0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

O absurdo da recentralización

A realidade territorial e poboacional galega é moi diferente á castelá, andaluza ou levantina, porque temos máis do 50% dos núcleos de poboación do Estado con só o 6% do seu censo. Velaí que as leis xerais que se facían dende Madrid no nível territorial descoñecían fondamente a nosa realidade e facían máis prexuízo ca beneficio.

A  Lei de Costas do 1988 impuxo condicións moi duras de restrición de usos nos primeiros cen metros de territorio dende a costa, se non estaban xa consolidados como núcleos urbanos. A solución non servía para salvar determinados núcleos rurais tradicionais galegos consolidados nas nosas Rías Baixas. Velaí que na Lei do Solo do 2002 e na Lei de Vivenda do 2009 o Parlamento galego, por unanimidade, ampliou a solución da lei estatal para salvar estes núcleos tradicionais, onde moran non centos, senón milleiros, de persoas. Pois ben, o Tribunal Constitucional vén de anular esta norma galega por suposta inconstitucionalidade. Outravolta deixa na ilegalidade a estas persoas que mañá poden ser desaloxadas das súas casas.

Sufrimos outra das inxustizas e inconveniencias da mentalidade recentralizadora na supresión da gratuidade do transporte sanitario non urxente

Recentemente sufrimos outra das inxustizas e inconveniencias da mentalidade recentralizadora na supresión da gratuidade do transporte sanitario non urxente, que afecta, por exemplo, aos enfermos crónicos que precisan diálise. Semella que a norma española cre que todos os doentes viven en cidades e núcleos comunicados por tren, metro ou frecuentes liñas de bus.. Velaí o gravísimo prexuízo para os doentes que viven no noso rural.

A última ocorrencia recentralizadora é a de potenciar as Deputacións para que lle sirvan de contrapoder aos Gobernos autonómicos

A última ocorrencia recentralizadora é a de potenciar as Deputacións para que lle sirvan de contrapoder aos Gobernos autonómicos. Semella que Rajoy aposta polas provincias e que as autonomías sexan meras Mancomunidades de Deputacións. De se confirmar, sería o peor sistema canto ao aforro e duplicidades, máis tamén para garantir a cohesión social e reactivación económica  na nosa Galicia.

 

A arrincadeira

O Goberno do Estado conta,si, coa información das Policías españolas e da Europol para verificar o mantemento da capacidade militar de ETA. Mais os prestixiosos verificadores internacionais que agora rexeita poderían garantirlle a realidade da disolución organizativa e neutralización operativa da ETA en poucos meses. Semella, cando menos, pouco intelixente ignorar a competencia profesional e bó facer destas persoas, afeitas a resolver conflitos.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema