As vellas prácticas continúan

Dende que o malestar de amplos sectores sociais exhibiu a súa intensidade nas prazas e rúas a partir do 15-M de 2011, a case totalidade dos analistas e dos estudos demoscópicos veñen afirmando a consolidación dunha fenda entre o corpo electoral e a meirande parte dos representantes institucionais. O éxito de Podemos nas eleccións europeas de 2014 e os bos resultados obtidos por diversas plataformas unitarias na cita do pasado 24 de Maio certificaron a envergadura da desconfianza que está afectando ao desenvolvemento da vida política.

A pesar dese recoñecemento retórico, o tempo pasa e seguen rexistrándose comportamentos que non se compadecen coa teórica asunción das mensaxes emitidas dende a cidadanía

Neste período de referencia, os dirixentes dos partidos hexemónicos admitiron, con demoras e ambigüidades, que estaban advertidos polos votantes. A pesar dese recoñecemento retórico, o tempo pasa e seguen rexistrándose comportamentos que non se compadecen coa teórica asunción das mensaxes emitidas dende a cidadanía. Os últimos exemplos desa teimuda actitude conservadora están á luz pública:a decisión de aprobar os orzamentos xerais do Estado de 2016 antes da convocatoria electoral e o pacto PPdeG-PSdeG para votar no Parlamento galego a renovación do Valedor do Pobo, do Consello de Contas e do Consello de Administración da CRTVG.

A opción tomada polo goberno de Rajoy non ten precedentes na práctica parlamentaria española. Utilizar a maioría absoluta para sancionar –inmediatamente antes de que se disolvan as Cortes do Estado- as previsións orzamentarias elaboradas polo goberno dun partido que ten plena consciencia da perda da súa actual posición maioritaria no vindeiro Parlamento, é un insulto á intelixencia do corpo social e constitúe unha vulneración das regras non escritas que rexen o funcionamento dun sistema democrático. Ademais da perversión que supón converter o debate orzamentario nun acto de precampaña electoral, aprobar esta importante lei antes de que se abran as urnas establece unha intolerábel chantaxe para a nova maioría parlamentar que se poda conformar. Se Mariano Rajoy –por indicación de Merkel ou para acreditar a súa ben coñecida actitude submisa ante os poderes económicos- considera imprescindíbel dispor das previsións orzamentarias antes de que remate o presente ano podería adiantar as eleccións o tempo necesario para cumprir o calendario que desexa para as contas públicas. Poren, o camiño elixido non é inocente. Pretende dificultar por todos os medios a eventualidade dunha futura política económica alternativa.

Por que o PPdeG e o PSdeG non buscaron persoas capaces de suscitar un consenso coas restantes forzas parlamentarias? Acaso non existen esas persoas no ámbito da xudicatura, no mundo académico ou no campo dos medios de comunicación?

No caso do acordo entre populares e socialistas no Parlamento do Hórreo, a pedagoxía que se difunde tamén resulta moi negativa. Despois de varios anos sen cumprir os prazos para cubrir as vacantes existentes no Valedor do Pobo, no Consello de Contas e para levar adiante a renovación do Consello de Administración da CRTVG esixida pola nova lexislación vixente neste eido, o consenso entre ambos partidos faise realidade en poucas semanas por mor da existencia de intereses partidistas compartidos. Se durante moitos meses a institución do Valedor puido funcionar cun titular interino e o Consello de Contas foi quen de fiscalizar a situación económico-financeira das administracións públicas con tres membros –dos 5 previstos nas normas vixentes-, a tentación de pensar que ambos organismos resultaban innecesarios era algo mais que unha “boutade” populista: tiña o fundamento argumental servido pola pasividade suicida dos partidos maioritarios. E cando deciden rematar coa inhibición, apostan por unha solución que se corresponde coas peores tradicións da vella política: fixar unhas cotas partidarias e seleccionar ás persoas en función do nivel de afinidade das mesmas coas forzas propoñentes. Por que o PPdeG e o PSdeG non buscaron persoas capaces de suscitar un consenso coas restantes forzas parlamentarias (AGE, BNG e Grupo Mixto)? Acaso non existen esas persoas no ámbito da xudicatura, no mundo académico ou no campo dos medios de comunicación? Se houbera vontade política, sería posíbel atopar aqueles nomes e apelidos que facilitasen a desexada unanimidade para desempeñar uns cargos cuxos mandatos sobordan os prazos da actual lexislatura. Pero o PP quería outra cousa:asegurar a súa influencia nestes organismos de control aínda que perda a maioría absoluta que hoxe posúe na Cámara galega. A lamentábel complicidade da dirección do PSdeG vai facer posíbel semellante plan.

As forzas do vello bipartidismo resisten no seu mundo feliz sen querer aceptar as mensaxes de rexeneración que chegan dende os sectores mais críticos da sociedade

Polo que se ve, as forzas do vello bipartidismo resisten no seu mundo feliz sen querer aceptar as mensaxes de rexeneración que chegan dende os sectores mais críticos da sociedade. O problema para eles é que, ao mellor, non teñen unha segunda oportunidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.