A convivencia pacífica entre o galego e o castelán: Realidade ou utopía?

“Te explicas tan mal que no te entiendo” “si todos aquí hablamos castellano tienes que hablar castellano” estes son só algúns exemplos dos agravios que unha rapaza de dez anos tivo que sufrir hai escasos días por parte dunha das monitoras do campamento de verán do Centro Hípico Casas Novas de Arteixo. Como cabía agardar a indignación e as manifestacións de repulsa non tardaron en inundar as redes sociais cando os medios de comunicación se fixeron eco desta noticia. Asimesmo organismos como a Mesa pola Normalización Lingüística anunciaron a celebración dunha concentración en resposta á humillación sufrida pola rapaza.

Noticias coma esta déixanme perplexo e fanme pensar que estamos bastante lonxe de ser a sociedade avanzada da que tantas veces alardeamos

Noticias coma esta déixanme perplexo e fanme pensar que estamos bastante lonxe de ser a sociedade avanzada da que tantas veces alardeamos. En todo caso o acontecido estes días invitoume a reflexionar acerca da situación lingüística que se está a vivir na nosa comunidade autónoma. Na miña opinión as distintas concepcións existentes respecto da utilización do galego e o castelán en Galicia poden agruparse en dous grandes grupos: os que conciben a lingua coma unha ferramenta e os que a conciben coma un arma.

O primeiro é afortunadamente o grupo maioritario cuxa característica máis definitoria é a apertura de mente dos seus integrantes, un posicionamento intelixente que explicaremos a continuación. Para os membros deste grupo tanto os galegofalantes, os castelanfalantes como os bilingües merecen o mesmo respecto, polo que atopan baldías as disputas en torno á lingua que cada persoa decida escoller para comunicarse. Como persoas tolerantes que son entenden que existen persoas que empregan o galego ou o castelán dun xeito diferente ó seu e evitan liortas absurdas.

As distintas concepcións existentes respecto da utilización do galego e o castelán en Galicia poden agruparse en dous grandes grupos: os que conciben a lingua coma unha ferramenta e os que a conciben coma un arma

Por outra banda atopámonos co grupo de persoas que concibe a lingua coma un arma, empregándoa como unha excusa para xerar conflito e xustificar dalgún modo un profundo extremismo que os fai incapaces de respectar os puntos de vista diferentes ó seu. De seguro que nalgunha ocasión se cruzaron no seu camiño con individuos que responden a este perfil. O curioso deste grupo é que abarca a persoas con puntos de vista opostos, alomenos a nivel teórico: por unha banda ós fanáticos do galego que parecen desprezar todo aquilo que teña que ver co castelán e por extensión coa cultura do resto do país; e por outro lado inclúe a aquelas persoas "nostálxicas" dos Séculos Escuros que conciben o galego como unha lingua inferior e rexeitan todo o relacionado con ela, dende as variedades dialectais ata as tradicións e as costumes herdadas dos nosos antepasados. Imaxino que se preguntarán por que sitúo dous posicionamentos tan distintos no mesmo grupo. A resposta é sinxela. Como diciamos anteriormente trátase de posturas opostas a nivel teórico pero ambas comparten un rasgo especialmente salientable que dalgún xeito camufla as súas diferenzas. Este rasgo é a intolerancia, unha mala compañeira de viaxe que converte ás persoas en inimigos do diálogo sereno e intelixente e predisponas ó enfrontamento. A intolerancia é prima irmá da incultura e pode que esta última explique en parte os comportamentos negativos que se derivan dela.

Ó meu modo de ver ambos extremos son  igualmente censurables e demostran que, tal e como expresou Aristóteles, a virtude está no termo medio

Resulta obvio que o caso da rapaza que foi aldraxada por empregar o galego é inadmisible nos tempos que corren pero do mesmo xeito resulta reprochable a actitude daqueles que pretenden impor o galego sen respetar as preferenzas de cada persoa. Ó meu modo de ver ambos extremos son  igualmente censurables e demostran que, tal e como expresou Aristóteles, a virtude está no termo medio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.