Bilingüismo paspán

Nas xornadas de #traballandoenlingua organizadas pola CTNL, celebradas en Carballo, Ferran Suay, autor de “Sortir de l'armari lingüístic”, psicobiólogo evolucionista e profesor da Universitat de València -como di o seu perfil de tuiter-  ilustraba o concepto de “bilingüismo paspán” coa imaxe deste letreiro do metro de València. Unha ollada ao perfil @gva_112 (Servei d'emergències valencià) proporciona moitos máis exemplos, como o chío que di: “Se retira el avión/Es retira l'avió”. Calquera castelánfalante cun coeficiente superior ao mandril entendería o enunciado en catalán. No aeroporto de Santiago, por citar algún exemplo en galego, eu lembro indicacións deste estilo: “entrada/entrada” como se o lector fose parvo. Isto non só é un insulto á intelixencia, senón que envía unha mensaxe moito máis revirada: “O catalán ou o galego contaminan, son un perigo  e rotular só nese idioma sería ofensivo”. 

Suay empezou a charla cunha afirmación contundente: as linguas non serven  para entenderse, serven máis ben para todo o contrario, para diferenciar os grupos. Cando escoitas falar a unha persoa localízala no tempo e no espazo. Puxo como exemplo un coñecido “shibboleth” durante a Guerra da Independencia, aos pés da muralla que daba acceso ao Castell de Dénia, ser quen de pronunciar “setze jutges d'un jutjat mengen fetge d'un penjat” daba entrada ou non ao castelo. Esas fricativas e africadas sonoras, eran o sinal lingüístico que distinguía un catalán dun español.

Este concepto de “bilingüismo paspán” xunto co de “supremacismo”- ou idea de superioridade dunha determina lingua ou pobo respecto doutros- ilustra moi ben cal é a intención dos que están no poder, en relación ao galego ou o catalán: Condenalos a súa desaparición.  Para valorar, defender e amar a diversidade lingüística, fai falla un chisquiño de intelixencia e sensibilidade, pero eses “iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros” que nos gobernan, non a teñen. Síntoo por Carolina Punset- unha tipa que non dá saído da súa caverna ideolóxica, o “cosmopaletismo”. Tres séculos despois daquel 1713, aquí estamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.