Festexar a derrota

A ninguén se lle escapa que o entramado taurino sofre nos últimos meses un importante retroceso no noso país. A cita do 24 de Maio foi fundamental, iso si, para acelerar na conformación de respostas institucionais que chegarían a importantes decisións para o movemento cidadán que cuestiona as touradas, cun dos exemplos máis claros na cidade da Coruña, onde o goberno local apostou por rescindir un contrato da feira taurina, o último ano que restaba de concesión, coa máxima do interese público.

O 78% das coruñesas e coruñeses xa avalaba que os poderes públicos non subsidiaran eventos de maltrato e crueldade cara aos animais e o lobby taurino foi incapaz, máis alá de respostas estrafalarias e da súa ultraminoría en determinados medios de comunicación, de convencer a cidadanía das supostas "bondades" de torturar a un animal con cartos de todas.

Todas as enquisas e estudos de opinión amosan a unha porcentaxe inframinoritaria apoiando a tauromafia en Galicia, e un espazo contrario que non deixa de medrar

A reducida feira da Peregrina, a única que se desenvolve nunha praza de touros que non é de madeira na nosa terra, en Pontevedra, semella ser o último reduto do goce da violencia e do sangue de touros como espectáculo e incluso oferta de ocio para algúns. Non obstante, todas as enquisas e estudos de opinión amosan a unha porcentaxe inframinoritaria apoiando a tauromafia en Galicia, e un espazo contrario que non deixa de medrar.

Por iso, facendo números resulta curioso que o último que poidan facer os taurinos sexa festexar unha derrota. E a súa nova derrota é Triacastela, unha vila da montaña lucense de apenas setecentos habitantes e cun Partido Popular local facendo de vertedoiro do entramado taurino de Sarria, a escasos 20 quilómetros de distancia. A mudanza política en Sarria fixo decaer os subsidios, máis a rápida e ideolóxica resposta de edís do PP fixo o traslado sen traumas para eles e cun evidente enfado da veciñanza.

Agora vemos como o lobby taurino festexa unha praza portátil enlamada e fronte a unha protesta de veciños e activistas

En Triacastela non queren touradas e moito menos converterse no epicentro lucense da mutilación animal. E agora vemos como o lobby taurino festexa unha praza portátil enlamada e fronte unha protesta de veciños e activistas. Fronte ao sorriso cómplice dunha alcaldesa que seica é socia dunha protectora de animais (ver para crer) quedará o avanzo dunha cidadanía crítica que considera o maltrato animal un elemento prescindible da nosa Sociedade.

Que festexen as derrotas, nós non perderemos o Norte e acabaremos coa tauromafia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.