O leite galego: An inconvenient truth

Corría o ano 2007, cando o ex vicepresidente Al Gore publicaba o seu libro titulado Unha verdade incómoda. Neste comentario non vou facer mención ao cambio climático nin á disputa entre negacionistas e quentólogos, como adoito chamar coloquialmente. Limitareime a aproveitar o título, pois, cando se aborda un problema, convén procurar analizalo sen supostos previos se a intención é a desolventalo. Senón, sempre temos a opción de constituír unha mesa, un comité ou calquera outro órgano colexiado no que a responsabilidade e o fracaso poida ser partillado e minorado alicuotamente entre todos os seus compoñentes.

Partindo de que hai un problema no noso campo co leite, haberá que procurar ter o que se dá en chamar unha visión de helicóptero, para ser quen de analizar tal problema abordando todas as súas caras, e vendo que papel xoga cada un dos actores en dito drama.

Tras a desaparición das cotas lácteas -ou simplemente porque esta era unha excusa tan boa coma outra calquera- o prezo do leite desplomouse pasando dos 0,30€/litro aos 0,17€

Tras a desaparición das cotas lácteas -ou simplemente porque esta era unha excusa tan boa coma outra calquera- o prezo do leite desplomouse pasando dos 0,30€/litro aos 0,17€. Para sermos precisos, esta caída só afectou ao prezo que @s gandeir@s perciben polo leite que comercializan, xa que o consumidor@ final está a pagar os mesmos prezos que pagaba daquela.

Quen produce o leite? É sabido que vén das vacas e que son @s gandeir@s os que, co seu bo facer, tentan obter o mellor produto das primeiras. Ora ben, son gandeir@s, non empresari@s, nin economistas na maioría dos casos, pero si teñen empresas. Velaquí o primeiro paradoxo. O redimensionamento das nosas empresas lácteas provocou que agora teñamos menos mais de maior tamaño. Segundo datos da Consellaría do Medio Rural, no ano 1995 había no noso territorio unhas 101.000 explotacións con 500.000 cabezas, pasando no 2010 a unhas 940.000 vacas en 53.892 explotacións. O gandeir@ galeg@ produce pero non é consciente de que o máis importante para calquera empresa é vender e vender ben (bo prezo, boas condicións de cobro…). Infelizmente, o gandeir@ nunca comercializou o seu produto, simplemente agardou -e agarda- na súa granxa a que lle ofrezan cotizacións. É aquí onde se frea a cadea de valor.

Por diversos motivos, a saída lóxica albiscábase na creación de cooperativas, especialmente dada a capacidade que esta forma xurídica brinda para unir esforzos, acadar sinerxias e economías de escala, diminuír custos fixos, profesionalizar a xestión e seren don@s do seu destino. Porén, como é ben sabido, a panacea non existe. En gran medida debido a que os gandeir@s continuaban sen ser quen de dirixir estas empresas. Se non eran capaces de facelo nas súas propias explotacións, dificilmente poderían en organizacións de maior tamaño e complexidade. Víronse pois na necesidade de botar man de foráne@s para que, na maioría dos casos, lles dixesen o que querían oír e non o que precisaban, ben descoñecemento ben por mala fe. Tamén provocou que se desen auténticas e esperpénticas liortas entre os propios gandeir@s para ver quen deles figuraban nos créditos como president@, ou membro da reitora, porque en toda organización o factor humano coas súas luces e sombras é o que determina en último caso as relacións con terceiros.

A industria, pola súa banda, é sobradamente coñecedora da debilidade do elo previo, e emprega todo o que ten ao alcance da súa man para mercar o mellor produto ao mellor prezo

A industria, pola súa banda, é sobradamente coñecedora da debilidade do elo previo, e emprega todo o que ten ao alcance da súa man para mercar o mellor produto ao mellor prezo ou, simplemente, produto que poida marxinar ao máximo posible, para o que algunha non repara en botar man do leite foráneo para vendelo como patrio e, cando a corda se tensa, sempre lles queda a baza de negar a compra dun produto que non ten acopio posible. Máis grave é, se callar, o caso da industria que é propiedade dos gandeir@s e que lles cotiza a un precio menor co da competencia, simplemente, porque a titularidade e unha cousa e a representatividade outra. Por outra banda a industria atópase nunha situación intermedia, na que unhas cantas empresas, negocian coa grande distribución, en canto un pequeno número de operadores o fai fronte á multitude de explotacións, pois o tamaño si importa.

As institucións, en boa medida, nin saben nin queren saber. Están habitualmente dirixidas por quen non coñece nin o campo, nin a industria nin a gran distribución, e por xente que, por práctica política, se debe no seu quefacer diario a intereses partidarios

A gran distribución é Goliat, non por vivir peregrinando, senón polo seu tamaño e forza. Traballa sempre coa súa marxe, a cal, por concepto artimético, tende ao infinito. O leite, ao igual que outros produtos -sobre todo de horta- é un reclamo propio e estupendo para ditas grandes áreas, que teñen perfectamente escandallado cales son os lineais, os facing ou as cabeceiras que máis lle rentan. Elas son as que pechan a cadea de valor xa que chegan ao consumidor final, polo que calquera esforzo de mercadotecnia repercute integramente nelas, por moito que a industria se esforce, algo que quedou patente co nacemento das marcas brancas ou marcas da distribución aló polos comezos do ano 2.000.

As institucións, en boa medida, nin saben nin queren saber. Están habitualmente dirixidas por quen non coñece nin o campo, nin a industria nin a gran distribución, e por xente que, por práctica política, se debe no seu quefacer diario a intereses partidarios –decote enfrontados- onde sempre perde quen máis lonxe se atopa do centro de decisión, algo así como o efecto da gravidade que mingua coa distancia.

Só así, con formación e tamaño, poderán negociar en igualdade de condicións cos xigantes da industria e da gran distribución, pondo en valor o seu traballo, dignificando o seu bo facer e garantindo a viabilidade do sector

En Galicia demostrouse unha cousa parecida no caso dos lumes, no que os políticos ao uso saben que existe un problema económico e social -que non persoal- pero sobre o que non hai ningún interese en solventar, pois deste xeito sempre hai algo sobre o que se sentar a falar, debater, e cobrar.

Agora xa non é cuestión de que facer, senón de cando. O tempo esgótase e con él un dos piares da economía galega

O problema lácteo en particular e do agro en xeral, precisa de altura de miras, man firme, serenidade, profesionalidade e honradez. As explotacións han de xuntarse, buscar perfís propios comerciais, financeiros, de mercadotecnia… para conformar empresas viables e rendibles, e seren quen de unir esforzos, sendo xenerosas nas negociacións e serias nos acordos. Só así, con formación e tamaño, poderán negociar en igualdade de condicións cos xigantes da industria e da gran distribución, pondo en valor o seu traballo, dignificando o seu bo facer e garantindo a viabilidade do sector.

Agora xa non é cuestión de que facer, senón de cando. O tempo esgótase e con él un dos piares da economía galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.