Cinco mil euros

En Xove somos xente seria. Díxeno moitas veces e volvo repetilo: somos xente formal. E por esta razón desde o grupo municipal nacionalista adoitamos valorar con responsabilidade as poucas proposicións que o equipo de goberno leva a pleno. Esta é a razón de que, hai xustamente trinta e dous días, decidíramos apoiar a proposta da alcaldía sobre o desempeño do seu cargo con dedicación exclusiva e coa retribución máxima que permite a lei para o noso concello: 40.000 euros ao ano. Un salario máis que digno. Pensamos nós.

Ese mesmo día nese mesmo pleno, accedemos a unha segunda dedicación exclusiva para o cargo da terceira tenente de alcalde e delegada de agricultura, gandería, montes, cultura e educación. Esta retribución supón 32.992 euros anuais. Outro salario máis que digno. Tamén. Pensamos nós.

Por onde non pasamos foi pola aprobación doutras dúas dedicacións parciais a maiores. Aí plantámonos. Pero sen personalizar en ningún momento. Rexeitámolas porque fomos xenerosos e o goberno local tería que entender que dúas liberacións políticas cunhas espléndidas retribucións deben ser suficientes nun concello de tres mil habitantes. Aínda que os populares usaron a súa maioría absoluta para pasar por riba dos nosos argumentos e admitilas sen máis, tras repetir como unha ladaíña unha única frase: “Por consideralo preciso para o bo servizo dos veciños”.

Agora iso xa cambiou. Si, xa virou o vento. Parece que agora vén de sur. Algo que semellou acontecer tras decidir o noso alcalde, de xeito repentino, que Xove xa non necesita un rexedor con dedicación exclusiva. E por intereses persoais, deixando de lado a súa promesa de traballar a tempo completo polos veciños de Xove, o primeiro edil vai “compatibilizar” o cargo de alcalde (cunha dedicación parcial de 20.000 euros/ano) co de Deputado Delegado na Deputación de Lugo (con outra dedicación parcial de 25.737 euros/ano). Dietas, gastos de quilometraxe e trienios de antigüidade aparte.

Este é o perfecto exemplo de que en pouco máis dun mes, e por comenencia propia, este político buscou gañar 45.737 euros anuais en troques dos 40.000 como máximo que pode percibir como alcalde a tempo completo. E todo por pouco máis de cinco mil euros ao ano de diferenza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.