Benvido (de novo) o fenómeno fan á política

Nun recente serán deste verán atípico por tan caloroso en Compostela, nunha xuntanza, entre godello e pementos de Padrón, lembrábanos un destacado membro do BNG e apreciado amigo un mitin de Beiras no pavillón dos deportes de Lugo aló polo 1997.

Naquel acto o polideportivo fervía ateigado. Eran os tempos do tripartidismo galego previos ao "sorpasso" do BNG de Beiras sobre o PSdeG de Abel Caballero.  Sí, Abel, o mesmo que  hoxe, aos seus case 70 anos é o todopoderoso alcalde de Vigo (quen o ía pensar daquela...) a quen todos miramos de esguello neste xullo de calma chicha e tensa espera no socialismo galego.

Ao asunto. Beiras sube ao escenario, achégase ao atril, abre unha botelliña de auga, dálle un grolo, pecha a botelliña, póusaa no atril e aquel pavillón racha en aplausos, ovacións, delirios. Beiras aínda non dixera "nin mu".

Hai uns días atopábame en Ferrol, ben acompañado e ao fresco nas terrazas da Praza de Amboage. E entre nenos e nenas xogando, cañas, claras e refrixerios varios, a praza encheuse case ao completo. Tiña lugar alí mesmo un mitin de Podemos, Pablo Iglesias incluído. Catro ou cinco teloneiros máis ou menos aplaudidos polo público abriron o acto. Pero os teloneiros xa o poden facer de cine que o público a quen agarda ansioso sempre é á estrela. E Pablo subiu ao escenario. Non lembro se tiña auga ao que darlle un grolo pero si que antes de pronunciar palabra algunha o aforo ferrolán xa se entregara. E a cada ben medida, diría eu cronometrada, pensada e calculada frase do líder dos círculos violetas todo eran vítores e fervor. Suxeito, verbo, predicado e ovación pechada e entregada. Auténtico fenómeno fan. Política espectáculo, algo valeira de contido pero impecable no obxectivo de emocionar.

Suxeito, verbo, predicado e ovación pechada e entregada. Auténtico fenómeno fan. Política espectáculo, algo valeira de contido pero impecable no obxectivo de emocionar

E é que o fondo do discurso, no que me chegou ata o outro lado da praza resúmoo en: primeiro bloque "master class de análise electoral", segundo bloque o tan rendible "vitimismo político" e terceiro bloque "todos somos Grecia". Eran as horas previas ao NON-OXI do referendo incumprido de Tsipras. Aquel venres todo eran apoios e solidariedade co "goberno rebelde amigo" de Syriza. Hoxe sabemos como rematou o conto e como noutro dos seus xiros ao redor do círculo, Podemos vaise desmarcando de Syriza e Pablo de Alexis. E viceversa.

Parece que van décadas pero non hai moito que o PSOE enchía Riazor, quedaba xente fóra alí ou nas Travesas de Vigo. Enchíase o Palau Sant Jordi de Barcelona ou Vistalegre en Madrid. No primeiro, a malograda promesa de Zapatero: "aprobarei o Estatuto que saia do Parlament de Cataluña". No segundo naceu o "espírito de Vistalegre" e a marca ZP que baixo a batuta de Pepe Blanco levou ao PSOE a dúas lexislaturas no poder. O partido segue tendo músculo en prazas andaluzas e algunha contada máis. En Galicia, para volver a encher Riazor e As Travesas van ser necesarias sobredoses de liderado. Íamos sorbéndoas aos poucos cando se nos volveu esganar unha señora de Lugo.

O partido segue tendo músculo en prazas andaluzas e algunha contada máis. En Galicia, para volver a encher Riazor e As Travesas van ser necesarias sobredoses de liderado

Ao alcalde de Santiago estáselle a acusar dende a oposición de exercer pouco e visitar de máis os platós de cadeas de televisión galegas e sobre todo estatais nestas primeiras semanas de mandato. Só ou acompañado das súas "parellas de feito", os "alcaldes rebeldes" de Ferrol e A Coruña. Certo é que aínda é máis fácil toparse con Martiño Noriega e ao seu equipo falando da non-ofrenda ao Apóstolo ou da concellaría de Benestar Animal en Cuatro ou La Sexta que respostando nos medios locais a preguntas de veciños e veciñas sobre problemas cotiás da cidade.

Acaso é bo para a saúde democrática dun País que a cidadanía lle dea as costas á política? Os tempos pre-electorais teñen que ser tempos de recarga democrática. De convencer, emocionar, mobilizar

A política espectáculo ten moitos detractores. Non son un deles. Mellor canta máis xente se emocione nun mitin, invista unha hora do seu tempo de lecer nun acto político, incluso crea case a cegas unha promesa como quen se aferra a un pau ardendo para atopar un anaco de esperanza. Acaso é bo para a saúde democrática dun País que a cidadanía lle dea as costas á política? Os tempos pre-electorais teñen que ser tempos de recarga democrática. De convencer, emocionar, mobilizar. Xa virán os de topar de súpeto coa realidade os que prometeron, e pasar factura e ir contando promesas incumpridas os que as creron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.