0 Gardados para despois

Fernando Rei Maio

As verbenas. Da tradición á perversión

Despois de ver como regularmente son noticia na prensa boa por parte dos que forman o eido artístico das orquestras da verbena Galega, quixera deixar estes parágrafos para expresar unha opinión en claro recoñecemento, solidariedade e homenaxe coa parte máis fráxil e indefensa, que non son outros que os músicos e as propias festas en si mesmas.

É obriga recoñecer que o que hoxe escribe estas liñas non coñece totalmente o mundo da verbena, pois foi cultivado musicalmente no mundo clásico máis, si que estou lexitimado para dar a miña opinión ao respecto por proximidade, amizade e compañeirismo con moitos destes músicos que compoñen as orquestras do panorama Galego.

Antes contratabas a orquestra que desexabas, a que máis gustaba ou a que permitía o orzamento. Hoxe tes que contratar a unha desas cinco (ou as cinco xuntas) con máis sona para que a festa teña ese falso prestixio e non ser menos que outras aldeas ou vilas

Se botamos unha ollada cara o pasado, e non hai que ir máis aló de trinta anos, debemos recoñecer que antes as festas cumprían unha función social para a aldea, a vila, etc... onde cada comisión de festas organizaba os actos dese/s día/s para disfrute e ocio da veciñanza e por defecto para as súas familias, amigos e amigas. Cando asistías á festa, ollaras para onde ollaras, todas e todos eran coñecidos, e aquel que a súa faciana non nos soaba, era inmediatamente adoptado como amigo/a porque xa intuías que era familia ou amigo/a dun veciño/a. As festas organizábanse para os do lugar e do arredor máis preto, sen desbotar a ningún forasteiro. Hoxe non. Hoxe semella que se non se organiza unha festa para 10.000 persoas xa non é festa. Antes contratabas a orquestra que desexabas, a que máis gustaba ou a que permitía o orzamento. Hoxe tes que contratar a unha desas cinco (ou as cinco xuntas) con máis sona para que a festa teña ese falso prestixio e non ser menos que outras aldeas ou vilas. O cal fai que se xere unha cadea irrompible e sen fin, onde cada ano vai in crescendo o esforzo e os prezos para os festexos. O exemplo a todo isto vén agora.: Antes a veciñanza organizaba a festa e despois disfrutaba dela bailando, cantando, moceando, ou como quixeran ou mellor puideran. Agora non poden, agora teñen que traballar para organizala e seguir traballando (principalmente nas barras) durante o transcurso da mesma como auténticos servos e servas dun señor feudal (supoño que algún farao gustoso)

Nos petos dos músicos non entran esas cantidades de 10.000, 15.000, e ata 20.000 € que poden chegar a pedir (o axente e o xefe da orquestra) por unha actuación dunha noite

Se tocamos o apartado “situación laboral”, entón debemos retirarnos meditar ao tibet para non entrar en estado de shock. Se os que frecuentan con regularidade os campos das festas para escoitar e disfrutar dunha orquestra coñeceran a realidade laboral que sofre a meirande parte dos músicos, quedarían abraiados ou simplemente caerían desmaiados. Á práctica totalidade dos músicos non se lles cotiza á seguridade social mentres están ensaiando (e polo tanto traballando), no inverno. No verán só cotizan o día que tocan e esa cotización sae do grupo máis baixo dentro da base de cotización que establece a seguridade social. Nos petos dos músicos non entran esas cantidades de 10.000, 15.000, e ata 20.000 € que poden chegar a pedir (o axente e o xefe da orquestra) por unha actuación dunha noite.

Quen son os culpables? En grande medida, e sen ser os únicos, os axentes artísticos que co seu xeito usureiro e especulativo de entender as festas converteron a tradición en perversión

Quen son os culpables? En grande medida, e sen ser os únicos, os axentes artísticos que co seu xeito usureiro e especulativo de entender as festas converteron a tradición en perversión. Na súa busca de fomentar e favorecer o espectáculo (e nisto algúns músicos tamén son moi culpables) transformaron aos músicos en acróbatas, atletas e marionetas. Máis non en acróbatas, atletas e marionetas dignos e de prestixio, senón populachos e vulgares. (imaxínanse vostedes a un avogado brincando e colgado da lámpada para defender a un cliente diante dun/ha xuíz? Eu tampouco. Por que un músico si?). Obrigaron a que se pasara de interpretar un repertorio variado e de certo culto, a ser embaixadores dos 40 principais e da música caribeña máis cativa. Obrigaron a que se pasara a ofertar un prezo accesible a converter as orquestras en artigos de luxo (onde quen leva o beneficio económico non son precisamente quen botan horas e horas enriba do escenario, nin transportándoo, nin montándoo). Pasaron de ser intermediarios a se converter en amos e señores das orquestras e das festas. Converteron ás comisións de festas en auténticos destrutores de riqueza cultural e musical Galega, xa que estes centran todo o esforzo en traer unha orquestra aínda que lles custe vinte mil euros o empeño, máis choran e intentan regatear mil ou dous mil euros para darlle a unha agrupación tradicional de gaitas, unha banda de música, etc...

Na miña modesta opinión, a solución ao futuro das orquestras, e por tanto dos propios músicos que as nutren, creo que pasa por facer algo semellante a cooperativas, onde o músico sexa o seu único xefe

Como remate final teño que dicir que baixo a miña opinión o mundo das orquestras ten grande parecido co mundo de Disney. Os dous amosan un mundo de espectáculo, maxia, ilusión e fantasía. Un mundo ideal onde a luz e o son fanos soñar e admirar, máis, o que en boa medida hai detrás da tea e dos focos que nos cegan son: un negocio redondo para uns poucos, pésimas condicións laborais, diñeiro negro a esgalla e moito de inxustiza pois, para que catro se fagan ricos é necesario que catro mil deixen as súas almas cada noite nos escenarios e nas estradas. Na miña modesta opinión, a solución ao futuro das orquestras, e por tanto dos propios músicos que as nutren, creo que pasa por facer algo semellante a cooperativas, onde o músico sexa o seu único xefe. Que estes teñan o valor a dar o paso adiante para apartarse dos axentes, intermediarios, etc., e comecen a contratar directamente a actuación repartindo a suma do pactado entre todos e todas segundo o tipo de contrato que cada músico teña, ou acorde ao seu rexime de cotización: autónomo, contratado pola orquestra, etc...

Acerca de Fernando Rei Maio