Sobre o de Grecia: 'Felipe, quién te ha visto y quién te ve'

Escribo animado por un lamentable artigo de opinión de Felipe González en El País. Resúltame curioso ler a tanta xente nos xornais opinando tranquilamente que Syriza foi irresponsable por convocar o referendum. Non semella nada doado chegar á conclusión que un referendum é mala idea. En último caso, cando hai unha situación verdadeiramente delicada (como é esta), o lóxico é consultar ao pobo. Digo eu. Hai que ser retorcido para dicir que un referendum é antidemocrático, como escoitamos acotío na radio e na televisión.

Resúltame curioso ler a tanta xente nos xornais opinando tranquilamente que Syriza foi irresponsable por convocar o referendum

Cando os dous partidos maioritarios no seu momento en España mudaron a Constitución de 1978, non se consultou a ninguén. É iso correcto? Seguramente non. Todo depende da cor do cristal con que se mire. Nesta vida hai que ser prudente. A lexitimidade e a representatividade son asuntos moi delicados.

Algúns tertulianos din que non se pode perdoar a débeda a Grecia, porque quen está endebedado debe pagar. Entón, por que se rescatou a Bankia e a tantas entidades financeiras con diñeiro público? Ah, claro. Caemos no tan manido "privatizar os beneficios e socializar as perdas". Que llo digan aos preferentistas. Por certo, na miña familia hai preferentistas, e sei do que falo.

Hoxe Felipe González di en El País que hai que levar axuda humanitaria a Grecia. Resúltame patético o concepto. Axuda humanitaria dentro da Unión Europea? Axuda humanitaria dentro da Zona Euro?

Ao que ía. Hoxe Felipe González di en El País que hai que levar axuda humanitaria a Grecia. Resúltame patético o concepto. Axuda humanitaria dentro da Unión Europea? Axuda humanitaria dentro da Zona Euro? Como se pode chegar a pensar así? Señor Felipe González: xa estamos acostumados a que nos decepcione. As súas palabras non supoñen nada novo baixo o sol. 

Talegón foise do PSOE. Ben por Talegón. Outros semella que poden seguir o seu exemplo, como Odón Elorza, o ex-alcalde de Donosti. Ogallá se abra un debate intenso no PSOE sobre a verdadeira natureza do partido. Un PSOE apoiando a monarquía e un PSOE aplaudindo á Troika son un PSOE desdebuxado, nen sequera unha sombra do que foi. Das catro siglas só lle quedan o "P" e o "E", pero xa non o "S" nin o "O". Triste, pero real como a vida mesma. Logo os tertulianos sorpréndense de que a xente elixa opcións máis á esquerda. É a que esquerda que representaba o PSOE agora é centro, ou mesmo centro-dereita.

Debe ser moi duro para un grego ter votado NON no referendum do pasado domingo. Os conflitos internos cos que lidaron milleiros e milleiros de gregos e gregas deberon ser un pesadelo. Millóns de pesadelos e de noites sen durmir en Atenas, Tesalónica, Heraklion e en todo o país. Se os gregos, en pleno corralito, votaron o que votaron, sería por algo. Cando unha persoa non atopa saída aos seus problemas, decátase de que non ten nada que perder. E a partir dese momento, o escenario político cambia completamente.

Cando unha persoa non atopa saída aos seus problemas, decátase de que non ten nada que perder. E a partir dese momento, o escenario político cambia completamente

Eu quero ser centrado, quero ser ecuánime. Non quero analizar superficialmente nada. Non quero ser parcial nin moito menos caer en tópicos. Pero o que si sei é que non hai que deixarse manipular pola macroeconomía. De nada serve que nos insistan en que Grecia comezaba o 2015 cunha expectativa de crecemento do 2,5%, como fai Felipe González. Parole, parole... O que serve é ver que nunha sociedade a distribución da riqueza é equitativa, que non hai grandes desigualdades sociais, que as familias poden pagar os recibos e as facturas e, sobre todo... que a xente pode comer. Parece mentira que un socialista caia tan baixo. Pero así é. Estou indignado.

É certo que os gobernantes gregos levan décadas empregando mal o diñeiro europeo. É certo que houbo corrupción. É certo que Grecia tiña un sistema de pensións difícil de soster. Pero a UE permitiu todo isto na época das vacas gordas. Especialmente lamentable é a posición de Alemaña, que está demostrando ter moi pouca (nula) memoria histórica. As posicións inflexibles de Wolfgang Schäuble e de Martin Schulz lembran actitudes de actores secundarios sádicos en películas de medo. Regodearse no sufrimento alleo e permanecer impasible ante a desgraza dos outros.

Se se abandona a Grecia á súa sorte, acabouse Europa. Polo menos, para min. E seguro que para moitos millóns de persoas tamén

Que culpa ten o pobo grego de todo isto? A Unión Europea é só un clube de xente guai cando todo vai ben ou aspira a ser un espazo cohesionado cultural e socialmente, un espazo de solidariedade? Se se abandona a Grecia á súa sorte, acabouse Europa. Polo menos, para min. E seguro que para moitos millóns de persoas tamén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.