A praga da velutina

Non todas as administracións están de acordo coa xestión do problema da avéspora asiática no noso país. Non todos os concellos delegan na Xunta de Galiza este grave asunto. Non todos os gobernos agochan as dificultades debaixo da alfombra e fan propaganda institucional en lugar de política. Non todos os alcaldes se pregan aos ditames da Consellaría que toca. Non. Diso nada. Tamén hai xente que exerce a súa autoridade para darlle solucións aos verdadeiros problemas da cidadanía.

Un deses exemplos foi a recente reunión convocada polo Concello de Ponteareas xustamente o día de San Bartolomeu, patrón de Xove, onde as persoas afectadas decidiron erguerse do cómodo sofá no que continúan sentados algúns rexedores municipais mentres a vespa velutina continúa a expandirse. Hoxe trátase dos sectores da apicultura e da fruticultura, pero mañá pode ser calquera outro.

Algunhas das medidas aprobadas pola veciñanza desta localidade pontevedresa atinxen algúns aspectos que cómpre salientar:

  • Propoñer á Consellaría do Medio Rural que habilite un fondo para que os municipios afectados poidan adquirir as ferramentas necesarias para eliminar os niños de avespa asiática.
  • Promover que sexan as propias administracións locais as que realicen a labor de retirada dos avesporeiros en colaboración co ramo apícola, tendo en conta a ineficacia de Tragsa neste tipo de traballos.
  • Pedirlle á Xunta de Galiza que intensifique a distribución de trampas para colocar no vindeiro outono e na próxima primavera.
  • Solicitar da Administración autonómica que desenvolva traballos de investigación neste eido, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura, debido ao descoñecemento de moitos aspectos no comportamento deste insecto.
  • Poñer en marcha cursos de formación nesta materia para o persoal do Corpo de Bombeiros e do Servizo de Protección Civil e Emerxencias.
  • Informar a poboación sobre os perigos da presenza desta especie na comarca do Condado e sobre os pasos a seguir no caso de detectaren algún niño da velutina.
  • E por último, pedirlle á Consellaría do Medio Rural que realice unha declaración oficial da existencia dunha PRAGA de avespa asiática, admitindo os grandes prexuízos económicos e medioambientais que está a provocar.

O modelo ponteareán tamén se podería aplicar na Mariña tras a súa adaptación ás circunstancias propias da nosa bisbarra. Porque os bos exemplos débense compartir, aínda que para iso é obrigado sermos de mente aberta. Esa é a gran diferenza entre os sabios e os resabidos. Os primeiros actúan. Os segundos presumen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.