A necesaria renovación do PSOE: O Congreso Federal, só un primeiro paso

Sobre un fondo escuro, de derrota histórica, coa urxencia táctica de evitar influír negativamente sobre os resultados andaluces e a conciencia responsable da necesidade de facer unha oposición útil, o PSOE convoca un congreso apresurado, sen tempo apenas para unha reflexión de fondo, demorada e integradora.

Total incerteza sobre o resultado. Todo pode suceder este vindeiro fin de semana. Hai un aparente empate técnico, e o voto dos delegados, libre e secreto, fuxe do control dos dirixentes e só poderá ser coñecido cando as urnas se abran.

Existe coincidencia sobre a necesidade dunha renovación a fondo do proxecto socialista. As tensións entre discurso e praxe fixéronse moi patentes nos últimos anos do goberno de Zapatero, no modelo territorial ou na cuestión enerxética, nas relacións coa igrexa ou na cuestión fiscal. Pero tamén porque esta Grande Depresión do século XXI obriga a repensar os equilibrios entre estado e mercado, entre traballo e capital, entre eficiencia e igualdade, que, na miña opinión, están no centro do proxecto socialdemócrata. Esta tarefa comezará, en todo caso, cando o 38 Congreso Federal remate.

Que se vai dirimir en Sevilla, máis alá do poder interno? Dúas cuestións básicas. A primeira, se o cambio comeza xa ou ven continúa unha situación de interinidade –porque así están as cousas desde que Zapatero renunciou a disputar un novo mandato- que permita ao aparato reinventarse, nunha estratexia gatopardesca. A segunda, se hai unha revisión do modelo de partido.

Rubalcaba representa a experiencia e significa a continuidade: estivo no goberno cos dous presidentes socialistas e, como en Mad Max, é unha cabeza intelixente colocada sobre o músculo do aparato de Ferraz. Polo tanto, sería un secretario xeral cargado de pasado e cun futuro curto, co cometido de entreter á tropa para que o aparato poida ter tempo de orientar a escolla do próximo candidato á Presidencia do goberno.

Chacón simboliza a renovación e a aposta de futuro. Un sólido equipo de acompañamento, de Borrell e Narbona a Caamaño, indica a vontade por comezar xa o deseño dun proxecto renovado, sen interregnos, pero de perfís aínda inconcretos. Debe superar o estereotipo que os seus adversarios fabrican: unha imaxe artificial, unha visión curtopracista, unha candidata buchipluma. Avaliada obxectivamente, Chacón é unha candidata crible á Presidencia do Goberno dentro de tres anos e medio, con máis bagaxe e experiencia que JL Rodríguez Zapatero en 2004.

O cambio do modelo de partido é unha esixencia moi maioritaria nas bases.

No modelo de partido-empresa, vertical, controlado por unha oligarquía que se reproduce por cooptación, os militantes están só para aplaudir e pegar carteis. Esta situación terá que mudar, de atender ás pulsións que percorren as bases partidarias. As primarias abertas a simpatizantes para a elección de candidatos externos deberá complementarse coa participación de todos, directamente, na escolla dos cargos orgánicos unipersonais, dando paso a unha organización máis horizontal, participativo e poroso aos influxos da sociedade.

O candidato que mellor saiba surfear sobre esta onda chegará con vantaxe á secretaría xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.