, pero con algún engadido ou expresión que recoñeza a existencia e importancia dos seus compañeiros de viaxe. O partido de P. Iglesias catalizou voto alá onde non había suficiente tecido social mobilizado, nin representantes da sociedade civil capaces de catalizar o voto indignado coa forza dos líderes de Podemos. Quen defenden de “confluencia e desbordamento de Podemos”, segundo o modelo de A. Colau ou M. Carmena, deberían considerar se contan con, cando menos, tres factores que propiciaron o seu éxito.

A receita resúmese en tres M con nome propio. Nunca Máis, Xosé Manuel Beiras e Manuel Rivas. Máis aló de personalismos, representan a evolución imprescindible do campo social, político e cultural para que esa ditosa 'unión popular' non sexa unha quimera

Un, dous e tres. Primeiro, un ciclo de mobilización social prolongado, cuxa cristalización institucional demórase no tempo e sofre vaivéns. Segundo, o fracaso previo de coalicións de goberno entre partidos de vello cuño. E, terceiro, o realiñamento dos liderados políticos e culturais, en sintonía cos sectores da opinión pública máis renovadores. A receita resúmese en tres M con nome propio. Nunca Máis, Xosé Manuel Beiras e Manuel Rivas. Máis aló de personalismos, representan a evolución imprescindible do campo social, político e cultural para que esa ditosa 'unión popular' non sexa unha quimera e a candidatura que a represente, un artefacto electoral errado. Os tres M resumen o labor de zapa do legado de don Manuel, realizada polo 'vello topo' que lle arrebatou o poder aos seus herdeiros.

A Marea Humana formada tras o Prestige, para “limpar as praias e os despachos”, prolongouse no tempo. Ao longo de dez anos rexurdiu en múltiples contextos, sinalizando a obslolescencia institucional, a autonomía da sociedade civil e a súa capacidade de auto-organizarse. Os miles de voluntarios que acudiron a Galicia denunciaban a democracia do chapapote e anticipaban o Non á Guerra. Aí empezaron a militar -sen partidos e con medios propios xerados na Rede- moitos dos que hoxe protagonizan a nova política e o novo xornalismo. Entón apenas contaban con vinte anos. Hoxe son os homes e mulleres nos seus trinta que saltaron “da praza ao Pazo” o 24M.

Entón apenas contaban con vinte anos. Hoxe son os homes e mulleres nos seus trinta que saltaron “da praza ao Pazo” o 24M

Podemos ten a súa base sociolóxica no 15-M, hai apenas catro anos. Quen lles esixen renunciar á súa marca en favor dunha candidatura de unión popular a nivel estatal deben preguntarse pola calidade e materiais do tecido social que queren representar. As diferenzas son notables ao longo da xeografía española. E o tempo do orballo é un bo antídoto contra o síndrome de Dos Hermanas. O que afectou a Podemos cando os seus líderes cualificaron como derrota o que, en realidade, foi un auténtico éxito: ser a terceira forza política máis votada no feudo andaluz do PSOE. A incultura política da urxencia sinalou o resultado como un fracaso. Só xustificaban esa valoración as expectativas desmesuradas e o derrotismo froito da impaciencia.

A incultura política da urxencia sinalou o resultado como un fracaso. Só xustificaban esa valoración as expectativas desmesuradas e o derrotismo froito da impaciencia

Tamén o PP obtivo maioría absoluta tras o Prestige, pero naquelas eleccións o voto de esquerda superou ao da dereita. Non ocorría desde 1936. O realiñamento do voto materializouse no goberno bipartito do PSOE e BNG. Que logo sería sancionado pola falta de cooperación e a competencia desleal dos presuntos socios, que replicaron os vicios da vella política, ao servizo das organizacións partidarias antes que do corpo social. O PSdeG apenas se reformulou nada no plano programático ou organizativo. O BNG quixo emular os partidos hexemónicos dos nacionalismos catalán e vasco. Tras esa decepción veu outra maioría parlamentaria do PP. É dicir, outra lección clave: ademais de lenta, a tradución institucional do cambio social experimenta avances e retrocesos, fluxos e refluxos... si, coma a marea.

Represéntase o galego nunha escaleira, sen saber se sobe ou se baixa. É o estereotipo dunha mirada rápida e curtopracista. Outra máis demorada mostraríao subindo dous banzos arriba e baixando outro. Algo propio de quen se sabe débil e ante un poder que o quere inmóbil. Subirá cando vexa outros sinalizando e facendo factible a ascensión. Os políticos e tertulianos que lle reprochan á cidadanía non ter finiquitado o bipartidismo nas urnas debería considerar cantos notables, con visibilidade pública, desertaron das filas do PPSOE. Cantos romperon amarras coas súas tradicións ideolóxicas, cos aparellos de partido e comunicación aos que servían? Que fácil lles resulta esixirlle ao electorado unha ruptura que eles son incapaces de protagonizar! Canta similitude coa militancia e a comandancia ortodoxas que, inconscientes das súas contradicións, desprezan as da xente común!

Os voluntarios de mono branco ocupan agora os concellos máis relevantes da provincia da Coruña. Pero Xosé Manuel Beiras xa dera a mediados dos 90 do século pasado o xiro cara á nova política. Visitaba os foros altermundistas e constataba a puxanza de novos imaxinarios e artefactos políticos que pasaban os límites da esquerda clásica. Logo rompeu (con) o BNG. Unha estratexia que, por exemplo, Anguita foi aínda incapaz de formular, menos aínda de impulsar respecto da IU refén do PCE.

Xosé Manuel Beiras xa dera a mediados dos 90 do século pasado o xiro cara á nova política. Visitaba os foros altermundistas e constataba a puxanza de novos imaxinarios e artefactos políticos que pasaban os límites da esquerda clásica

Foi en Galicia onde Pablo Iglesias comezou a facer campañas electorais para AGE. Alternativa Galega de Esquerdas, con X.M. Beiras á cabeza, rompeu o tabú nacionalista. Quen abandonaron a seita identitaria, superaron logo o BNG, con alianzas antes consideradas anti-natura. O pacto electoral con EU daba primacía ao tema social sobre o nacional. Todo un anatema para quen consideran a política un asunto identitario. Todo un exemplo de como pasar ao PP e ao PSOE que fixeran do 'galeguismo' un exercicio de 'enxebrismo'. Mentres, o BNG ía quedando só, algo lóxico en quen pretende arrogarse a exclusividade monolítica do nacionalismo... ou da esquerda 'verdadeira'. Non é cuestión (só) de etiquetas e vocabulario. Unha candidatura de unidade require novas aprendizaxes, rupturas co pasado e a reformulación dun presente preñado de futuro. Iso si que é desbordar e non surfear o que, ao final, revélase unha moda e un simple modismo.

Non é cuestión (só) de etiquetas e vocabulario. Unha candidatura de unidade require novas aprendizaxes, rupturas co pasado e a reformulación dun presente preñado de futuro

Manuel Rivas achegou o terceiro M. O escritor galego con maior recoñecemento e capital simbólico tamén apoiou as mareas. Do mesmo xeito que Beiras, non asumiu protagonismo e rexeitou figurar na primeira liña das listas e nos mitins. Rivas representa a intelectualidade que, coa Burla Negra aprendeu a vivir á contra, renunciou á dependencia institucional, e substituíuna por un sostén social e comunitario. A disposición ao diálogo -antes que ao monólogo- representa o novo intelectual. Sábese apenas un nodo máis dunha rede e que -antes que o enfrontamento, consciente do seu labor catalizador- se mostra conciliador e amable. Sen fronteiras pero con raíces, coma o emigrante galego: sensible tanto ao local como ao global. En comparación nada odiosa senón palmaria, nin un só dos (moitos) comentaristas madrileños de El País sentou a falar en público con M. Carmena, como fixo Rivas con Ada Colau na campaña da Marea Atlántica. Menos aínda puxo en perigo a súa columna e renunciou a ela.

Pídolles un exercicio de imaxinación. Pensen que ocorrería se dous históricos da política e a cultura irredentas e con igual recoñecemento público apoiasen a candidatura municipalista madrileña. A Marea Atlántica da Coruña triunfou nunha cidade onde o L do seu nome era obxecto constante de disputa falaz: os seus habitantes falan, simplemente, de Coruña. A nova ortografía e gramática políticas usan código aberto e libre. Isto explica o uso do galego que fixeron as mareas en campaña: un aceno de identidades plurais e amables, nunca un ariete, un muro numantino ou unha marca partidista.

A discusión sobre a fórmula electoral baséase aínda en dinámicas de exclusión ou cooptación. Non lle confire suficiente importancia ás sinerxías que puidesen emerxer nunha coalición das diferenzas

A unidade popular virá da man das evolucións e os xiros do tecido social, os partidos e os referentes intelectuais. A vella política concibe as candidaturas unitarias incompatibles co logo de Podemos. Un partido cuxo obxectivo de acadar a maioría electoral en solitario resulta improbable; polo menos, a curto prazo. Pero sen o cal non será posible adiantar electoralmente o PSOE ou andarlle á zaga, moi de preto, até o próximo embate nas urnas. A discusión sobre a fórmula electoral baséase aínda en dinámicas de exclusión ou cooptación. Non lle confire suficiente importancia ás sinerxías que puidesen emerxer nunha coalición das diferenzas. E as diferenzas reais non están nas siglas, senón nas traxectorias individuais e colectivas, que ou son converxentes ou non. E aí, no realismo para constatalo, radica, creo eu, a verdadeira cuestión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.