A favor de nós

Unha amiga preséntase con franqueza, “son ex fumadora intolerante”. A quen non foi ou non é adicto ao tabaco iso pódelle resultar sorprendente, porén semella que é relativamente común esa actitude entre ex fumadores. Semella que os procesos físicos no corpo do adicto desencadena procesos síquicos que causan unha profunda repulsión. O tabaquismo, ou calquera outra adición, intervén nos nosos comportamentos e nas nosas vidas, une ou separa persoas e, mesmo, chega a modelar unha parte da identidade persoal.

E teño constatado ao longo de décadas a existencia concreta dun fenómeno político semellante ao dalgúns ex fumadores, persoas “ex bng”. Desde que eu lembro foron saíndo xeracións de militantes díscolos e queimados que manteñen unha relación ambivalente, íntima e espesísima coa UPG, BN-PG e BNG.

Nunca militei na UPG, no BN-PG nin no BNG por diferenzas sobre as análises sobre a sociedade e o tempo histórico e tamén porque non compartía a súa cultura política e organizativa. Ninguén é perfecto e ningún partido tampouco. O Bloque tivo e aínda ten defectos e insuficiencias aínda que, contra o que se nos di e repite, non foi ou é o Bloque tan distinto doutras organizacións. No PSOE o “guerrismo”  (“el que se mueve no sale en la foto”) é dominante e  acabamos de ver en Madrid como a direción corta cabezas e cambia a fechadura da agrupación madrileña con nocturnidade. Imaxinen se fixese iso un partido galego o que diría a prensa. Nos anos oitenta lembro en IU e en CCOO, liortas, asaltos a sedes e mesmo bombas entre militantes. En Podemos oímos invocacións ao asambleísmo por parte dunha grupo na dirección que impón os seus criterios a unha maioría que asinte...Onde vas, boi, que non ares. Tanto a cultura da esquerda como os proxectos colectivos das nacións negadas nacen da imaxinación e das emocións, pesa moito o lado irracional.

O que haxa de recoñecemento nacional da Galiza débese ao BNG [...], aínda que é evidente que non foi o instrumento que o país segue a precisar

A día de hoxe o que haxa de recoñecemento nacional da Galiza entre nós e fóra de nós débese á existencia do BNG. E ninguén lle pode negar o valor da súa militancia que penetra todo o país e mantense en minoría defendendo posicións fortemente atacadas. Aínda que é evidente que, tal como chegou aquí, non foi o instrumento que este país segue a precisar para ser dono de si e afrontar os seus problemas, mais é unha peza esencial e aínda imprescindíbel para construirmos unha nación libre de cidadáns e cidadás libres. E de aí vén a súa demonización constante desde o poder. 

Resulta moi difícil de explicar que persoas que até hai dous anos partillaban as mesmas siglas teñan agora visión tan distintas da sociedade que as leven en camiños contrarios. Imaxinamos que uns e outros coñecen a historia do noso país e o lugar que lle tocou na construción do Reino de España, que saben que os dramas sociais e os problemas económicos da Galiza veñen da súa derrota e submisión a un centralismo que impediu aproveitar os nosos recursos, que os expoliou e que nos condenou por séculos á emigración e ao actual drama demográfico. Sendo así e sabendo iso, como non habemos poder todos e todas dialogar e mirar de superar diferenzas para construir unha unión? Partindo diso, e supoñendo boa fe por todas partes, o único que pode explicar que unha organización galega unicamente fale con organizacións madrileñas e se negue a sentar a falar con outra galega é o síndrome do ex fumador.

Como non habemos poder todos e todas dialogar e mirar de superar diferenzas para construir unha unión?

A cidadanía que desexamos ese fin maior temos o deber de dicir a uns e outros que os conflitos entre antigos comilitantes, por traumáticos e desagradábeis que fosen, non poden ser admitidos como unha escusa para negarlle a este país tan necesitado a oportunidade de termos un grupo parlamentar propio no Congreso. Un grupo que, de ir unida a esquerda nacional galega, podería conseguir entre seis e oito deputados, que condicionaría gobernos e presupostos e que sería o primeiro paso para que, non sería sen tempo, as nosas insticuións fosen gobernadas desde aquí e non ao servizo de intereses alleos e contrarios.

Os conflitos entre antigos comilitantes, por traumáticos e desagradábeis que fosen, non poden ser admitidos como unha escusa para negarlle a este país tan necesitado a oportunidade de termos un grupo parlamentar propio no Congreso

O Estado Español afronta unha crise profunda que o vai obrigar a recoñecer a existencia de nacións no seu seo actual e as inxustas relacións internas nas que se basa un madrileñismo voraz e atroz. Arestora Canarias, Navarra, Euskadi e Catalunya xa están gobernadas por forzas propias e no País Valenciá cogoberna Compromìs. Vai ficar a Galiza como catro provincias rendidas e submetidas ás estratexias do centralismo?

O que expresa e garante a existencia dun país non é o marco xurídico, como se adoita dicir, dese modo a comunidade autónoma de La Rioja e Catalunya terían a mesma natureza política e non é o caso, pois a sociedade catalana ten as súas propias organizacións políticas e son estas as que crean a nación catalana. Do mesmo xeito, os partidos estatais e as súas estratexias son o que apoia, reproduce e estrutura o Estado tal como é e as relacións de poder internas existentes.

A experiencia política demostrou recentemente a incapacidade do Estado Español para recoñecer as nacións negadas, o Tribunal Constitucional marcou o límite que pon o poder madrileño. Non haberá existencia nacional ningunha se non se lle impón ao Estado, non haberá nación galega sen a mobilización cívica tras organizacións propias. Contra os soños de guerreiros adolescentes, que reflicten e expresan frustración, non había nada que aprender da violencia vasca, senón da dignidade cívica da sociedade catalá. Non é a obriga da cidadanía galega construír a nosa expresión política propia? Non estamos obrigados a dialogar e construír unha unión?

Non é a obriga da cidadanía galega construír a nosa expresión política propia? Non estamos obrigados a dialogar e construír unha unión?

O camiño a andar quen mellor nolo mostran son os medios de comunicación ao servizo do poder. Cando alguén obxective con honradez un balance daquel goberno bipartito da Xunta verá que o seu balance foi fundamentalmente positivo para a sociedade, porén foi atacado sistematicamente desde os medios de comunicación. Moi concretamente a campaña dalgúns medios no último ano daquela lexislatura, mesturando torpezas con insidias e agrandando a súa importancia, conseguiu manipular a opinión, que o BNG perdese un deputado na provincia coruñesa e que ese deputado pasase ao PP. Ese deputado de diferenza foi o que lle deu a maioría ao PP. Marchou Touriño e chegou Feijóo. Aprendamos a leción. Tanto Touriño como Quintana cometeron erros, mais nin eles nin nós mereciamos o que nos trouxo Feijóo.

Resaltan as dificultades para dialogar as organizacións galegas a e animar a subsumirse en estratexias de dependencia madrileña. Demonizar a uns e dividirnos a todos, esa é a estratexia dos poderes dominantes

O que están a facer agora é o mesmo que levan facendo desde hai tempo, impedir que o noso país exista cun mínimo de dignidade e capacidade de solucionar os seus problemas. Arestora están a resaltar as dificultades para dialogar as organizacións galegas a e animar a subsumirse en estratexias de dependencia madrileña. Demonizar a uns e dividirnos a todos, esa é a estratexia dos poderes dominantes.   

O 25 de Xullo pediunos a todos e todas o camiño da unidade e demostrou que é posíbel, sendo así non hai outro. Non seguilo había ser unha frivolidade caprichosa, un narcisismo

O 25 de Xullo pediunos a todos e todas o camiño da unidade e demostrou que é posíbel, sendo así non hai outro. Non seguilo había ser unha frivolidade caprichosa, un narcisismo e unha falta de visión de país culpábel en quen pretenda ter responsabilidades políticas.

O camiño sinálao a figura de Alexandre Bóveda, dentro duns días celebraremos a memoria desa paixón social e nacional que tivo sorte tráxica e a que agora debemos darlle forma esperanzadora e alegre. Esa ilusión estámola a construir con esforzo, contra quen faga falta e a favor de nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.