Candidatura unitaria: tres preceptos básicos

Moito se vén falando da conveniencia dunha candidatura de unidade Galega, e moito máis se vai seguir falando despois de asistirmos a unha fin de semana histórica onde se celebraron os dous encontros que trataron este asunto. Permitídeme logo, que deixe a miña curta opinión sobre os tres
piares que, ao meu entender, deben sustentar este proxecto.

En primeiro lugar é necesario volver vernos no futuro igual que nesta fin de semana. É dicir, coas facianas cheas de ilusión, de ledicia e pensando nada máis ca en positivo e en sumar. As sospeitas e a desconfianza non van axudar nin ao proceso nin ao proxecto. Debemos ter presente, e ben presente, os numerosos puntos que nos unen, e botar cara a unha beira aqueloutros máis pequenos onde disentimos.

Como segunda cuestión parece claro que a candidatura de unidade Galega é, e debe ser, iso: Galega. Non debemos ser, dentro das Cortes Españolas, comodín de ninguén máis que das propias Galegas e Galegos.

Por último, dicir que: quen pretenda confluír sen entender que o orgullo non vai ser un bo aliado. Quen non entenda que aquí todas e todas xogamos en igualdade de condicións e coas mesmas regras. Quen non se decate que é necesario que todas e todos cedamos e perdamos un POUCO para que todas e todos gañemos MOITO, e finalmente, quen non honre ao himno Galego cando di de ser bos e xenerosos, estará contribuindo a que non logremos entendernos e con pouco arroubo atendermos ao que tan urxentemente necesita o pobo Galego: “UNHA CANDIDATURA DE UNIDADE”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.