0 Gardados para despois

Encarna Otero

Na UE non hai espazo para a boa xente

Esta afirmación fíxoa o economista grego Y. Varoufakis hai uns días cando a Grecia sufriu un duro acoso por parte de aqueles que se consideran propietarios dos destinos da Unión e dos seus habitantes, é dicir, A. Merkel e W. Schaüble, apoiados a modo de seguidismo total por algúns dos representantes dos Estados membros. Eu concordo plenamente  con este xuízo de valor porque a Unión Europea, ademais do inmenso déficit democrático nos organismos que deciden, sobre todo da Comisión e do Consello, está cada vez máis lonxe das persoas, dos seus dereitos fundamentais: o dereito ao traballo, á educación, á saúde, ao benestar, á cultura, á xustiza, á igualdade, á soberanía alimentaria e un longo etcétera, e cada día esta Europa aseméllase máis ao modelo que puxeron en marcha M. Thatcher e R. Reagen no século XX no mundo, que ao soño europeo de liberdade, igualdade e irmandade da Francia do XIX. Coido que aquela afirmación que Xosé Manuel Beiras facía na campaña do BNG en contra do Tratado de Maastricht: “este Tratado implantará pouco a pouco e con tempo o IV Reich por vía do euro” estase a cumprir no día a día.
 
Os galeguistas, a principios do século XX, soñaron e traballaron na construción dunha Europa dos pobos, das persoas, dos dereitos e das liberdades. Pensaron que Galiza tería espazo naquela Europa, terra de asilo, de traballo para tantas persoas que tiveron, e aínda teñen, que fuxir na busca dunha vida mellor. Nas súas viaxes descubriron unha Europa da diversidade cultural onde a cultura e o idioma galego tiñan espazo e vida e moitas mulleres, emigradas na busca dunha liberdade económica que pasaría a ser liberdade persoal, aprenderon dereitos e unha vida nova.
 
Mais esa Europa soñada  neste momento está afogada pola Comisión, polo BCE, pola Troika, onde o único que medra sen ningún control son os beneficios do capital financeiro, o fraude fiscal, a privatización de todos os servizos,  incluído o dereito  a producir, á alimentación saudábel e á soberanía alimentaria, derradeira resistencia do mundo rural europeo que destruirá en tempos ben próximos, o novo Tratado de Libre Comercio cos EEUU onde prevalecen os dereitos das grandes multinacionais de sementes, pesticidas e distribución alimentaria frente ás persoas.
 
En Porto Alegre, nos foros sociais mundiais, a esperanza das persoas que alí estaban berraba  a ritmo de samba “un novo mundo é posíbel se a xente quixer”. Cómpre que ese novo mundo, que este novo proxecto se traslade a Europa e que as persoas que coidan que unha nova Europa é posíbel traballen arreo e día a día nesa utopía que permitirá facer o camiño andando.

Acerca de Encarna Otero

Concelleira en representación do BNG en Santiago de Compostela dende 1991 e voceira municipal desta formación. Desde o ano 1999, é 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira-Delegada de Reabilitación do Casco Histórico, de relacións co Consórcio e de Muller. Tras as eleccións autonómicas do ano 2005 e como consecuencia do cambio de goberno con data 25 de agosto foi nomeada na Consellería de Vivenda e Solo, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.