A “pedagoxía do depende”

Que sorte temos os galegos e galegas cando respondemos cun depende. Se todo fose tan doado coma un si ou non, estariamos ante unha sociedade moito máis lineal, e máis resolutiva. Non é preciso aclarar que non todo é branco ou negro, senón que existen moitas tonalidades e moitos tipos de “grises”. E esta é a clave da “pedagoxía do depende”. Somos quen de transmitir nunha soa pregunta o que realmente pretendemos saber?

Que sorte temos os galegos e galegas cando respondemos cun depende. Se todo fose tan doado coma un si ou non, estariamos ante unha sociedade moito máis lineal, e máis resolutiva

Que dor de cabeza para o pobo grego decidir entre un si e un non, sen ter a opción dun depende. Fagamos -por exemplo- unha proba na nosa terra:
Vostede quere, unha educación pública?

Como non vou querer?! Pero depende … Depende se ten que ser de calidade. Depende de que tipo de calidade falamos. Depende dos ratios e os recursos físicos. Depende do sistema de acceso do profesorado. Depende de se vai a existir ou non reciclaxe dos seus profesionais. Depende de se van a financiar tamén colexios concertados. Depende de quen sexa o/a responsable. Depende de tantas cousas…

A concreción moitas veces axuda a facilitar unha resposta simple, mais ao final, vai seguir sendo perigosa, porque deixa moitos matices polo camiño. Ninguén esixe que lle expliquen que estamos a preguntar, nin tampouco esixe unha información transparente. É o goberno un exemplo de pedagoxía?? Ou son os medios de comunicación?? Ante nós a clave. Se non conseguimos transmitir, informar e, sobre todo, explicarnos, todo aquilo que consultemos servirá para que só haxa ganadores e perdedores.

A concreción moitas veces axuda a facilitar unha resposta simple, mais ao final, vai seguir sendo perigosa, porque deixa moitos matices polo camiño

A pedagoxía tería que ter (na política) o obxectivo de conseguir que o pobo entendera o por que de ter que ir ás urnas. Entender, asimilar, e facer unha reflexión crítica sobre as cuestións formuladas.

Póñome na pel dun/dunha cidadá grega. Un “non”, sería unha mostra de que xa non hai medo, e que a dignidade do pobo está por enriba dos intereses económicos da gran Europa. Por outro lado, se cadra un “si”, sería calmar á Troika e, posiblemente, non poñerse peor do que estabamos.

Os medios de comunicación europeos fixeron un exercicio de pedagoxía ou ben representaron unha opinión en cuberto?

… É tan simple?. Podemos facer esta interpretación? Somos quen de responder sen ter en conta todos os factores? Foi a pregunta exemplo de transparencia por parte do goberno? Os medios de comunicación europeos fixeron un exercicio de pedagoxía ou ben representaron unha opinión en cuberto?

Eu dende logo, no caso de existir un referendo no Estado, e imaxinando as manipulacións existentes por parte do Goberno e por parte dos medios de comunicación, solicitaría un depende.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.