Informe da ONU sobre as mulleres españolas

Cando as feministas chamadas “históricas”, un nome que nos aporta idade, pero tamén experiencia, dicimos que o feminismo está nun mal momento, poden acusarnos de pesimismo. Si, recoñezo que cambiou  a sociedade. Temos unhas leis importantes. Unha lei de Igualdade, perfecta; tan perfecta que non convén usala para que non se lixe e conserve o tule ilusión. 

Subliña o alarmante retroceso dos dereitos das “humanas”,  e mostra un panorama desolador en todos os ámbitos do dereito, civil, político, económico, social e cultural

O meu, atrévome dicir o noso, pesimismo vese referendado pola ONU. Acaba de emitir un informe tremendamente negativo sobre a situación das mulleres en España.  Subliña o alarmante retroceso dos dereitos das “humanas”,  e mostra un panorama desolador en todos os ámbitos do dereito, civil, político, económico, social e cultural. Todas as áreas consolidan a discriminación feminina: igualdade, saúde, emprego, dereitos sexuais e reprodutivos, representatividade das mulleres na toma de decisións, protección social, reforma laboral, estereotipos, medios de comunicación, acceso á xustiza, participación na vida pública e outras.

Recomenda:

- Reimplantar a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos como sinatura obrigatoria en todo o estado.

- A revisión dos libros de texto e plans de estudo.  Interpretan que permanecen os estereotipos que favorecen o masculino. (Sobre isto merece a pena comentar que o sistema considera igualar, xuntar as nenas cos nenos; o contrario situalas en aulas distintas é segregación. Non opinaba así a gran feminista euskera María José Urruzola, que defendía a segregación en ben das nenas e mozas) Sexa como for, xuntar cousas ou persoas diversas non as iguala. Pola contra aprender historia onde o personaxes, mandatarios, empresarios,  científicos, intelectuais ,ou artistas, son masculinos sempre, van segregando as alumnas dun mundo no que elas non teñen papel. Ninguén lles explica por que. O comportamento dos rapaces lles confirma o seu poder e as conduce ao papel secundario.    

- Combater os estereotipos de xénero no medios, na televisión, páxinas web… A imaxe de muller está sendo empregada para vender, de acordo coa crise, produtos cada vez máis cutres. Os representantes da Administración do Estado, permítense xuízos machistas máis mediocres.

- Melloras políticas para a integración das mozas xitanas no ensino e na sociedade.

Tanto o goberno español como a ONU permiten a existencia de dous sistemas sociais, o público e o privado. O privado non se cita, nin mesmo cando extraen del máis do 50% do PIB producido polo traballo escravo das mulleres

E unha lista de medidas para instar ao goberno español a cumprir os compromisos internacionais en materia de igualdade de xénero.
Saben as e os meus lectores, por anteriores artigos, que considero isto fraudulento. Tanto o goberno español como a ONU permiten a existencia de dous sistemas sociais, o público e o privado. O privado non se cita, nin mesmo cando extraen del máis do 50% do PIB producido polo traballo escravo das mulleres. O asasinato das mulleres nese arrepiante eido, ten tan escasa importancia como o valor económico  que xeran, en servizos, procreación, coidados e un longuísimo etcétera. Partindo desta base, como se pode falar de igualdade?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.