0 Gardados para despois

Xosé Mª Dios Diz

As listas de espera na Sanidade Pública: estratexia política?

En xaneiro de 2014, o goberno do PP publica a Lei 12/2013, do 9 de decembro. Chámase, eufemisticamente, Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias. Que pretende o PP con esta lei? Veremos que só beneficia a sanidade privada. A lei regula os tempos máximos nos que @s usuari@s do Sistema Sanitario Público, serán atendid@s. Pero: onde serán atendidos? Os prazos que recolle a lei, falan de 60 días para intervencións cirúrxicas, 45 días para consultas externas e 45 días para probas diagnósticas e/ou terapéuticas. Pois ben, as consecuencias desta lei, son que a sanidade privada, estará financiada con diñeiro público, e no mesmo plano que a Sanidade Pública. Tendo en conta as listas de espera expostas pola consellería estes días, vemos que no CHUS a espera en cirurxía, está en 65,7 días. Esto implica que tod@s @s doentes que estean en lista de espera e non sexan chamados no tempo estipulado pola lei, poden acudir á medicina privada que o Sistema Sanitario Público, farase cargo do pago dos servizos feitos (evidentemente quen teña cartos para pagalo de forma anticipada, que logo o Sistema Público llo devolverá.....): medicina para ricos e medicina para pobres. Así, a medicina privada, sae beneficiada en grao sumo polo propio incumprimento da lei, favorecido polo Sistema Sanitario Público.

Por que se produce todo isto? Se a taxa de reposición d@s profesionais estaba no 10%, e agora no 50%, (dín que no 2016 pasa o 100% de novo, logo algo non funcionou ben ata o de agora ou xa fixeron o traballo sucio que tiñan que facer.......) é evidente que con menos persoal, temos menos servizos. Se xa temos listas de espera, se o persoal diminúe, é evidente que as listas de espera aumentan. Se engadimos o peche de camas que se produce, xa dende o 15 de xuño, temos como consecuencia que en lugar de dotar de máis persoal e camas, para cumprir a lei, o Sistema fai o contrario. A consecuencia evidente é o aumento das listas de espera.

Como se pode penalizar a un/ha doente, a non aplicarlle os criterios de gravidade, efectividade e oportunidade da atención sanitaria, por exceder uns prazos, marcados polo propio Sistema Público?

Ademais, se @ doente renuncia a ser atendido na sanidade privada, perde os dereitos a ser atendido nun centro da Sanidade Pública. Como se pode penalizar a un/ha doente, a non aplicarlle os criterios de gravidade, efectividade e oportunidade da atención sanitaria, por exceder uns prazos, marcados polo propio Sistema Público? É o propio sistema o que beneficia descaradamante á privada. O Sistema Sanitario Público, é o único que garante que tod@s recibamos a mesma atención, garantindo que sexa Pública, Universal, Gratuita e de Calidade como marca a Constitución e o Estatuto de Autonomía. Pero o propio sistema actual, rexido polo PP, fai que a propia lei non se cumpra.

Dende hai 3 anos, temos unha xerencia única, que atende a cerca de 800.000 persoas; non existe especificamente un/ha xerente para Especializada e outr@ para Atención Primaria. A unificación das xerencias non é algo que favoreza a Atención Primaria, porta de entrada no Sistema Sanitario Público. Se temos en Primaria lista de espera pola baixa tasa de reposición, @s doentes acudirán aos servizos de urxencias, que polo mesmo motivo, se verán saturados. Se por riba se pechan camas e non se dota as plantas dos hospitais co persoal necesario, a xente acumúlase nos servizos de urxencias. Ao final, o que se produce é un acúmulo de doentes nas listas de espera oficiais. Pero temos tamén as listas de espera do “xa o chamaremos”: xente que non figura en ningures, está en stand by, e non computa como paciente en lista de espera. Logo: se xa son dramáticas as cifras das listas de espera, temos @s doentes que non están rexistrados (calquera que teña un/ha familiar ou amig@ que demande asistencia, sabe ben de que falo). Esta é a Sanidade Real e non a que nos quere vender a consellería de sanidade.

Temos tamén as listas de espera do “xa o chamaremos”: xente que non figura en ningures, está en stand by, e non computa como paciente en lista de espera

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela, temos na nosa páxina web, unhas SOLICITUDES DE RECLAMACIÓN, dirixidas ao Xerente de Xestión Integrada de Santiago, para cando se producen as demoras en consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas. Presentándoas no rexistro do CHUS, o xerente terá que dar resposta a cada caso de demora na asistencia.

Outro tema a ter en conta é a externalización de servizos e a contratación de multinacionais para a adxudicación de equipos diagnósticos (recentemente, 48,3 millóns de euros a Philips polos equipos de imaxe). Ó grupo Varian Medical System Ibérica, concedéronlle 25 millóns de euros para o tema da Radioterapia en 2015. O Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad (IDIS) acaba de publicar uns datos demoledores: no ano 2.000, no estado español, a Sanidade Privada constituía o 7,21%, actualmente está no 10%. Conta con 455 hospitais, o que representa o 53% do total dos centros hospitalarios construidos, con 52.360 camas (o 33% do total). Crece a un ritmo do 3% anual. Grupos como Ribera Salud ou Vithas, facturaron no ano 2.014, 300 millóns de euros.

A Sanidade Pública é a única que garante que todas e todos recibamos unha asistencia sanitara digna. E que non perdamos un dos piares básicos do estado do benestar: depende de nós. Temos que impedir que se destrúa o ben máis prezado da persoa, que é a súa saúde.

Acerca de Xosé Mª Dios Diz

Xosé María Dios Diz é voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela.